Un ano máis contámosvos as experiencias dos nosos alumnos/as na Maker Faire Galicia onde presentan os proxectos que realizan ao longo do curso. Como sempre vos dicimos, as ideas dos nosos makers son proxectos reais nos que propoñen solucións a problemáticas actuais da sociedade.

Durante anos anteriores 2017, 2018 y 2019 moitos dos proxectos recibiron premios na categoría de  Minimakers mediante o voto popular. Recomendámosvos que lles botedes unha ollada, hai auténticas xoias. 😉

O ano 2020 vai ser lembrado por moitos pola pandemia e o seu impacto, pero non por iso os  makers de VermisLAB, deixaron de crear e achegar a súa creatividade a novas solucións de todo tipo. Unha vez máis deron un gran exemplo de traballo e esforzo, da mesma maneira que o fixo toda a comunidade de makers na loita contra o covid19.

Así, baixo estas circunstancias a Maker Faire Galicia realizouse en formato totalmente virtual a través dunha plataforma interactiva na que os visitantes podían visitar aos makers navegando polo espazo da Ciudade da Cultura.

Os nosos pequenos inventores (makers) montaron as súas casetas nas instalacións de VermisLAB e de maneira remota participaron na feira compartindo os seus proxectos con makers de todo o mundo. Ademais os visitantes á feira tamén podían coñecer o espazo de VermisLAB a través da súa web e acceder aos proxectos dos nenos e nenas.

Uns dos beneficios de que a feira fose virtual foi que, ao mesmo tempo que expoñían os seus proxectos, puideron asistir e falar con makers doutros países e preguntarlles sobre os seus prototipos e aprender deles. A creación de comunidade é un dos valores máis importantes do mundo maker e ter contactos aos que acudir serviralles moito no futuro.

Agora que xa falamos das particularidades da edición do 2020, podemos adentrarnos e facer un pequeno resumo dalgúns dos proxectos que participaron.

Proxecto Ergonomic:

Este grupo presentou un proxecto que axuda a previr lesións causadas por malas posturas na oficina. Detectaron e viron estudos do importante que é manter a distancia coa pantalla do computador, tanto para a vista como para as costas e resto do corpo para así evitar lesións. 

Para iso deseñaron un dispositivo que detecta a posición respecto á pantalla e se a distancia é máis curta do recomendable apaga a pantalla ata que a persoa corrixa a posición.

ergonomic vermislab

Recibiron o segundo premio na categoría de estudantes da Maker Faire Galicia (minimakers).

Antisleeping car:

O proxecto realizado polo grupo demakers, consistiu nun prototipo que simulaba un sistema de seguridade para evitar os accidentes por causa do soño ao volante.

O grupo de mozos e mozas creou un sistema de medición biométrico que envía datos ao coche de tal maneira que se o ritmo cardíaco cambia a uns parámetros non habituais durante a condución ou o volante deixa de suxeitarse durante un período de tempo non seguro, o coche reacciona automaticamente a eses valores baixando a velocidade progresivamente e creando un sistema de alarma.

Antisleeping car

Habitación domótica – Watch-up room:

O proxecto consiste na domotización dunha habitación que continúa en progreso e inclúe desde persianas automáticas con programación por horas, cama que se fai soa e outros dispositivos que axudan a facer o día a día máis fácil.

habitación domótica

Recibiron o primeiro premio  na categoría de estudantes (minimakers).

Asegurador de non chocar. Anti-crash system:

Este grupo de makers levou a cabo un proxecto para evitar os choques entre coches mediante a comunicación entre eles. O seu prototipo é unha simulación do sistema no que testean diferentes variables como a velocidade e distancia entre os vehículos. Este sistema de comunicación entre automóbiles terá cada vez máis sentido cos coches intelixentes e o internet das cousas, onde os coches formarán unha rede de nodos que se comunican e intercambian parámetros para facilitar a circulación.

 

Proxecto Smart city:

Este proxecto consiste na creación dun sistema de indicación de roteiros seguros na cidade en caso de emerxencias. Isto lévase a cabo mediante o control da iluminación da cidade que marca os camiños recomendados nas devanditas situacións.

O prototipo realizado monitoriza entrada con problemáticas en diferentes localizacións da cidade que son resoltas de maneira automática para chegar dun punto de partida a un punto de chegada.

O ano 2020 ademais foi a primeira vez que se realizou a Game Maker JAM, un concurso de creación de videoxogos con formato Hackathon. Este formato consiste no desenvolvemento do videoxogos en tempo record (a duración das xornadas abertas da feira, 36 h). O reto consistía na creación dun videoxogo coa temática “Pitabots” (galiñas robóticas), que foran as protagonistas da Maker Faire Galicia 2019.

O gañador resultou ser un alumno da actividade Gamemakers de VermisLAB. Diego creou o xogo “Pitafarm” que resultou ser un éxito total e levou o primeiro premio do xurado.

pitafarm vermislab

 

Todos os proxectos teñen especial mérito dadas as circunstancias e o pouco tempo para o seu desenvolvemento. Un ano máis as pequenas e pequenos demóstrannos que son capaces de crear solucións a problemáticas reais e que están cada vez máis preparados para o futuro. Un futuro no que a creatividade e a capacidade de adaptación serán claves.

Os  makers de VermisLAB traballan con metodoloxías áxiles como o  design  thinking, fan uso do pensamento científico, utilizan técnicas de creatividade para a xeración de ideas, aprenden a darlle uso útil ás tecnoloxías do mundo maker, traballan en equipo para enfrontarse a grandes retos e ensínannos que as cousas se poden levar a cabo con ganas, optimismo e curiosidade por aprender.

Se queres inscribirte nas actividades de VermisLAB, fai click aquí e infórmate.