Este ano a Maker Faire Galicia celebrou o seu 10º aniversario e, como novidade, estreou un novo formato dividido en tres xornadas ao longo do ano, cada unha centrada nunha temática diferente: emprendemento e innovación social, industria e oficios.

O pasado 29 de xuño tivo lugar a primeira destas xornadas, dedicada ao emprendemento e á innovación social, e regresou ao lugar onde todo comezou: o centro comercial Área Central de Santiago de Compostela. Durante ese día o espazo encheuse de proxectos makers, talleres, experiencias interactivas e charlas inspiradoras que puxeron no centro o impacto social positivo das iniciativas presentadas.

Como non podía ser doutro xeito, en VermisLab volvemos participar con moitísima ilusión, acompañando aos nosos/as makers, que presentaron os seus proxectos innovadores e demostraron unha vez máis o seu talento, compromiso e capacidade para crear solucións a problemas reais que melloren o mundo que nos rodea.

Un ano máis, os/as nosos/as makers traballaron baixo a filosofía do Movemento Maker e o Design Thinking, poñendo ás persoas no centro, buscando solucións con impacto social e compartindo os seus resultados para que a comunidade poida beneficiarse das súas propostas.

Aquí vos deixamos un resumo dos proxectos que levaron este ano á Maker Faire Galicia nesta xornada de emprendemento e innovación social. Unha auténtica marabilla!

Os proxectos de VermisLab na Maker Faire Galicia 2024

Milojos: Como ven os insectos 🐞🔍

Este proxecto Biomaker permítelle aos participantes experimentar como ven os insectos. Óscar, Mateo e Xián deseñaron unhas gafas feitas con cartón e corte láser que simulan a visión multifacetada de diferentes especies. Durante o proceso, aprenderon sobre o papel esencial dos insectos nos ecosistemas e a importancia de coidar o medio ambiente. Un proxecto que combina ciencia, creatividade e compromiso coa natureza.

ALumnos de vermislab en el stand de su proyecto Milojos

2ndLife: Darlle unha segunda vida aos materiais ♻️✨

O proxecto 2ndLife agrupou diferentes propostas centradas na reciclaxe, a reutilización e a sustentabilidade, con enfoques moi diversos:

Biomateriais sostibles

Alicia creou produtos útiles e decorativos a partir de biomateriais e materiais reciclados, ofrecendo alternativas reais ao uso de plásticos. Un proxecto que demostra como a creatividade pode transformar o impacto ambiental.

Reciclaxe téxtil

Adrián, Lia e Xiana deseñaron kits de costura e roupa para bonecas a partir de tecidos reciclados. Aprenderon técnicas de costura e valores como a sustentabilidade, o traballo en equipo e a importancia de reducir residuos.

LovelyOrganic

Aroa, Antía, Alicia, Irea e Naia desenvolveron produtos derivados de papel reciclado feito por elas mesmas, demostrando como pequenas accións poden contribuír a un mundo máis sostible.

Alumnas de vermislab en el stand de su proyecto

Coches antigos en cartón FPV 🚗🎮

Anxo, Iago, Anxo P., Anxo V. e Mario sorprenderon cun proxecto que mestura o clásico co moderno: coches antigos feitos en cartón, controlados a distancia cun volante inalámbrico e visión en primeira persoa (FPV). Un proxecto que combina deseño, reciclaxe, electrónica e diversión, promovendo a aprendizaxe activa e o traballo en equipo.

Play with Me 🎲🤖

Anxo, Iago, Anxo P., Anxo V. e Mario tamén presentaron Play with Me, unha innovadora bola de metacrilato interactiva que propón diferentes modos de xogo multixogador para fomentar a interacción e combater o illamento social. Empregando Microbit, sensores e impresión 3D, crearon unha ferramenta lúdica que potencia as habilidades motrices, a programación e a colaboración.

Escape Ruuuum 🚀👽

Paula, Sara, Xavier, Andrés e Rodrigo presentaron Escape Ruuuum, un escape room temático onde os participantes deben escapar dunha nave espacial antes de ser abducidos por vacas alieníxenas. O proxecto combinou programación, electrónica, Arduino, impresión 3D e deseño de desafíos lúdicos e educativos. Unha experiencia inmersiva que puxo a proba o pensamento crítico e a capacidade de resolución de problemas.

MineQuest 🎮🛠️

Celso, Albela, Siro e Yoel fusionaron o mundo físico co universo Minecraft en MineQuest, un xogo de mesa interactivo que incorpora sensores RFID, Arduino, pantalla OLED e desafíos maker reais. Cada casilla do taboleiro propón probas que combinan o mundo dixital e o físico, potenciando a aprendizaxe activa, a resolución de problemas e o traballo en equipo.

Cidade Modular🌟

Alex, Senén, Yago, Daniel, Frida, Noa, Carolina, Adrián, Malva, Camilo e Pablo crearon Cidade Modular, unha cidade en miniatura onde cada edificio, impreso en 3D ou cortado con láser, se conecta a unha central eléctrica que reparte enerxía e ilumina os módulos correctamente enlazados. O proxecto combina deseño urbano sostible, comprensión de sistemas eléctricos e traballo colaborativo, fomentando o pensamento crítico e o uso de tecnoloxías de fabricación dixital.

Foi un orgullo ver aos nosos/as makers tan implicados/as e presentando os seus proxectos con tanta paixón. Unha vez máis, demostraron que o importante non son só as ferramentas que utilizan, senón as habilidades que desenvolven: traballo en equipo, creatividade, pensamento crítico e capacidade para resolver problemas, competencias esenciais para o futuro.

Este ano, ademais, vivimos un momento moi especial: a nosa compañeira Paz recibiu o recoñecemento como Maker de Honra 2024, un galardón que pon en valor a súa traxectoria, entrega e compromiso coa educación, a innovación e o movemento maker. Foi unha honra inmensa poder acompañala neste momento tan merecido e emocionante.

Foi unha xornada inesquecible e xa estamos desexando volver participar nas próximas citas da Maker Faire Galicia 2024. 🚀💚

Deixámosvos por aquí o vídeo resumo da xornada para que poidades ver un anaco do que foi esta experiencia tan especial.