Volveu a Maker Faire Galicia de forma presencial! A feira volveu ocupar a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a primeira semana de xuño. Nese tempo o recinto encheuse de proxectos makers, talleres e charlas divulgativas sobre ciencia, tecnoloxía e educación.

Como non podía ser doutra maneira, VermisLAB volveu participar cos proxectos dos/as nosos/as Makers, dous dos cales recolleron o 2º e 3º premio da Maker Faire na categoría  MiniMaker. 

Como todos os anos os/as makers parten de problemas reais co obxectivo de solucionalos baixo a filosofía do Movemento Maker e o Design Thinking, é dicir, centrándose nas persoas e compartindo resultados para que a comunidade poida enriquecerse cos seus proxectos. De novo deixáronnos sen palabras coas súas ideas, aquí deixámosvos un pouco de información sobre cada un dos proxectos.

niños de vermislab presentando su proyecto

Healthy  Kingdom

Este proxecto foi recoñecido co segundo premio na categoría MiniMaker. O proxecto busca promover o exercicio físico entre os/as novos con hábitos de vida sedentarios con gusto polos videoxogos. O proxecto consiste nun videoxogo de combate por quendas conectado cun acelerómetro que recolle os teus movementos e estes inflúen no teu combate. Ademais búscase que o xogo teña un carácter colaborativo e poidas reunirte cos teus amigos/as en distintas localizacións para derrotar inimigos e facer exercicio.

niños presentando su proyecto

Patacachu

O terceiro premio da categoría MiniMaker foi para PatacaCHU (Comunidade de Hortos Urbanos), un proxecto que nace dos/as Makers de Carballo no que queren tratar de aproveitar os hortos infrautilizados nos arredores de Carballo. Con este propósito deseñaron un sistema de identificación de usuarios que permita a cada un/unha acumular puntos segundo o traballo realizado no horto e despois podes cambialos por froitas e hortalizas no mercado. Ademais presentaron un videoxogo para dar a coñecer as hortalizas de tempada e animar a participar no horto físico.  

visita a vermislab de la federacion de asociaciones de personas sordas

InClock

InClock é un proxecto que busca mellorar a independencia dos/as nenos/as xordos/as nos colexios. Consiste nun reloxo que, mediante intelixencia artificial, detecta sons de interese para un/a neno/a xordo/a en un cole, como pode ser a alarma de incendios, e mediante vibración e unha notificación por pantalla avisa ao usuario de que é ese son. 

Ademais, tivemos a sorte de recibir a Isabel e Carla da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia nas nosas instalacións, unha experiencia moi gratificante e enriquecedora para os creadores do proxecto, xa que recibiron feedback directo do usuario final do seu proxecto e puideron replantealo aplicando melloras.

niños presentando su proyecto

ListWin

ListWin é un proxecto que busca dotar aos profesores/as de recursos didácticos para as súas clases e promover as experiencias educativas innovadoras na aula. Este obxectivo quérese lograr mediante a creación dunha comunidade de innovación educativa na que os/as profesores/as poidan compartir as súas experiencias educativas con outros/as docentes para nutrirse mutuamente deste coñecemento. Tamén se pretende que esta comunidade sexa un sitio onde o alumnado poida promover experiencias educativas e resolver as súas dúbidas sobre o temario.

niños presentando proyectos

LieHunters

A desinformación é un problema co que os/as novos enfróntanse a diario nas redes sociais. Esta problemática motivou o desenvolvemento deste proxecto que consiste nun pequeno videoxogo desenvolvido con Scratch que che ensina como diferenciar entre noticias fiables e noticias falsas. Este xogo busca ser un apoio para que os/as novos saiban atopar información fiable na rede.

Internet  Explorers

Un proxecto desenvolvido por un dos nosos Makers que se presentou á  Maker Faire en formato taller. O proxecto consiste nun xogo de rol sobre desinformación que busca concienciar á xente sobre esta problemática e como enfrontarse a ela. Durante a Maker Faire os asistentes puideron gozar do xogo nas distintas sesións que tivo o taller.

Ademais, VermisLAB tamén participou na categoría de divulgación na que levou un premio especial polo traballo que fixeron na Maker Faire parte do alumnado, converténdose en verdadeiros/as divulgadores/as. No stand púidose ver a parte máis BioMaker das nosas actividades desenvolvendo unha chea de experimentos e incluíndo, como non, o noso xa famoso foso de area onde desenterrar fósiles.

stand de vermislab en la maker faire gali

É un orgullo ver ao noso alumnado tan implicado e presentando os seus proxectos con esas ganas; volveron a ser un exemplo de traballo en equipo, deixando constancia do importante que é a colaboración para alcanzar obxectivos. En VermisLAB consideramos moito máis importante esas capacidades “soft” como son o traballo en equipo, creatividade, resolución de problemas, análise… que son as que lles permitirán enfrontarse a calquera problema no futuro, máis aló das tecnoloxías utilizadas para resolvelos, as cales irán cambiando cos anos.

Foi un pracer participar de novo na Maker Faire Galicia e estamos a desexar que chegue o ano que vén para volver a vernos.