Un ano máis, e como non podía ser doutra maneira, VermisLAB participou na Maker Faire Galicia que se celebrou a principios de xullo na Cidade da Cultura, onde tamén puidemos ver grandes proxectos doutros e outras makers de toda España.

Como novidade este ano VermisLAB participou na categoría de Divulgación cun posto onde podiades atopar cousas moi interesantes, dende unha exposición de seres vivos ata unha pequena escavación de fósiles! Ademais tamén organizamos un obradoiro moi divertido onde podiades crear as xa famosas Pitabots, as galiñas robots. 

maker faire galicia biologia niños

 

Tamén temos que mencionar a magnífica mesa redonda que protagonizaron algúns e algunhas dos/as alumnos/as de VermisLAB falando sobre que é para eles/as un/unha maker e onde nos contaron as súas anécdotas máis divertidas! Foi emocionante escoitar as súas reflexións, deixaron abraiadas a todas as persoas asistentes. 

maker faire galicia ponencia niños

Pero coma sempre, non podían faltar os magníficos proxectos dos/as nosos/as makers. Como xa sabedes durante o último trimestre do curso cada grupo traballou nun proxecto que eles mesmos elixiron. Todos estes proxectos idéanse coa finalidade de solucionar unha problemática real que os/as propios/as makers propoñen, como podedes ler no noso post da Maker Faire Galicia 2018.

 

Proxectos presentados na Maker Faire Galicia 2019

Este ano foron moitos os proxectos, pois ningún e ningunha maker quixeron perder a oportunidade de vivir esta gran experiencia, para eles/as unha das datas máis importantes do ano 😀

  • O Cegovisión, un dispositivo que pretende facilitarlle os desprazamentos ás persoas invidentes sendo capaz de detectar a distancia dos diferentes obstáculos, avisando cun son cando teñen algún elemento próximo.
  • A Ecocápsula, pretende facilitarnos o coidado das nosas plantas para que estean en bo estado cando estamos de vacacións. O obxecto é capaz de detectar a falta de luz e as altas temperaturas e, se é preciso, proporcionarlle á planta luz artificial ou facer funcionar un ventilador para refrescar o ambiente.
  • A Ecopulta, pretende repoboar os bosques dun xeito fácil e divertido. Mediante esta catapulta que se pode controlar en remoto se lanzan as bombas de sementes facilitando a repoboación das zonas deforestadas. Axudar ao medio ambiente nunca foi tan divertido!
  • O Xoguete para mascotas, pretende facer compaña ás mascotas que tantas horas pasan soas na casa. A mascota só terá que pulsar o botón e o xoguete encargarase de facer que pase un rato entretida.
  • Duchaterápido, proxecto que avisa ao usuario a través de luces e sons do tempo que leva na ducha e de que consecuencias ten a súa acción no medio ambiente. Ademais, se os avisos non son suficientes e aínda así pasas moito tempo na ducha a auga quente pasaría a ser fría. Esperemos non ter que chegar a iso 😀
  • Maker Stop Bullying, pretende evitar que se vivan situacións de acoso e concienciar sobre estas problemáticas nos diferentes centros. Consiste na instalación de diferentes botóns polo centro escolar e os exteriores, que permiten informar na sala de profesores de onde se están a vivir este tipo de situacións. Ademais conta cun indicador de bullying que representará de forma gráfica a través dun código de cores o nivel de bullying que se vive no centro. Será imposible mirar para outro lado!
  • A Ponsola, pretende animar ás persoas para que reciclen as pilas usadas intercambiándoas por tempo de xogo en diferentes videoxogos a escoller. Reciclar convértese en algo divertido, xa non hai escusa!

maker faire galicia proyectos niños

  • O SoundProtect, unha pulseira que a través dun sensor detecta a intensidade do son. Se o son é moi elevado emite un son para advertirte que o nivel de decibelios pode ser prexudicial para a túa saúde. Ademais tamén conta cun vibrador que che faría notar esa subida de decibelios, por se o son xa non é posible escoitalo.
  • A Caseta antiincendios, pretende evitar a propagación de incendios e poder extinguilos na maior brevidade posible. Estas casetas situadas en distintos puntos dos montes contan con sensores de fume que no caso de detectalo fan funcionar un buzzer que servirá de alarma para persoas ou animais que se atoparan cerca e, por outro lado, envía un aviso aos bombeiros da localización do fume e así poden acudir con velocidade ao punto exacto.
  • O Basuriño, un contedor intelixente que intercambia a cantidade de lixo reciclado por puntos que se poden trocar por diferentes premios de interese e así recompensar á xente que adica tempo a reciclar.
  • DrogApp, unha aplicación na que as persoas que padecen adicción ás drogas poden atopar alternativas de ocio, coñecer a persoas coa mesma problemática ou que simplemente queren axudarlles a través da realización de encontros.
  • O Traxe musical, ten como obxectivo facer que vivas a música dun xeito moi diferente e divertido onde a forma de crear música cambia radicalmente e podes vivila na túa propia pel, nunca mellor dito 😀

Como vedes os nosos e as nosas makers cada ano presentan proxectos máis alucinantes! Nós estamos abraiados coa súa creatividade e capacidade e sentímonos moi agradecidos/as de poder formar parte do proceso de creación. Co comezo do curso toca ensinarlles moito máis para que despois podan aplicar todo iso no seguinte proxecto.

Con que nos sorprenderán o ano que ven? 😀