Retomamos o blog cun pequeno resumo do acontecido na pasada Maker Faire Galicia onde os nosos Makers presentaron os seus proxectos.A Maker Faire é un evento global onde os argalleiros, inventores ou makers de diferentes partes do mundo se reúnen para compartir os seus proxectos. Estas feiras son a celebración en común do Movemento Maker e están espalladas por todo o mundo. Nelas atopamos novas tecnoloxías como a robótica, programación, realidade virtual, electrónica, etc.
Aquí en Galicia, VermisLAB organiza a Maker Faire Galicia que é a máis grande de toda España e está entre as primeiras de Europa en canto a participación. Nela os makers de VermisLAB tiveron a oportunidade de amosar os proxectos realizados durante o curso a milleiros de persoas que se achegaron á feira.Nesta primeira participación presentaron varios proxectos grupais que inventaron e construíron por eles mesmos. Para isto tiveron que facer todo o proceso de investigación, desenvolvemento e preparación do storytelling para presentalo ós asistentes á feira.Aquí deixamos unha pequena descrición de cada un deles:
– KoDP 2000. Consiste nun comedeiro de mascotas programable e controlable a través dun arduíno e unha App no móbil. Con este dispositivo o usuario ten a posibilidade de programar a cantidade de penso subministrada. Os seguintes pasos son a instalación dunha cámara que nos permita coñecer o estado da mascota.
– Achús! É un proxecto que ten como obxectivo potenciar a boa educación. Os rapaces argallaron un dispositivo que detecta esbirros e che desexa saúde a través dunha mensaxe preprogramada.
– Despertador del Buen Rollo. Este proxecto trata de solucionar o problema da preguiza de erguerse polas mañás. Os rapaces propoñen un espertador que che esperta con olor a gominolas.
– Contrumba. É un proxecto dun dos nosos hackers que propuxo facer unha aplicación para controlar o robot de limpeza da súa casa. Para iso usou unha Raspberry Pi e deseñou una App que lle permite movela ó seu antollo para axudar a que chegue ós recunchos máis difíciles do seu salón.
– Useless arduino box. É un proxecto grupal dos rapaces que replicaron un modelo de caixa que non serve para nada. O proxecto é unha metáfora que lles permitiu aprender arduino, deseño 2D e 3D e mecánica. Consiste nunha caixa cun botón que se abre e pecha soa.
– Acelerador de partículas. Este proxecto consistiu na recreación dun acelerador de partículas controlado por Arduino. É un dos proxectos de maior dificultade técnica dos presentados. Ten moito mérito a súa presentación pois foi feito en tempo record e inclusive se foi mellorando durante a feira!
– Arte con verduras e impresión 3D. Un dos nosos makers máis artista foi un paso máis aló e creou un novo tipo de arte combinando unha das súas paixóns a impresión 3D e a súa maneira diferente de ver a vida a través de froitas e verduras.
E os tres últimos, premiados pola votación do público foron:
No terceiro posto…
– Nariz de contaminación: Este proxecto é un proxecto de denuncia social que continúan a desenvolver. Consiste nun sensor de contaminación que nos indica de maneira moi sinxela a calidade do aire. O obxectivo do proxecto é que as persoas tomen consciencia da importancia de ter un aire de calidade.
No segundo posto…
– Traxe Antibullying. Os seus creadores partiron dunha experiencia propia e fixeron a reflexión de que non querían que ninguén máis sufrise bullying. Para iso crearon un traxe que axuda á persoa a defenderse pero sobre todo a sentirse máis segura de si mesma para superar a situación.
E no primeiro posto…
– Cando chegarei. É un proxecto que engloba a parte de impresión 3D, mecánica e moita paciencia, característica imprescindible nos makers. O proxecto consiste nunha montaña rusa para “canicas” automática.
Aínda que tan só houbo 3 gañadores todos os participantes o son! O simple feito de ser capaces de rematar un proxecto e expoñelo diante de milleiros de persoas foi unha experiencia inesquecible que tanto nós coma eles non olvidarán.
Esta experiencia fixo que o seu interese medrase e continúen a facer proxectos cada vez mellores e, sobre todo, que solucionan problemas da sociedade. Son makers que melloran o mundo ó seu redor!