Case ningún/a dos/as alumnos/as coñecía o experimento de sementar lentellas en algodón para ver como crecen sen terra pero moitos/as teñen un horto nas súas casas e coñecen unha gran variedade de especies vexetais. Esta é só una das moitas cousas que descubrimos e aprendemos neste marabilloso proxecto xunto á Fundación Simón I. Patiño.

Hai uns meses VermisLAB “viaxou” dixitalmente por primeira vez a América do Sur para traballar coa Fundación Simón I. Patiño nun proxecto fascinante que ten como obxectivo principal ofrecer as mesmas oportunidades educativas a todos os nenos e nenas independentemente do seu lugar de procedencia.

Esta fundación foi creada hai 90 anos por Don Simón I. Patiño para contribuír ao progreso moral e intelectual das novas xeracións bolivianas. Actualmente a fundación, con sede en Xenebra, desenvolve programas de investigación e desenvolvemento para toda América do Sur en campos como a cultura, a saúde, a agricultura, a ecoloxía e a educación. E neste último é onde entra en xogo VermisLAB.  

Seguindo a mesma metodoloxía que utilizamos nas nosas clases e talleres, desenvolvemos un programa baseado na aprendizaxe por proxectos, no que se dan a coñecer novas tecnoloxías dunha forma práctica e real, se potencia a creatividade e se estimula a curiosidade polas disciplinas STEM, se mellora a resolución de problemas e o traballo en equipo e todo iso, como non podía ser doutra forma, divertíndonos moitísimo! 

Innovacion educativa online en Bolivia

En agosto iniciamos tres cursos a distancia, e de forma simultánea en tres cidades bolivianas, nos que os/as docentes de VermisLAB e os distintos equipos da Fundación Simón I. Patiño traballamos conxuntamente para ofrecer o mellor das dúas entidades a 60 alumnos/as bolivianos de entre 6 e 16 anos. 

Proyectos de innovacion educativa en Bolivia

Os alumnos e alumnas de Pairumani, unha pequena rexión próxima a Cochabamba, transformáronse en auténticos/as exploradores/as do espazo. Durante dous meses descubriron os misterios do Universo, realizaron experimentos para comprender as leis que o gobernan, exploraron Marte e imaxináronse como sería a vida nun ecosistema tan diferente ao noso. En equipos construíron un Rover para levar a cabo a súa misión no planeta vermello, deseñaron foguetes para poder chegar ata alí e vímolos despegar. E voar algunhas decenas de metros!

Na Paz, os/as alumnos/as realizaron unha caseta educativa antiincendios que alerta a bombeiros/as e animais en caso de incendio. Como nos comentaron eles/as mesmos/as, os incendios son bastante frecuentes nas zonas de selva boliviana e iso fixo que puidesen  empatizar, aínda que fóra na distancia, cos/as alumnos/as de Santiago de Compostela que idearon este proxecto para protexer os bosques galegos. Para levar a cabo o proxecto aprenderon a crear circuítos electrónicos, a programar, a deseñar as súas propias casetas para paxaros, a construílas e a decoralas. Seguro que a máis dun paxariño lle gustaría vivir nelas!

En Santa Cruz os/as alumnos/as tiñan o propósito de converterse en auténticos makers e construír un invernadoiro educativo intelixente. Crearon e programaron os circuítos con Micro:bit, construíron un invernadoiro icosaédrico, realizaron complexos experimentos de botánica e ata fabricaron o seu propio herbario. Sen ningunha dúbida, xa son uns/as grandes makers!

Foron tres cursos moi intensos e mentiriamos se dixésemos que foi fácil. A pesar de falar o mesmo idioma as diferenzas culturais son moi grandes; o formato en liña, a distancia e a diferenza horaria supuxeron un reto e, como non, a situación sanitaria actual tamén nos afectou facéndonos cambiar algúns plans. Con todo, a pesar destas dificultades foi unha magnífica experiencia da que nos encantou formar parte. De feito, seguramente sen unha pandemia, sen esta rápida adaptación e normalización das videochamadas, non teriamos a oportunidade de colaborar cunha entidade que se atopa a tanta distancia e formar parte dun proxecto como este.

Unha parte imprescindible foron as persoas que formaban os distintos equipos das tres cidades bolivianas: coordinadores/as, pedagogos/as e técnicos que foron moito máis que as nosas mans e ollos na distancia. Todos/as eles/as están moi entregados/as e como nos dixeron “sabemos que a educación é a peza clave para mellorar o futuro dun país” e “somos moi conscientes de que o futuro é tecnolóxico e queremos preparar aos nosos/as novos para iso”. Nós, coa nosa experiencia, estamos encantados/as de poder participar nesa tarefa.

Pero, sen dúbida, os/as protagonistas foron todos os alumnos e alumnas, moi ilusionados/as con este novo proxecto desde o principio. Exploraron, experimentaron, aprenderon, pasárono xenial e, o mellor, queren seguir facéndoo. Como nos dixeron algúns/as deles/as: “gustoume todo, aprendín moitas cousas novas, non quero que acabe”, “o que máis me gustou foi armar o foguete e lanzalo co experimento, é moi divertido aprender” ou “foi divertido que nos fixesen imaxinar que eramos astronautas, gustaríame selo e ir a Marte”.

Para moitos/as, que non teñen acceso á tecnoloxía no seu día a día, este foi o seu primeiro contacto práctico con este mundo e tamén lles supuxo un gran reto, como nos dixeron “ao principio non entendía nada dos cables pero me gusta moito ver o meu proxecto acabado e funcionando ben” ou “o máis difícil foi programar pero me gusta poder axudar nos incendios”. E é que unha das mensaxes subxacentes era concienciar aos/as nenos/as de que, a pesar de ser aínda nenos e nenas, xa teñen moito que achegar á sociedade con proxectos que solucionan necesidades reais, que teñen as capacidades necesarias e o talento para seguir estudando e aprendendo e que algún día poidan converterse en científicos/as ou enxeñeiros/as.

A aprendizaxe foi mutua. Ademais de aprender moitísimas palabras novas e a falar máis amodo, persoalmente quédome coa certeza de que independentemente do lugar, aquí en Galicia ou en Bolivia, os nenos e nenas son nenos e nenas, e que o que máis lles gusta é satisfacer a súa curiosidade mediante o aprender-facendo e divertíndose, así como que estamos moitas persoas formándonos e traballando con ilusión para darlles a contorna adecuada para que isto poida ser así. 🙂