Actualmente fálase moito de equipos multidisciplinares como unha vantaxe competitiva fronte a outras empresas, institutos ou centros de investigación. Esta forma de traballar en equipo, que non é máis que a unión de diferentes disciplinas nun mesmo grupo, non é nova, pero si que cada vez se lle dá máis importancia.
Ademais, está a demostrarse constantemente que este novo enfoque obtén maiores vantaxes e beneficios que o enfoque unidisciplinar, véxase por exemplo a medicina, onde as abordaxes son cada vez máis multidisciplinares, xa que se trata a enfermidade baixo todos os prismas posibles de intervención.
Vantaxes dos equipos multidisciplinares
Dispoñer de diferentes perspectivas cando traballamos en equipo resulta moi vantaxoso, especialmente en determinadas materias ou proxectos, como é o caso de VermisLAB.
Á hora de preparar as clases contar con psicólogas axúdanos a analizar as necesidades individuais de cada menor e adaptar a docencia ás mesmas. O mesmo ao contar con pedagogos ou másteres en profesorado, que combinan a visión das psicólogas coa docencia práctica.
No caso das actividades máis makers (electrónica, robótica, programación) os enxeñeiros poden achegar a visión máis técnica, mentres que outros perfís como científicos de diversas ramas, matemáticos, farmacéuticos, filólogos e un longo etcétera achegan visións completamente diferentes que enriquecen todas e cada unha das materias e actividades que ofrecemos.
Así, poderiamos enumerar as vantaxes dos equipos multidisciplinares como segue:
-Flexibilizan a nosa mente e fannos poñernos noutras perspectivas
-Os “líderes” naturais saen a relucir, xestionando os equipos de maneira eficaz
-A diversidade de puntos de vista permite anticipar diferentes situacións e tomar mellores decisións
-Créanse sinerxias entre os distintos membros do equipo que enriquecen as solucións e o propio traballo
-Melloran o resultado final e optimizan os recursos durante o proceso (non hai que aprender de cero)
Equipos multidisciplinares vs equipos diversos
Ademais da multidisciplinariedade, hoxe en día empézase a falar cada vez máis de equipos diversos, nos que non só se ten en conta a profesión das persoas, senón tamén outras características como o xénero, a idade, os gustos, características de personalidade, etc., variables que condicionan o traballo en equipo e que ben seleccionadas poden dar resultados marabillosos.
Ademais, contar con equipos nos que aparezan determinadas características (como o xénero ou a idade) fainos ver as cousas desde o seu punto de vista (homes, mulleres, nenos, adolescentes, novos, maiores…) e entendelas con maior facilidade, xa que son esas mesmas persoas as que nos poden explicar as súas emocións, sentimentos, pensamentos, etc. Poñamos un exemplo para entender mellor os beneficios dos equipos diversos.
Exemplo de equipo diverso
Fonte: Next avenue
Falamos do caso de Barbara Beskind, esta muller cumpriu o seu soño de traballar como deseñadora cando tiña 90 anos! Ideo, unha das mellores consultoras de innovación a nivel mundial, fichou a Bárbara para traballar no seu equipo de deseño, xa que pretendían deseñar produtos e servizos para persoas maiores. Que mellor que contar con eles no propio equipo!
Por iso Bárbara pasou a formar parte do equipo de deseño, cun papel central na concepción e desenvolvemento dos produtos para maiores, achegando a súa propia visión durante o proceso. Como vedes, as vantaxes de contar con equipos multidisciplinares e diversos son moitas e cada día descóbrense máis. 😀