A pasada semana, e despois dun par de anos querendo asistir, viaxamos a Londres para acudir ao evento Bett Show 2019. Bett é un dos eventos de tecnoloxía educativa máis importantes do mundo.
Un dos motivos polos que decidimos asistir é porque nos falaron moi ben do evento, así que seguindo a nosa filosofía de mellora continua reservamos a data e alá fomos. Ademais tivemos ocasión de recorrer algúns dos sitios nos que naceu VermisLAB alá por 2014.
Tenda Leyland onde “naceu” a primiera impresora 3D de Vermislab
O motivo e motivación do nacemento de VermisLAB foron as ganas por aportar cousas dunha maneira nova e fresca á educación, do mesmo xeito que nos tivera gustado que fora cando nós estudamos de pequenos/as, e tamén polo convencemento de que en Galicia non temos que ir sempre a remolque do que nos ven de fóra. Con isto sempre na cabeza achegámonos ó Bett.
A nosa experiencia no Bett Show
Chegamos o mércores 23 ás 9:50 a.m para a apertura e xa a cola era longa. Todo prometía!
O evento ten lugar nun dos espazos expositivos máis grandes de Londres e é imposible ver todos os stands nin en tres días que botamos alí. Despois de camiñar moitísimo, falar con centos de persoas de diferentes países e empresas e argallar con moitos aparellos, temos xa a nosa valoración sobre o Bett Show. Aquí vos compartimos o noso resumo en 6 puntos.
- As empresas seguen empeñadas en que vaia a tecnoloxía por diante da educación. Un exemplo disto é que agora tratan de vendernos novas pantallas para sustituir ás pizarras dixitais que venderon fai poucos anos a todas as escolas e que pouco uso real se lles dá ao feito de que sexan táctiles.
- Hai moita tecnoloxía, pouca metodoloxía e menos pedagoxía. Cruzámonos con moitos visitantes preguntándonos se atopáramos contidos para aplicar nas súas escolas.
- As poucas ferramentas que funcionan son as de open-source ou de código aberto, por exemplo Arduino ou Micro:bit. A maior parte de proxectos interesantes que atopamos estaban desenvoltos con estas tecnoloxías. Nin que decir ten que Apple vai polo seu lado, pero comeza a ter menos impacto dado que é moi pechado.
- A educación ten que ser unha comunidade de intercambio de coñecemento e as ferramentas teñen que ser unha canle para este. As tecnoloxías que se están a impoñer son aquelas que crean plataformas para axudar e dar soporte aos usuarios e crear conexión entre eles.
- Existen proxectos moi interesantes e que destacan simplemente polo feito de estar pensados dunha maneira diferente, co usuario no centro (como plantexa o design thinking) e como ser humano, sen perder o contacto co tradicional. Aquí vos deixamos un par deles.
Fonte:: i-theatre
Fonte: iMO-LEARN
- O mundo maker cada vez ten un papel máis transversal na educación e na maneira de aprender das novas xeracións, un enfoque construtivista que achega de maneira práctica os contidos e que xera curiosidade no alumnado.
- Ferramentas que polo momento están en fase de desenvolvemento, como pode ser a intelixencia artificial, terán un gran impacto na educación do futuro, permitirán achegar de maneira personalizada melloras aos alumnos e alumnas naqueles aspectos que máis o precisen.
Para rematar, gustaríanos facer fincapé en que é un evento moi interesante e no que atopas a xente de todo o mundo con proxectos de todo tipo, polo que é moi enriquecedor.
Ademais de aprender, desde Vermislab, valeunos unha vez máis para confirmarnos en moitas das liñas que traballamos. O traballo en equipo e colaborativo, a creatividade e as metodoloxías áxiles son as bases sobre as que educar, pero non só de cara ao alumnado, senón tamén entre o profesorado. Despois as novas tecnoloxías, sobre todo as que mellor se van adaptando a esta maneira de traballar, e que cada vez son máis sinxelas de aplicar deberán ser ferramentas que potencien todo isto e que fagan que o alumnado desenvolva a súa capacidade de imaxinar, crear e aprender.