Como algúns e algunhas de vós xa sabedes o noso equipo multidisciplinar, formado por profesionais de múltiples ramas, leva a cabo proxectos de innovación social, educativa e empresarial a través dos proxectos de Vermislab, Designthinking.gal ou a Maker Faire Galicia. A maioría das veces tan só ten visibilidade unha das partes, pero ás veces son varias as que desenvolven os proxectos xuntas. Unha desas ocasións é o programa STEM en acción.

A través da Consellería de Educación desenvolvemos un programa formativo intensivo para profesorado de infantil e primaria no que os mestres e mestras traballaron para desenvolver proxectos seguindo a metodoloxía do Design Thinking combinada co Movemento Maker. Esta formación, que durou ao redor de 3 meses e pola que pasaron case 200 profesores/as de toda Galicia, levouse a cabo durante fins de semana intensivas nos que tanto o noso equipo como o profesorado conviviu en diferentes localizacións da comunidade.

A formación centrouse en achegar novas ferramentas dunha maneira práctica a través da resolución de diferentes retos que solucionaran problemas reais. Utilizouse para iso a metodoloxía do Design Thinking. Organizados por equipos realizaron as distintas fases do proceso, comezando por empatizar co usuario tipo e seguindo coa indentificación das claves ou insights, a xeración de novas ideas apoiados en técnicas de creatividade, o prototipado rápido e o testeo para facer as melloras pertinentes.

formacion stem profesores

Unha vez rematados os seus prototipos iniciais aplicaron novas ferramentas tecnolóxicas como Arduino, Scratch ou impresión 3D para tratar de levar o seu prototipo un paso máis alá, creando proxectos de impacto real. Podemos dar boa conta de que o conseguiron!

Resultados extraordinarios

Algúns dos proxectos realizados daban solución a temas como a fame no mundo, creando a través da participación social da terceira idade unha implicación real da sociedade no problema da fame. Outros equipos desenvolveron programas de concienciación cidadá para a denuncia da corrupción. Incluso algúns chegaron a desenvolver proxectos de gamificación para a creación dos contidos educativos por parte do alumnado, de maneira que eles/as sexan os/as protagonistas.

formacion stem profesores prototipo

Os obxectivos da formación máis alá dos resultados centrábanse en achegar unha metodoloxía baseada en proxectos dinámica, que dalgunha maneira nos empuxe aos profesionais da educación a saír fora da caixa, explorar, expoñernos, alonxarnos da nosa zona de confort e acostumarnos á incerteza. Isto coa intención de ser o máis flexibles posibles á diversidade do noso alumnado e ser capaces de propoñerlles unha formación que lles apaxione, motive e xere curiosidade por descubrir cada día un pouco máis.

De maneira indirecta o programa conseguiu facer rede, crear vínculos entre profesionais de diferentes centros e xerar grupos de coñecemento que a día de hoxe aínda comparten información e continuan a axudarse os uns aos outros para que os nosos pequechos e pequechas teñan a mellor das educacións.

Feedback moi positivo

Como proxecto novo que é VermisLAB e co pouco tempo de vida que levamos neste apaixonante mundo da educación, para nós é unha tremenda honra ter a oportunidade de facer un programa como este e aprender de todos/as os/as profesionais que compoñen o noso sistema educativo. Coñecimos a moitos/as que transmiten moita paixón polo que fan e que son un verdadeiro exemplo.

Pola nosa parte, non nos queda máis que pedir que se faga máis veces para que se espalle esa enerxía e se mostre o que están a facer nos seus centros e así moitos poidamos incorporar cousas do seu moi bo facer.

Graciñas por confiar en nós e recordade o noso lema “Aprende divertíndote” e engadimos, “Divírtete ensinando” 😉