Hoxe traémosvos un post moi especial, xa que se trata dunha entrevista ao noso profesor máis novo, Sergio. Sergio empezou en VermisLAB con 9 – 10 aniños e desde aquela xa pasou por varias cores de pelo. 😛
Se tivésemos que definir a Sergio diriamos que é unha persoa traballadora, constante, alegre e moi divertida. Pero se hai unha situación que o define sería o recordo da Maker Faire Galicia 2017 e como as súas ganas de participar levárono a desenvolver un simulador do acelerador de partículas en tan só 2 – 3 días. Confesounos que o programa o fixo a noite anterior. 😀
Pero quen mellor para falar de Sergio que el mesmo, así que aquí tedes a entrevista que lle realizamos:
Quen é Sergio
Como te definirías en poucas palabras?
Un adolescente de 16 anos normal e corrente, dentro do que cabe, cun especial interese na ciencia e especialmente no ámbito tecnolóxico do hardware e a programación. O que máis me gusta é atopar unha idea que me motive a facer algún pequeno proxecto, documentarme e empezar a “argallar”.
Que che gusta facer no teu tempo libre?
O meu tempo libre invístoo maioritariamente en Youtube vendo vídeos de todo tipo, desde videoxogos, como calquera adolescente, ata cociña, deporte; e como é de esperar a maior parte de vídeos en inglés. Principalmente vexo vídeos de proxectos que fai a comunidade maker sobre tecnoloxía e tamén aproveito de cando en vez para ver algunha charla Tedx. A parte de comerme todos eses vídeos tamén quedo cos amigos, xogo a videoxogos, fago deporte, etc.
Adolescencia e Movemento Maker
Que supuxo o Movemento Maker para ti?
A verdade non sabía que existía nada disto e cando empecei neste mundo, con 9 ou 10 anos, non tiña nin idea de que había xente como eu por todo o mundo que facía proxectos e posteaban todo na internet para que os seus coñecementos estivesen ao alcance de todo o mundo. Esa é unha das vantaxes principais de ser un maker, que podes aproveitar todo o que fagan o resto dos makers. Por exemplo, se queres facer un gran proxecto formado por varias partes e non sabes como facer algunha, seguramente en calquera foro maker haxa varias persoas especialistas neses temas que ti non sabes e así, axudándonos mutuamente, sae todo moito máis rápido e fácil.
Ademais tamén me supuxo unha gran oportunidade para facer amigos e coñecer xente moi importante e verdadeiros precursores para min. Isto no meu caso nas feiras makers que se celebran en diferentes países, onde a xente expón os seus proxectos e avances neste ámbito.
Cal é a mellor experiencia que tiveches neste contexto?
Sen ningunha dúbida foi coñecer VermisLAB, porque foi por unha banda quen me facilitou todo o material, coñecemento, amizades e contactos para que eu puidese evolucionar o máis rápido posible, seguramente sen eles agora mesmo estaría moito máis atrás con respecto a coñecementos de como estou agora. Tamén grazas a eles descubrín a Maker Faire Galicia que como dixen é unha feira maker onde ademais de ver as creacións do resto tamén coñeces a xente doutros países moi agradable que che axuda e charla contigo do que a ti che gusta, que iso sempre é xenial. Nese sentido creo que é o mellor que podería pasar para seguir hoxe en día neste mundo.
Nota: El non o comenta, pero xunto cos seus compañeiros/as de VermisLAB gañaron o 1º posto na categoría MiniMaker da Maker Faire Galicia 2018.
Como é ser un adolescente maker?
No meu caso tiven moita sorte ao dispoñer dunha familia que afortunadamente me podía axudar a conseguir todas as pezas e compoñentes necesarios para empezar nisto, xa que investir por exemplo 80 euros nun kit de Arduino de principiantes non é algo que se cadra se poidan permitir moitas familias, e nese sentido estou moi agradecido. Tamén me apoiaron no feito de que isto era o que me gustaba e nunca me puxeron ningunha barreira para non poder levar a cabo os meus proxectos e por esa parte tamén lles dou as grazas.
Cando entrei en Vermislab todo foi como a seda, lembro a primeira vez que entrei con 9 ou 10 anos, nunca antes vira tantos ordenadores e tantas cousas tecnolóxicas xuntas. O mellor sen dúbida, e o primeiro recordo que teño, é un botón vermello que tiña o profesor que sen estar conectado a nada o que facía era simplemente darlle e como por encantamento todos os computadores apagábanse, iso tamén me incitou a entrar no mundo da programación e non limitarme ao hardware e compoñentes físicos.
Sergio como alumno de VermisLAB
Cal foi e é a túa experiencia como alumno en VermisLAB?
O devandito, empecei con 9 ou 10 anos e desde que entrei recibín unha formación fantástica e unha facilidade para conseguir todo o que necesitaba con respecto a ordenador e compoñentes que nunca antes tivera e polo que estaba limitado.
Desde que empecei con Arduino a programar e a facer os meus miniproxectos a miña evolución foi brutal, aprendín super rápido e cada vez interesábame máis e máis. VermisLAB sempre me apoiou para facer os proxectos que eu quixese e cos que me sentira cómodo.
De todos os xeitos o mellor que teño de Vermislab son as amizades que fixen tanto dentro como fóra, en eventos aos cales puiden asistir grazas a eles, e iso é o máis valioso para agora e de fronte ao futuro.
Nota: Sergio empezou en VermisLAB cursando Makers 1 e agora mesmo xa está en Makers PRO, o nivel máis avanzado de VermisLAB.
Que che achegou VermisLAB?
Sobre todo 3 cousas principais, coñecemento, xa que desde que empecei non houbo un momento no que parase de aprender cousas novas en casa clase. Segundo, material, por moito coñecemento que teña unha persoa se non o pode levar a cabo e transmitilo nun modelo físico non é o mesmo e non podes traballar nel para ver fallos, investigar e melloralos, niso nunca me fallou Vermis. E por último, como recalquei antes, as amizades tanto con profesores/as, como con compañeiros/as, como con alumnos/as e en eventos como a Maker Faire con xente fantástica interesada no mesmo ca min.
Sergio como profesor de VermisLAB
Que foi o primeiro que pensaches cando te propuxeron ser profe de VermisLAB?
Pois a verdade non mo esperaba, si é verdade que persoalmente tiña moito interese por facer cousas novas e facer nalgún sentido máis do que facía en clase e iso motivoume a seguir investigando sobre cousas a parte das que aprendía en clase.
Por outra banda teño bastante facilidade cos nenos/as pequenos/as, creo e penso que podo ensinarlles ben e levar unha clase con eles/as sen que se perdan ou se distraian, e se non sempre hai que innovar con novos métodos (como modificadores de voz, jajaja).
Nota dos compis de curro: a formación online dá moito xogo e con Sergio rimos moito en clase 😀
Que supón para ti esta experiencia?
Sen dúbida un gran atallo na miña vida, tanto profesional como persoal. Penso que pouca xente pode atallar desta maneira o proceso laborioso de autoaprendizaxe, sen que haxa unha empresa detrás que lle consiga o material, lle ensine e ofreza oportunidades de relacionarse con xente importante. Nese sentido estou moi agradecido e tiven moita sorte ao descubrir a VermisLAB.
Que é o máis fácil e difícil de ser profe?
O máis fácil e o mellor é que todo o que dás xa o sabes, explícome, eu sempre estiven do lado do alumno e era o que atendía á clase, pero agora son o que as dá e é moito mellor para min poder ensinar á xente. Faime máis ilusión a nenos/as pequenos/as coa idade na que eu empecei, xa que podo transmitirlle á miña maneira os meus coñecementos e sen dúbida iso é moi fácil e encántame poder ensinar.
O difícil a verdade é que aínda non o sei e non se se chegarei a sabelo porque por agora paréceme todo fantástico e, aínda que haxa que traballar, se traballas no que che gusta é o mellor que hai. Non creo que haxa algo difícil fóra da explicación que se dá aos/as alumnos/as que algúns/as pódeno entender máis rápido e outros máis amodo, pero iso é cuestión de explicar as veces que faga falta e nese sentido non teño ningún problema, xa que como dixen antes encántame explicar e transmitir os meus coñecementos.
Como te ves en 10 anos?
Esta pregunta é moi difícil e non se se saberei respondela, por unha banda en dez anos gustaríame ter terminada unha carreira e estar a traballar no estranxeiro, investigando e facendo o que me gusta. Pero, sendo realista e co difícil que é conseguir un bo traballo no estranxeiro, e aínda máis do que a un lle gusta, pois sinceramente non teño nin idea de como estarei en dez anos.
Aínda que nalgún sentido irei máis preparado que o resto da xente xa que teño máis experiencia laboral que a maioría das persoas da miña idade e iso creo que é unha gran vantaxe de fronte ao futuro.
Pois este é Sergio, un adolescente de 16 anos do que todos/as en VermisLAB aprendemos. Polas súas ansias de saber, de mellorar, de aportar… Nós tamén agradecemos cruzarnos contigo neste camiño, grazas 😀