Recentemente falamos neste blogue sobre como iniciar aos/ as peques no uso da internet. Cremos conveniente traballar este aspecto, xa que internet e as redes sociais teñen numerosos beneficios para os/as menores, con todo non hai que deixar de lado algúns dos perigos da internet como os trolls ou haters e o acoso que poden conlevar, o sexting ou o grooming entre outros.Por iso hoxe imos falar sobre unhas cantas claves ou accións que podemos levar a cabo para facer que os/as peques empecen a interaccionar coas redes sociais de forma segura e co apoio dos seus pais e nais.

Definir en familia criterios de uso das redes sociais

ipad niño redes sociales

Sentádevos en familia e definide entre todos como vai ser o uso das redes sociais: tempo máximo diario ou semanal, lugares desde os que pode acceder ás redes sociais, se pode publicar fotos ou non, de que tipo, etc. E deixade claro que información non debe compartir baixo ningún concepto, xa que é pola súa propia seguridade: nome, idade, colexio, dirección da súa casa, fotos comprometidas ou fotos que poidan dar información do seu estilo de vida; tamén desactivar sempre a xeolocalización.

Ensinar no seu uso e explicar os perigos das redes sociais

Como cando aprenden a andar en bicicleta, primeiro ensinámoslles como se usa e logo dicímoslles por onde poden ou non andar en bicicleta contándolles os perigos de non facelo correctamente. Coas redes sociais debemos facer exactamente o mesmo. Ofrecemos máis información sobre os perigos das redes sociais en post anteriores.

Configurar os axustes de privacidade

Aínda que cada rede social ten uns axustes de privacidade diferentes, en xeral todas teñen opcións para limitar a visibilidade dos perfís (facelos máis públicos ou privados), limitar o acceso a certo contido ou configurar algunha serie de filtros. Se queremos iniciar ós/ás menores no uso adecuado das redes sociais o noso deber pasa por coñecelas e aprender a utilizar estes axustes de privacidade.

Falade das redes sociais

Do mesmo xeito que cando chega a casa do cole pregúntaslle que tal lle foi en clase e a que xogou no recreo e con quen, tamén debes preguntar que viu nas redes sociais, con quen se relacionou, se tivo algún problema e se viu algo que lle gustou moito que cho ensine. Desta forma naturalizarase o seu uso, que é unha esfera máis do seu ámbito social, e os/as peques verán como algo normal contar ás súas familias o que fan en redes sociais e con quen falan.

As redes sociais teñen uns límites de idade

instagram niños redes sociales

E como último punto non debemos esquecer os aspectos legais. Aínda que sexan moitos/as os/as menores que se crean perfís nas redes sociais non debemos esquecer que cada unha delas ten unha idade mínima para acceder, é noso deber como responsables dos/as menores aceptar eses límites. Estas son as idades mínimas para acceder ás principais redes sociais:

Facebook: 14 anos

Twitter: 13 anos

Instagram: 13 anos

Pinterest: 13 anos

Snapchat: 13 anos

Youtube: 13 anos

Redes sociais específicas para menores

Para cumprir os aspectos legais e á vez iniciar ós/ás peques nelas existen outras redes sociais específicas para menores:

Youtube kids. Mesmo funcionamento que na súa versión para maiores pero con posibilidade de configurala con multitude de filtros e de opcións para que cada familia estableza as súas propias regras de uso adaptadas aos seus peques. Límite de tempo de uso, bloqueo de canles ou vídeos específicos, desactivación de procuras… son só algunha das opcións que permite.

Comunidade Clan. Centrada sobre todo nas series que se emiten nesta canle de televisión, ademais ofrece opcións para aprender idiomas, xogos educativos, concursos… facilitando a interacción segura dos/as nenos/as no mundo virtual.

Lego Life. Para os fans de LEGO esta rede social é sen dúbida unha marabilla, xa que permite personalizar e customizar as pezas de LEGO para crear o seu perfil de forma segura e anónima, facer as súas propias creacións de LEGO e compartilas co resto de usuarios, comentar mediante emoticonos as creacións doutros e moito máis.

Mundo Gaturro e Picapón. A través desta rede social os/ as menores accederán a vídeos, poderán ver comentarios ou participar en xogos con outros usuarios da comunidade, sempre relacionado cos personaxes desa plataforma.

Como vedes, hai diversas opcións para comezar a usar as redes sociais desde pequenos, tan só temos que informarnos e dedicar algo de tempo para que os/as menores cultiven de forma adecuada a súa esfera social dixital. 🙂