Por que falar de recursos motivadores?

Existe unha educación que chamamos emocional e que non sempre temos claro como utilizala ou realmente para que serve, así como a súa importancia no proceso de ensinanza – aprendizaxe. A grandes liñas poderiamos dicir que é a habilidade para tomar consciencia das nosas propias emocións e das dos demais e a capacidade para regulalas.

Agora como nai e educadora doume conta do difícil que é educar e saber utilizar as palabras apropiadas en distintas situacións, sabendo que do grao de autoestima dependerá o seu desenvolvemento na aprendizaxe, nas boas relacións, nas actividades e en certa maneira na súa capacidade para ser feliz.

Por iso debemos partir da intelixencia emocional á hora de traballar a motivación cos nosos/as fillos/as ou alumnos/as. Pero antes de dar algunhas claves que nos axuden nesta complexa tarefa debemos saber que se entende por motivación.

inteligencia_emocional_motivación

A motivación abarca moitos aspectos e é difícil ter só un significado para definila. No neno/a é un proceso interno que depende da curiosidade ou interese que teña pola súa contorna, onde os pais/nais e familiares xogan un papel fundamental. No ámbito do ensino, a motivación fai referencia a factores que incitan ó/á alumno/a a mostrar interese polas explicacións do profesor/a, onde o/a neno/a motivado fará preguntas e colaborará activamente en clase. A ausencia de motivación fai que a tarefa do/a profesor/a sexa realmente complicada.

motivación_empatia

Segundo os expertos, para poder entender a motivación un pouco mellor, podemos falar de tres grandes desexos.

Clasificación dos tres desexos

1. O desexo de benestar persoal: cando tentamos aprender e conseguímolo reforzamos a idea positiva de nós mesmos/as. Isto facilitará que continuemos aprendendo ó potenciar así a nosa autoestima.

2. O desexo de ser aceptado e formar parte dun grupo: isto relaciónase con aspectos como a sensación de aprobación e de aceptación percibida respecto doutras persoas. Esta é unha motivación social con vínculos respecto doutras persoas.

3. O desexo de superación persoal: cando un tema xera especial interese o neno ou nena verase reforzado cando comece a adquirir soltura na materia en cuestión.

Traballar a motivación dos nosos/as fillos/as ou alumnos/as non é unha tarefa fácil de abordar, pero tentarei dar unhas claves para facelo da mellor maneira posible.

Claves para motivar

– Ser modelo de motivación, un profesor/a ou un pai ou nai motivado é un bo exemplo a seguir. Para transmitir, se o facemos de maneira apaixonada e motivada, conseguiremos o interese e a atención dos nosos interlocutores.

– Dialogar é unha parte importante para traballar a empatía e deixar de lado as discusións. O diálogo ten que ser pausado dando razóns e convencendo sen chegar a gritar nin pelexar.

– Transmitir confianza felicitándolles polos seus logros conseguidos, sen esaxeracións. É importante este reforzo positivo, é unha maneira de que saiban que o están facendo ben e no caso de que non sexa así, podemos usar palabras ou frases como “isto está ben pero podemos melloralo”.

– Ensinarlle a partir dos seus erros, pero desdramatizando, os erros son un punto de partida. Un “non te preocupes, a próxima vez faralo mellor” pode axudar nalgunhas situacións, pero sempre debemos observar e ver a reacción para tamén nós mellorar na motivación.

– Reforzar a súa persistencia, a súa vontade para alcanzar metas e o seu traballo persoal. É importante facerlle entender que o esforzo e a perseveranza dan os seus resultados.

– Traballar a súa autoestima valorando as súas cualidades e mellorando os defectos. Corrixirlle os defectos con exemplos de como cambiar actitudes e facerlle ver o bo que ten e potencialo.

– Ensinarlles a ter un espazo ordenado para poder estudar, xogar ou comer é imprescindible. A contorna na que realicen cada unha das súas actividades influirá na facilidade para alcanzar os seus obxectivos. Un ambiente que non a favoreza pode provocar unha caída na autoestima non xustificada.

– Favorecer e axudar a desenvolver o seu lecer. Potenciar e exercitar as súas habilidades sociais. Atopar aquilo no que realmente sinte que é bo/a e apoialo/a.

– Favorecer o pensamento crítico axudaralle no seu desenvolvemento persoal. É importante facerlle ver o porqué das cousas e facerlle pensar como un individuo con capacidade crítica e argumental.

motivación_empatia_intelixencia_emocional

Cada un de nós, dependendo da situación particular, ben sexa cos nosos fillos e fillas ou o noso alumnado debemos buscar as ferramentas que mellor se adapten a cada situación. Debemos empatizar cos/as nenos/as e atopar a mellor maneira de conectar con eles/as e facerlles ver as cousas dunha maneira que lles motive. Se o logramos, avanzaremos un gran camiño para unha maior aprendizaxe e sobre todo cara a unha maior actitude e alegría. Lograremos que sexan felices aprendendo. 🙂