O xogo sempre foi o gran facilitador da aprendizaxe que nos acompañou ao longo da nosa vida, principalmente na nosa infancia. Desde aprender matemáticas mentres montamos uns mercadillos incribles, lingua cando nos inventamos nosas propias historias con peluches e ata resolución de conflitos cando as normas non están moi claras ou contamos con normas diferentes.
Actualmente as dinámicas de xogo están a cambiar e cada vez os videoxogos ocupan máis tempo no día a día dos nosos nenos e nenas. Por iso, no curso 2020 – 2021 iniciamos desde VermisLAB unha nova aventura creando a actividade de GameMakers, enfocada ao deseño e á creación de videoxogos. O noso obxectivo era, e é, que o alumnado sexa capaz de ver máis aló do puro entretemento, aprendendo sobre as dinámicas e mecánicas que existen detrás dos videoxogos, reflexionando sobre os valores e a ética a hora de xerar contido e, sobre todo, que o pasen xenial programando, deseñando e creando 😀
A Game Jam de VermisLAB
No post de hoxe querémosvos falar sobre unha actividade moi completa e que levamos a cabo en GameMakers cunha gran aceptación e moito éxito, a realización dunha Game Jam. Moitos/as estarédesvos a preguntar de que estamos a falar exactamente.
Unha Game Jam consiste nunha competición de creadores/as de videoxogos na que deben prototipar un videoxogo nun curto espazo de tempo en función dunha temática preestablecida. En VermisLAB os nenos/as contan con máis ou menos un mes e medio para realizalo e a temática deste ano é o Tardígrado. A valoración dos xogos facémola os/ as profesores/as e o alumnado dos diferentes grupos que temos, polo que é unha actividade que involucra a toda a “familia” 😀
Á hora de levar a cabo unha Game Jam é importante que o alumnado teña claro as fases do proceso e que as vaia desenvolvendo paso a paso. A continuación contarémosvos detalladamente cales son esas fases e que beneficios ten para o alumnado/a:
- Facemos os grupos de traballo e iniciamos a fase máis creativa do proceso. Nun primeiro momento deixámoslles un pouco de tempo para que poidan investigar sobre a temática, o que lles pode axudar á hora de xerar ideas, xa que idear sería o paso seguinte. A continuación o equipo debe seleccionar aquela idea de videoxogo que considere máis factible e, por suposto, máis divertida. Nesta primeira parte do proceso traballan moito a comunicación lingüística, xa que teñen que ser capaces de expresar as súas ideas e de manter un diálogo construtivo.
- Creación do Game Design. Cando xa seleccionaron unha, ou o conxunto dalgunhas das ideas é o momento de desenvolvelas, de esquematizarlas, de que todo quede o máis claro posible antes de poñerse a programar e a deseñar. Deben de ter en conta os elementos que compoñen o xogo, desde o concepto, as mecánicas, os niveis, os personaxes… sendo moi conscientes do límite de tempo do que dispoñen. Nesta parte do proceso trabállase moito a creatividade e a imaxinación, así como a capacidade de expresarse, pero esta vez a través dun videoxogo.
- Organización e planificación do traballo. Unha vez que xa saben que é o que queren facer chegou o momento de repartir tarefas e realizar un cronograma cos prazos para levalas a cabo. Nunha Game Jam a organización do tempo é moi importante. Neste punto da actividade, o alumnado desenvolve a súa capacidade de análise, planificación, organización, xestión e toma de decisións; contando sempre co apoio dos/as profesores/as.
- Desenvolvemento e creación do videoxogo. É a parte da actividade que lles levará máis tempo, deberán deseñar personaxes e escenas, así como programar cada unha das partes do videoxogo. A capacidade de adaptación ao cambio e a resolución de problemas será clave neste punto, cando os prazos acábanse e a data de entrega está cada vez máis preto. É apaixonante ver como se axudan entre compañeiros/as, mesmo ás veces aos/as doutros equipos. O traballo en equipo nunha Game Jam pode ser a clave do éxito.
Unha vez que se entregan os videoxogos realizados xa só queda xogalos e valoralos, dándose un feedback construtivo entre compañeiros/as para poder seguir mellorando os xogos no futuro. A través deste feedback elíxense os equipos gañadores, terminando a actividade cunha gran entrega de premios.
Aínda que é certo que gañadores/as son todos/as, por ser capaces de levar a cabo unha Game Jam, aplicando todo o que aprenderon durante o curso e sabendo xestionar procesos que moitas veces ata nos custa aos adultos.
Parabén aos/as GameMakers!