No post anterior de programación falámosvos dos beneficios que esta actividade tiña para os/as vosos/as fillos/as. Agora chegou o momento de ensinarvos distintas ferramentas que podedes utilizar con eles/as na casa en función da súa idade. Cando falamos de programación non sempre a idade é determinante, debemos tomala tan só como referencia e basearnos sobre todo nos seus coñecementos e capacidades.
Estes son só uns poucos exemplos da gran cantidade de programas que existen para iniciarse no mundo da programación. Foron escollidos especialmente porque poden ser desfrutados en castelán, de forma gratuíta e con contextos moi intuitivos.
Iniciación (a partir dos 4 – 5 anos)
A combinación de robótica e programación é a forma máis atractiva de enganchar ós nosos pequenos/as ó mundo da programación.
O Escornabot será a primeira das nosas recomendacións. Un robot de software e hardware libre no que os/as nenos/as, a través de botóns, poderán crear secuencias de movementos. A posibilidade de que os/as nenos/as creen os seus propios escenarios, circuítos… fai do Escornabot unha ferramenta de gran utilidade. Moitas veces tamén se usa para aprender de forma máis divertida matemáticas, xeografía e demais materias, pois podemos relacionar conceptos, unha conta co seu resultado… levando ó Escornabot ó lugar correcto.
Outro robot que debemos ter presente se queremos ensinar ós/ás nosos/as fillos/as a programar é o Ozobot. Este robot está deseñado para interpretar códigos de cores, podemos programalo utilizando unicamente papel, rotuladores e creatividade. Alucinante, verdade? O bo deste robot é que a medida que o/a neno/a crece a maneira de programalo se pode ir complicando. Utilizando o programa OzoBlockly, e a través dunha linguaxe visual (en bloques), poden dárselle instrucións moito máis complexas.
Pero que é isto da linguaxe en bloques? Cando pensamos en programación pensamos nunha linguaxe de código escrito, con símbolos, números… algo que nos parece indescifrable. Por iso creouse a linguaxe en bloques, para facer a programación máis accesible ás persoas. Xa non se trata de “picar código” como falan os programadores, senón de usar bloques, que unidos uns cos outros, coma se de un quebracabezas se tratara, conseguen que sucedan cousas marabillosas. Pero non debemos esquecer que detrás de cada un destes bloques existen liñas de programación sen as cales nada sucedería.
Pasamos agora a un dos programas máis utilizado e coñecido para ensinar programación a nenos/as, o Scratch. Pero sabías que existe un Scratch JR para os/as máis pequeniños/as? Trátase dunha aplicación gratuíta para móbil e tablet, na que os nenos/as utilizan a programación por bloques para crear historias e xogos. A diferencia do Scratch ten un contexto aínda máis atractivo e un número de bloques moito máis reducido, pero é perfecto para iniciarse na programación e entender a lóxica computacional.
Tamén podemos inicialos na programacion con medios máis analóxicos. Recomendámosvos un xogo de mesa, o Robot Turtles, que segue un pouco a mecánica do Escornabot pero a través de cartas e cun taboleiro. Trátase de ir movendo unha tortuga nun circuíto e superando obstáculos.
Outras formas interesantes son a través de xogos de animación. Facer que se convertan en robots que manexamos a través de ordes ou incluso crear un código propio con sons, cores ou palabras inventadas. O vínculo entre creatividade e programación non ten límites!
Principiante (a partir dos 7 – 8 anos)
Toca volver a falar do Scratch, a linguaxe de programación por bloques creada no MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts) no ano 2003, que co lema “Imaxina, Programa, Comparte” fixo accesible a programación a tódalas persoas, incluíndo tamén ós/ás máis pequenos/as. Existe unha versión online, na que podes unirte á comunidade de “Scrathers” e compartir os teus proxectos, e outra versión offline para traballar dende o escritorio do ordenador. Actualmente atópase na versión 2, pero este verán ten previsto saír á luz a nova versión (Scratch 3), que sorpresas nos traerá?
O abano de posibilidades que nos proporciona o Scratch vai máis alá de programar historias ou xogos, podemos utilizalo para programar hardware chegando a facer cousas incribles. Dous aliados desta linguaxe de programación son a Raspberry Pi e o Arduino. Raspberry Pi e Scratch permítenos conectar as nosas programacións con leds, botóns, sensores, servos… que podemos programar sen necesidade de utilizar código “puro”. O mesmo ocorre con Arduino e o Scratch 4 Arduino (S4A), permitindo programar as placas de Arduino sen necesidade aínda de dar o salto á linguaxe de texto.
Scratch abriu a porta da programación ó mundo e serviu de inspiración a outros programas que se foron creando co paso dos anos, como o mBlock, Blockly ou Visualino (Arduino), entre outros. Os cales utilizan o mesmo sistema de bloques, pero teñen a vantaxe a maiores de poder ver o código que hai detrás de cada “quebracabezas”, o que resulta moi interesante xa que pronto se achegará o momento de dar o salto a “picar código” 😀
Tamén para estas idades recomendámosvos un xogo de mesa, o Codey Monkey Island. Trátase dun xogo de cartas, pero no que xa se introducen elementos máis complexos da programación.
Intermedio ( a partir dos 11 – 12 anos)
Chegou o momento de dar os primeiros pasos na programación con código, e que mellor forma de facelo que xogando. CodeCombat é un xogo de rol online no que teremos que conseguir pedras preciosas e loitar con malvados a medida que avanzamos nos diferentes niveis. Como se xoga? Programando!
CodeCombat acepta varias linguaxes de programación, as máis destacadas e utilizadas Python e JavaScript. Comeza dende o máis básico e a medida que avanzamos nos niveis vaise complicando, pero sempre co apoio de pistas que nos vai dando o xogo e exemplos do código. Mesmo existe unha forma de xogo de multixogador, o que sen dúbida o fai moito máis interesante.
No nivel intermedio tamén podemos recorrer de novo a Arduino, pero esta vez sen apoiarnos en bloques. Xa toca escribir!
Utilizando Arduino IDE (Entorno de Desenvolvemento Integrado) podemos escribir código que o Arduino entende e así programar unha infinidade de sensores e compoñentes electrónicos. Non é das linguaxes máis complexas, por iso é boa para iniciarse na programación.
Outra aplicación moi interesante para utilizar no nivel intermedio é a App Inventor creada por Google, que nos permite crear aplicacións Android utilizando bloques.
Chegados a este punto podemos dicir que o límite está nas ganas de aprender, na creatividade e curiosidade das persoas, pois ferramentas témolas todas.
Avanzado ( a partir dos 16 anos)
Moitos/as quedariades pensando que é iso do Entorno de Desenvolvemento Integrado, pois é algo que no nivel avanzado utilizaremos moito. Chegou o momento de crear software e os IDE son aplicacións informáticas que permiten ós programadores escribir o seu código e crealo, poderiamos dicir que é o Open Office dos programadores. Algúns exemplos serían NetBeans ou JetBrain.
A lóxica da programación xa a temos interiorizada de programar con bloques, algunhas palabras clave de linguaxes de programación tamén, grazas ó CodeCombat. Agora só nos queda seguir investigando, buscar nos “dicionarios” das linguaxes de programación como JavaScript, Phyton, C++, PHP… as palabras claves e funcións e “picar código”, sobre todo, “picar código”.
Podedes ver que a cada ferramenta correspóndelle unha idade mínima para iniciarse, pero nunca unha idade para deixar de utilizala. Todas elas son válidas tamén para aprender unha vez que somos adultos. Anímaste a probalas? 😀