A revolución socio-tecnolóxica que estamos a vivir está a afectar a tódolos aspectos da nosa vida e, por suposto, a educación é tamén un deles. As novas xeracións, aquelas que naceron rodeadas de tecnoloxías e que as utilizan no seu día a día desde a infancia, modificaron a súa forma de aprender e de pensar respecto dos seus predecesores. Isto deu lugar a que xurdan novas formas de entender a educación, onde as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) son as principais protagonistas. Como consecuencia apareceron novas metodoloxías aplicables nas aulas e recursos novos para atraer a este alumnado, que cada vez máis parece afastarse das metodoloxías tradicionais de ensino.
A programación é un deses recursos que nos pode abrir un abanico moi amplo de posibilidades para traballar cos nosos/as alumnos/as. Axúdanos a desenvolver neles/as capacidades, destrezas e competencias que lles serán moi útiles no futuro dentro dun ambiente que lles resulta atractivo, cómodo e divertido.
O habitual é pensar que aprender a programar é útil en si mesmo polas excelentes posibilidades laborais que che pode brindar, pero saber programar vai moito máis alá, dotando ás persoas de habilidades para a vida. Como docente, cando me teño que introducir no mundo da programación o primeiro que lle ensino ó meu alumnado é o concepto algoritmo, unha serie de instrucións que temos que seguir de forma adecuada para a consecución dun fin determinado. É básico na programación saber onde queres chegar e ir paso a paso de forma clara e lóxica para conseguilo, algo que podemos facilmente extrapolar á consecución de calquera obxectivo na vida. Durante as clases hai momentos moi divertidos cando nos poñemos a resolver o algoritmo de facer un biscoito, lavarse os dentes ou fritir un ovo; algúns/as póñeno na tixola sen romper a casca antes. 😀 Así aprenden que hai que seguir unha orde lóxica para que as cousas saian ben.
Podemos dicir entón que os beneficios son moitos máis dos inicialmente pensados. A continuación comentamos algúns deles.
1. Desenvolvemento da creatividade
A programación fundaméntase na espiral do pensamento creativo de Mitchel Resnick. O alumnado parte da súa imaxinación para crear un proxecto, ben sexa un xogo, unha historia… A continuación xogará e gozará da súa creación e orgulloso/a compartirao cos seus compañeiros/as, o que lle levará a reflexionar sobre posibles cambios ou modificacións para melloralo. Así volverá ao momento inicial onde a imaxinación convértese en algo co que poder interactuar.
2. Mellora a capacidade de resolución de problemas e desenvolve o pensamento computacional
Programar é tomar decisións, os/as nenos/as atópanse constantemente con problemas que deben resolver. A través da programación aprenden a definir problemáticas ou obxectivos, a determinar as ferramentas que teñen para solucionalo ou conseguilo e a decidir a forma máis adecuada de facelo, onde os algoritmos son a clave.
3. Fomenta a tolerancia á frustración ó mesmo tempo que mellora a autoestima e a confianza do alumnado
Ao programar son moitos os erros que nos podemos atopar e temos que ir resolvendo. A longo prazo isto axúdalles a entender que lograr os seus obxectivos require de tempo e esforzo. Ver que finalmente o logran failles entender que todo o traballo realizado merece a pena, mellorando a súa autoestima e confianza en si mesmos ó verse capaces de logralo.
4. Fortalece a autonomía dos/as nenos/as
Xeralmente o software deseñado para iniciar ós/ás nenos/as no mundo da programación é moi intuitivo, permitindo ó neno/a experimentar en función da súa curiosidade e de forma autónoma. Os/as nenos/as teñen claro onde queren chegar e unha vez que entenden a ferramenta lles gusta ir probando as posibilidades que lles brinda.
O avance tecnolóxico pon a disposición do docente moitas ferramentas que resultan atractivas para o alumnado. Forma parte do noso labor poñelas en práctica e sacarlles o maior partido posible para motivalos e ensinarlles a través delas. No próximo post de “programación como recurso educativo” poñeremos á vosa disposición unha serie de ferramentas para achegar a programación ós/ás nenos/as ó longo das distintas etapas educativas.
Se queres seguir profundando sobre programación segue lendo no noso seguinte post.