Queda moi pouquiño xa para a Semana Santa e somos moitos os que estamos fantasiando xa con eses días festivos que empregaremos para desconectar. Algúns pasarémonos eses días paseando ao aire libre (se o tempo o permite) ou lendo todos eses libros que durante a semana se nos quedan a medias. Outros apuraredes o tempo para visitar novos lugares, practicar algunha actividade nova ou desfrutar coa familia.
Ao igual que os maiores estamos desexando que cheguen eses festivos os peques tamén desexan esas mini vacacións. Pero… teñen plans para esa semana libre? Se a resposta é afirmativa estaremos encantados de que nos contedes que ides facer. Pero se a resposta é negativa… aquí vos deixamos algúns plans para facer cos nen@s estas vacacións 🙂
Ir a ver a neve… por primeira vez!!
Ou por segunda, terceira, cuarta… hai poucos nenos ós que non lles entusiasme ver a neve, xogar a facer bonecos de neve ou lanzarse bolas xeadas, facer anxos no chan ou simplemente ver como caen os copos de neve sobre unha paisaxe totalmente branca. En Galicia aínda podemos atopar a neve en Cabeza de Manzaneda, nos Ancares, en Pedrafita do Cebreiro ou no Courel. Se ides… queremos ver as vosas fotos! 😀
Creatividade a golpe de pintura
Porque pintar mola, a grandes e pequenos, poucas cousas hai más relaxantes que coller cores, deixarse levar e que saian creacións impresionantes. Pero podemos darlle unha volta máis, por que non pintamos empregando como pincel partes dos nosos corpos? Pintar cos dedos, as mans ou os pes! Seguro que saen verdadeiras obras de arte 🙂
Compartir momentos en familia a través da cociña
Porque cociñar non debe ser só unha obriga, algo que facemos por necesidade. Cociñar pode ser un auténtico pracer e un tempo moi valioso para compartilo en familia e aprender a traballar en equipo. Propoñémosvos facer unhas galletas moooooi fáciles e saudables, tan só precisamos 2 plátanos, 100gr de copos de avea e anacos de chocolate (elixide o voso favorito!). Para facer a masa chafamos os plátanos cun garfo, misturámolos cos copos de avea e egadimos o chocolate (tamén podedes engadir froitos secos como noces ou avelás). Xa só nos queda poñer culleradiñas nunha bandexa de forno con papel antiadherente, aplastámolas un chisco e forneamos a 190º 15 minutos. Deixádeas arrefiar antes de comelas…. veredes que ricas!
Visita a museos
É un plan que nunca falla: saímos de casa, vemos un sitio diferente, aprendemos cousas novas e pasamos o tempo xuntos. Aquí en Santiago unha opción pode ser o Museo de Historia Natural, ideal para que os peques aprendan un montón de cousas novas 😀
Os beneficios dos campamentos vacacionais
Unha opción moi boa para os pais e nais que teñen que traballar polas mañás é anotar ós nen@s a un campamento. Os beneficios de ir a campamentos para os nenos e nenas son numerosos: aprenden mentres se divirten, fomentan a creatividade, axudan a formar a personalidade, é unha experiencia de aprendizaxe alternativa á que están acostumados, fomentan a aprendizaxe participada e as experiencias cooperativas (Luján e Rodríguez, 2011; Vigo, 2005).
Para nós é moi importante o concepto de aprender xogando, xa que fomenta a adquisición de coñecementos, habilidades, destrezas e valores relacionados coa temática que nos propoñamos. Por exemplo, para esta Semana Santa en VermisLAB propoñemos un campamento espacial onde os pequen@s aprenderán a pensar en grande, en proxectos de gran tamaño e de futuro e, por riba de todo, fomentar a curiosidade e o coñecemento científico a través da busca e resolución de problemas relacionados coa conquista de Marte 😀
Referencias bibliográficas:
Luján, M. E. y Rodríguez, K. (2011). El campamento como programa didáctico: hacia una propuesta teórico-metodológica para su implementación en los museos. Revista Electrónica Actualidades Investigativas en Educación, 11, 1-33.
Vigo, M. (2005). Manual para dirigentes de Campamentos organizados. Argentina: Stadium Waichman.