Nestes últimos anos comezamos a escoitar falar moito destes aparatos, aos que uns/unhas consideran xoguetes e outros/as unha ferramenta de traballo. A verdade é que se ven máis como o agasallo que se fai polo Nadal e que os rapaces e as rapazas esperan con moita ansia, pero tamén na educación comezan a ser un elemento importante a ter en conta, xa que é unha ferramenta coa que o alumnado pode obter resultados positivos a curto prazo.

Cales son os beneficios de incorporalos na clase?

Expoñeremos algúns dos beneficios educativos que ten introducir os drons nas aulas, pois son moitos máis dos que pode parece en primeira instancia:

Máis motivación en clase

Xa son moitos os centros e asociacións que integraron esta ferramenta de traballo nas aulas. Unha das vantaxes máis relevantes que aportan os drons no ensino é que a motivación dos/as rapaces/as aumenta xa que o ven coma un xogo e non coma unha aprendizaxe. Utilizalos en gamificación fai que os/as rapaces/as obteñan unha aprendizaxe extra e adquiran habilidades que non obterían doutro xeito .

Axudar no desenvolvemento da motricidade e da coordinación

Esta ferramenta non só aporta esa motivación, senón que tamén ten moitos efectos positivos na motricidade dos rapaces e rapazas. Utilizar un dron axuda a que desenvolvan mellor as súas capacidades motoras e de coordinación man-ollo, dado que teñen que controlar ao dron sen mirar o que fan cos mandos. Este proceso é moi importante fomentalo dado que nas idades comprendidas entre os 5 e os 9 anos é cando os/as rapaces e rapazas adquiren as habilidades de desenvolvemento motriz máis importantes, polo que o exercicio destas técnicas aportaralles ós/ás rapaces/as unha unha evolución a este nivel máis rápida.

drones educacion niños

Mellorar a orientación e a visualización espacial

O punto forte dos drons é que fan que o noso campo de visión cambie, dado que a maior parte deles teñen unha cámara que nos da puntos de vista distintos aos que estamos acostumados a ver. Deste xeito os rapaces e as rapazas tamén coñecen un campo de visión diferente do mundo e se lles abre un mapa dende as alturas do entorno que normalmente ven a pé de campo.

Favorecer o pensamiento lóxico 

Estes dispositivos comezan a ter unha grande importancia na educación, non só polas características xa comentadas, senón porque poden integrar novos sistemas que van mais aló de manexar o voo do dron. Algúns destes novos elementos son a capacidade de programar o movemento do dron con antelación, é dicir, usando a lóxica e a previsión para programar que movementos terá que facer o dron para cumprir o seu obxectivo, mais alá de darlle as ordes no momento xusto. Deste xeito o profesorado pode traballar con retos de desenvolvemento das capacidades lóxicas dos/as estudantes.

Así mesmo, a capacidade de poder programalos é un engadido extra á educación, xa que o futuro de moitos/as dos/as rapaces e rapazas basease, moi probablemente, no desenvolvemento de programas coma os que inicialmente fan cos drons nas aulas.

Pódese traballar esta experiencia con retos que aporten un engadido extra ao ensino. Temos varios exemplos de retos que se poden levar a cabo:

-Facer un circuíto que o dron teña que percorrer. Apórtalles visión de futuro e premonición das ordes que teñen que dar ao dron.

-Poñer obstáculos nese mesmo circuito. Neste caso aplicase o pensamento computacional, xa que teñen que programar funcións lóxicas do estilo, “se hai un obxecto” entón “xirar”.

-Medir a velocidade de voo con respecto a distancia a percorrer. Isto axudaralles a percibir a problemática de avanzar sempre ao máximo e a ter que controlar o dron neses casos eles mesmos, tendo que interiorizar termos coma os valores analóxicos.

drones educacion niños

Fonte: ToDrone

Aprender conceptos de electrónica e impresión 3D

Non só a programación é un engadido nos drons, tamén a súa montaxe electrónica se pode usar para que os rapaces e as rapazas aprendan electrónica básica, o funcionamento dos motores e a aerodinámica. Deste xeito séguese traballando a motricidade, neste caso a motricidade fina, xa que os compoñentes son pequenos e precisan dun coidado especial que eles e elas adquiren ao facer as conexións. Ademais podemos levar a aprendizaxe ata onde nós queiramos, pois podemos engadir diferentes sensores como sensores de presión ou temperatura, que axuden a visualizar os distintos valores dependendo da altitude á que se atope o dron. O límite poñémolo nós 😀

Tamén podemos deseñar pezas para o dron, o que levará ao alumnado a aprender impresión e deseño 3D, podendo deseñar partes do dron ou incluso a súa estrutura completa. Neste caso desenvolverán unha habilidade para a visión tridimensional e o deseño de elementos abstractos e o máis importante, a nivel creativo non terán límites para crear a súa visión de como debería ser un dron e incluso poden compartila cos demais. 

Promover a aprendizaxe transversal 

Ata agora parece que os drons só se poden aplicar á educación pola rama da tecnoloxía, pero non é así, cos drons pódense adquirir puntos de vista distintos de outras materias. Por exemplo, en historia da arte poden ver esculturas ou edificacións dende o aire, o que lles aportará moita máis información que un debuxo, percibindo pequenos detalles. Tamén ten a súa relación coa física, pois é importante coñecer e prever o movemento do dron, xa sexa por unha corrente de aire ou polo movemento de caída libre. Incluso poden aprender reaccións químicas coma as que se producen nas baterías dos drons ou comprobar coma dende o aire a xeografía da súa zona se ve e se entende doutro xeito. A clave está en ser creativo/a á hora de buscarlle unha aplicación lóxica nas distintas materias 😀

Fomentar a aprendizaxe por proxectos e resolución de problemas 

Con eles os alumnos tamén coñecen outras posibilidades de desenvolvemento, podendo reformular coa axuda dos drons, proxectos ou sistemas que xa existen. Por exemplo elaborando a conceptualización de novos modelos de procesos coma o rescate, a mensaxería ou o soporte.

Neste punto os/as nosos/as makers xa avanzaron un punto na sociedade; o curso pasado deseñaron un semáforo dron, o cal se usaría para situacións de emerxencia onde non existe ningún dispositivo para controlar o trafico, coma un accidente ou un evento inusual. Para chegar a este proxecto os/as nosos/as makers seguiron a metodoloxía do Design Thining mediante a cal obtiveron o insight ou clave da problemática que se expuxo e resolvérona con este proxecto, que obtivo o terceiro premio da Maker Faire do ano pasado. O semáforo dron consistía nun semáforo deseñado en 3D por eles/as mesmos/as colocado nun dron, para o cal deseñaron tamén en impresión 3D un ancoraxe ao mesmo. Ademais deseñaron o circuíto electrónico do semáforo e un programa en Arduino para que fora completamente autónomo. A continuación ensinámosvos un vídeo para que o vexades funcionar. 

 

Os drons xa non son simplemente xoguetes, senón que poden aportar moitas cousas na educación dos rapaces e das rapazas, pero non só como medio de motivación, senón coma ferramenta para desenvolver recursos educativos que non existían ata agora ou que non parecían posibles na educación.