En VermisLAB gústanos realizar todo tipo de proxectos científicos para divulgar o coñecemento da ciencia e a tecnoloxía entre os/as máis pequenos/as. É por iso que durante estes días de Semana Santa estamos a realizar un campamento espacial chamado “Colonizando Marte” no que os nenos e nenas aprenden facendo todo tipo de proxectos. Realizan desde foguetes espaciais, os traxes e escafandras, cápsulas de osíxeno, deseño de ecosistemas coas bacterias necesarias, vivendas marcianas e ata adestramento espacial.

curiosidades marte niños
Con motivo da celebración deste campamento aproveitamos tamén para darvos algúns datos interesantes sobre o noso planeta veciño.

Mercurio, Venus, Terra, Marte, Xúpiter…todos aprendemos na escola que Marte é o cuarto planeta do sistema solar, orbita en torno ao Sol entre A Terra e Xúpiter, e por aí está tamén o cinto de asteroides. Tamén sabemos que o seu nome é en honra ó deus romano da guerra pola súa cor avermellada. Pero se queremos entender o porqué desa ansia dalgúns por pisar o planeta vermello, a importancia científica dos datos que desde alí nos envía o robot “Curiosity” desde fai xa máis de 2.000 días ou queremos xogar a colonizar Marte nun divertido campamento como o que estamos a realizar durante estes días, viranos moi ben saber un pouco máis… así que alá van 8 cousas imprescindibles que hai que saber sobre Marte e algunha máis na que hai que pensar.

1. Marte pódese ver a primeira ollada

Por iso é coñecido desde a antigüidade. Distínguese facilmente por brillar con bastante intensidade cun ton avermellado. Pode ser confundido con algunhas estrelas, como Antares por exemplo, na constelación de Escorpio, pero se semana a semana vai avanzando polo ceo nocturno, non hai dúbida de que aí está. Ao ser un planeta irá atravesando aos poucos as constelacións do “zodíaco”. Neste momento non é boa época para velo (desde España), teríamos que levantarnos antes do amencer e mirar cara ó suroeste.

2. Marte ten dúas lúas

Ou mellor chamámolas satélites. Os seus nomes son  Fobos e Deimos, son moi pequenos, de menos de 30 km e nin sequera teñen forma esférica. Foron descubertos en 1877. Ambos son asteroides capturados pola gravidade de Marte.  Fobos é o máis grande, está moi preto do planeta, a uns 9000 km, e acabará caendo sobre el… pero dentro duns cantos millóns de anos.

3. En Marte temos menos anos e tamén pesamos menos!!

En efecto, o planeta tarda aproximadamente o dobre que a Terra en dar unha volta ó redor do Sol, uns 687 días, así que temos máis ou menos a metade de anos marcianos. Será a forma de como volver a ser nova/o? 😉 Ademais é a metade do tamaño que a Terra, por iso a súa forza de gravidade é moito menor polo que alí pesariamos menos do 40% do que pesamos na Terra!!  😀

4. En Marte tamén hai estacións

O eixo de Marte, como o da Terra, está inclinado, por iso, do mesmo xeito que aquí, e dependendo da inclinación con que chegan os raios do Sol á súa superficie ó longo do ano, hai primavera, verán, outono e inverno. En Marte pode facer moito frío, aínda que nunca fai demasiada calor, pois está moito máis lonxe do Sol que a Terra. Non, non é bo sitio para veranear… 😛

curiosidades marte estaciones

Marte. Por NASA and The Hubble Heritage Team (STScI/AURA) [Public domain], undefined

5. En Marte hai tremendas tormentas de area

A atmosfera é moi fina e liviá, pero ás veces xéranse fortes ventos, que superan o 100 km/ h, capaces de levantar o po avermellado que cobre case todo o chan do planeta. Durante estas tormentas prodúcense grandes nubes de area que poden chegar a cubrir centos de quilómetros.

6. En Marte hai volcáns e canóns xigantescos

Aínda que sexa un planeta relativamente pequeno ten algunhas estruturas xeolóxicas enormes e realmente interesantes. Por exemplo, unha das súas montañas, un volcán extinto chamado Olympus Mons, mide 24 km de altura e máis de 500 km de diámetro na súa base. É o volcán coñecido máis grande do sistema solar. Ademais o famoso Gran Canón do Colorado, cos seus 400 km de lonxitude e 1,6 km de profundidade máxima, palidecería á beira do enorme canón marciano chamado Vales Marineris, de máis de 4.000 km de longo e unha profundidade de 8 km. Son estruturas que se ven claramente desde o espazo.

 

curiosidades marte agua

Rastro de agua. foto NASA CC

7. En Marte non hai marcianos

Os famosos habitantes de Marte son cousa de novelas e películas, pero a orixe deste mito é moi interesante: a finais do século XIX, mentres Marte estaba nunha posición especialmente boa para a observación, un astrónomo chamado Schiaparelli creu ver co seu telescopio unhas estruturas lineais na superficie do planeta. Chamounas canles. Pouco despois Percival Lowell, ávido de atopar vida extraterrestre, construíu un observatorio e a partir dos seus propios datos debuxou mapas de Marte onde figuraban redes de canles que supostamente os marcianos construíran para transportar auga. Aínda que en poucos anos outros astrónomos, con observacións de mellor calidade, desmentiron a hipótese das canles, a idea duns veciños planetarios cunha civilización moi avanzada era demasiado atractiva e empezaron a proliferar as novelas e relatos, algúns moi coñecidos, e máis adiante por suposto películas e series de televisión. Grazas Lowell por inspirar tantas historias fantásticas! ;D

8. En Marte SI hai auga

Un dos detalles que se poden chegar a ver desde a Terra son os casquetes polares de Marte. Coa chegada da primavera ou do inverno, o xeo polar retrocede ou avanza cada ano, pero este xeo é principalmente de dióxido de carbono conxelado, non de auga. No verán marciano este xeo retírase e queda unha capa fina de xeo de auga.

Pero non só iso: desde hai décadas sábese que nun pasado afastado houbo grandes cantidades de auga líquida en Marte, pódense ver a erosión causada por ela e estruturas xeolóxicas que na Terra só se forman en presenza de auga. Pero desafortunadamente esa auga desapareceu da superficie. Sospeitouse durante moito tempo que unha parte permanece conxelada no subsolo. Recentemente puidéronse observar rastros de auga líquida que baixaban por algunhas ladeiras durante os veráns, o cal elimina por fin calquera dúbida acerca da súa existencia.

E que pasa coa vida? Aínda que xa sabemos que non existen os marcianos, podería haber vida microscópica en Marte?, é posible a existencia de vida nalgún momento pasado ou futuro?

Ó longo de moitos anos especulouse coa posibilidade de que houbese bacterias no subsolo ou en zonas “especiais” do planeta. Aínda que ata agora descartáronse moitas posibilidades que parecían prometedoras, cada vez sábese máis de como se desenvolve a vida en hábitats moi extremos polo que aínda non se dá por imposible atopala en Marte.

Hai que pensar tamén na posibilidade de contaminación pola nosa banda. Podería ser que, involuntariamente, puidésemos facer chegar microbios terrestres que puidesen proliferar alí e mesmo desprazar aos autóctonos… aquí na Terra xa ocorreu repetidas veces.

Deberiamos preguntarnos se está ben correr ese risco, aínda que pola nosa banda non nos cabe a menor dúbida de que un día a humanidade desembarcará en Marte. Esperamos que os futuros científicos que asisten estes días ó noso campamento espacial, farano de maneira responsable e tendo en conta todos os factores ambientais que a nosa presenza ou a dos organismos que levemos connosco terán sobre o planeta. Polo de agora estano facendo xenial!

curiosidades marte campamento espacial

curiosidades marte campamento espacial niños

Escrito por Carmen Castro