Que é isto do Design Thinking?
Basicamente o Design Thinking é a evolución do pensamento de deseño, o cal se leva utilizando desde comezos do século pasado para achegar novas solucións no ámbito da enxeñería de produto. O cambio substancial con respecto a aquela época é que o Design Thinking ten unha perspectiva que vai moito máis alá do produto e que se define como unha metodoloxía de innovación centrada nas persoas para a resolución de problemas complexos.
Se queredes unha información máis profunda respecto diso podedes botarlle un ollo a un post que realizamos no seu día no blog de Designthinking.gal falando sobre a historia do Design Thinking.
Que achega o Design Thinking na educación?
A metodoloxía do Design Thinking permítenos detectar unha necesidade ou un problema e darlle solución a partir destes 5 pasos: empatizar, definir, idear, prototipar e testear.
Ademais dun método para buscar solucións, o Design Thinking está estruturado a partir duns factores que son claves no proceso educativo, estes son:
A intelixencia emocional. Aínda que é unha parte inherente á metodoloxía, trabállase especialmente tanto na primeira fase do proceso (empatizar) como na última (testear). Isto permítelle ós/ás nenos/as tanto entender as emocións dos demais como coñecer mellor as súas propias, algo fundamental no seu desenvolvemento.
A confianza creativa. Para poder crear algo novo temos que ter confianza en nós mesmos/as. Esta é outra parte inherente á metodoloxía que se visualiza sobre todo no paso tres (idear) e que en VermisLAB traballamos constantemente durante as nosas actividades.
O traballo en equipos multidisciplinares. As solucións máis disruptivas se levan a cabo por equipos de persoas con diferente formación e puntos de vista. Isto introduce máis inputs na ecuación, o que xera máis e mellores solucións. A isto en VermisLAB sumámoslle a diversidade, nas nosas actividades conviven nenos/as con características moi diversas e de idades diferentes. Isto, lonxe de ser unha dificultade, para nós é unha sorte, xa que esta diversidade na aula lles potencia moito a intelixencia emocional, a comunicación e o traballo en equipo. Hai que puntualizar que isto o podemos levar a cabo entre outras cousas pola métrica de profesor alumno (1 a 5) coa que traballamos, pola contra non sería posible.
A contorna favorable. Este factor parte da base de que, se queremos facer cousas distintas, temos que ter unha contorna propicia. Os castigos ou as rifas substituímolas por motivacións e explicacións, e a distribución clásica da aula por unha máis flexible e adaptable ós proxectos a realizar.
Pensamento integrador e global. No mundo actual é cada vez máis importante ter un pensamento amplo e ser conscientes do lugar que ocupamos en todo o sistema. Este factor axuda ós/ás nenos/as a entender que son un membro máis do devandito sistema e que aquilo que fan ten repercusión en algo máis grande. Isto extrapolado ó mundo dos proxectos permítelles visualizar un obxectivo xeral e ter control sobre cada unha das fases dun proceso.
A experimentación. Este punto está ligado á fase catro da metodoloxía (prototipar) e para os/as nenos/as é algo fundamental a todos os niveis, desde o desenvolvemento motriz ata a visión espacial ou a habilidade técnica.
O optimismo. Este factor é o acelerante da receita, xa que se non permitimos ós visionarios soñar quizais nunca poderiamos chegar a outros planetas, curar certas enfermidades ou comunicarnos con xente que está lonxe. Polo tanto, temos que fomentar que os/as nenos/as soñen e xerar un clima positivo e divertido na aula. Isto levaralles a estar máis motivados/as, serán máis felices e facilitará que cumpran os seus soños.