Este 2022 comezou con moita forza en VermisLAB, xa que o pasado 8 de xaneiro botamos a andar un novo proxecto do ecosistema, o CLUB_E.
De onde xurdiu a idea do CLUB_E?
Debido á escoita activa que realizamos de xeito continuo con familias e alumnado, cada ano aprendemos cales son as necesidades practicamente en tempo real, segundo os perfís e os grupos de idade.
Algo que detectamos é que se acelerou co illamento provocado pola pandemia, foi que os rapaces e rapazas adolescentes necesitan máis que nunca atopar espazos de relación sans onde conecten a través de intereses compartidos.
Debido ás circunstancias actuais e ao proceso acelerado de dixitalización que estamos a vivir, estes espazos búscanos de xeito online, moitas veces sen as ferramentas e os coñecementos necesarios para participar nos mesmos.
En VermisLAB cremos nun mundo híbrido, onde nos espazos físicos teñan lugar experiencias de impacto positivo que aporten valor e axuden a evolucionar e a desenvolvernos como persoas, por iso xurdiu o CLUB_E.
Por que a partir de 14 anos?
Nestas idades, os cambios fisiolóxicos entran na ecuación, o que non axuda a manter o foco moito tempo na mesma actividade e fai que busquemos o coñecemento dun xeito menos marcado ou máis líquido, como diría Bauman. Son momentos onde estamos construíndo a nosa identidade, a incerteza forma parte do día a día e ata nos podemos avergoñar do noso eu do pasado.
Ademais, a etapa adolescente normalmente se demoniza, en lugar de aproveitar a explosión creativa que se produce nela e escoitar o que nos teñen que dicir os rapaces e rapazas.
Desde o nosa perspectiva, é unha pena tremenda que tanto talento se poida perder ou que a desmotivación entre en escena simplemente por non xerar as condicións axeitadas, de aí que o espazo se enfoque a partir desta etapa vital e sen límite de idade.
Por que un espazo físico os sábados en lugar dun espazo dixital de continuo?
Aínda que en VermisLAB somos defensores das ferramentas tecnolóxicas e os canles online, coma exemplo a xestión das actividades durante esta pandemia, cremos que non nos podemos despegar do mundo físico, polo menos mentras sexamos humanos, xa que é inherente á nosa natureza.
Está demostrado que a interacción cos nosos semellantes en contornas físicas e fundamental para o benestar emocional e físico, ademais de permitirnos fortalecer moito máis os vínculos adquiridos. Mentras nun mundo virtual só traballamos con dous sentidos, a vista e o oído, no mundo físico facémolo cos cinco, polo que o xeito de percibir a información é moito máis rico.
Sen embargo, como nos gusta ir a por todas, o CLUB_E manterá tamén unha canle de Discord activa para os/as socios/as durante todos os días do ano, así coma as súas correspondentes redes sociais.
O feito de que o CLUB_E se celebre os sábados de 10 a 14 e de 16 a 20 permítelles aos participantes acudir nun horario máis flexible e sen o estrés semanal que marca o calendario escolar e a xornada laboral das familias.
Deste xeito o tempo de ocio é de maior calidade, a aprendizaxe realízase dun xeito moito máis consciente e podemos pensar fóra da caixa.
Que contidos hai no CLUB_E?
A conexión entre todo o que ocorra no CLUB_E xirará ao redor das persoas e a tecnoloxía. Aínda que nas primeiras xornadas o equipo de VermisLAB está tendo máis peso na proposta de actividades, partimos en todo momento dos intereses dos/as socios/as, tratando temas coma os videoxogos, xogos de mesa, a robótica, o deseño, a impresión 3D, a realidade virtual e moito máis.
Así, neste primeiro mes de vida plantexáronse xa 3 xornadas temáticas, unha onde o humor foi o elemento transversal e outras dúas onde o foi a cultura xaponesa.
A medio prazo, o obxectivo é que sexan os/as propios/as socios/as quen propoña a maior parte do calendario de actividades, proxectos ou eventos e poidan formar parte da construción e execución dos mesmos.
Gustaríanos que o CLUB_E ademais dun espazo de ocio alternativo, aprendizaxe activa e creación interdisciplinar a través de proxectos, sexa un elemento de empoderamento para os/as adolescentes máis diversos, xa que como defendemos en VermisLAB, para nós o friki é o que aporta valor.