Por que soñamos? Por que non lembramos case nada de cando eramos pequenos? Por que hai persoas que poden memorizar grandes cantidades de información e outras non? Como aprendemos? Estas son algunhas das preguntas que os neurocientíficos levan anos tentando responder. Poderíase dicir que o cerebro é o órgano do corpo humano máis complexo e por iso, segue sendo o maior descoñecido. Con todo, a grande cantidade de estudos científicos e os avances tecnolóxicos permitiron que vaiamos coñecendo aos poucos como funciona e que poidamos utilizar estes coñecementos para aplicalos na nosa vida diaria.

Un dos ámbitos onde se aplican estes coñecementos é na educación. Cada pequena aprendizaxe, por pequena que sexa, produce un cambio no noso cerebro. Polo tanto, non é difícil comprender por que o coñecemento de como funciona é tan útil á hora de ensinar e aprender. Así pois, a neurodidáctica é a disciplina que se encarga de aplicar estes coñecementos para mellorar o proceso de ensino e crear un modelo educativo eficaz.

neurociencia educacion intereses

Como aprende o cerebro?

Un ser humano nace con 100.000.000 de células nerviosas, pero o importante non é tanto a cantidade senón o número de unións entre elas ou sinapse. Estas conexións crean estradas de coñecemento e, canto máis transitada sexa unha estrada, máis firme será o devandito coñecemento. De este xeito, podemos dicir que aprender non é máis que crear novas conexións, fortalecer e ampliar as estradas que xa existen.

Chegados a este punto, a pregunta que debemos facernos é: Como podemos facer para que estas conexións teñan lugar? A día de hoxe non se sabe exactamente como aprende o cerebro, como tece a rede de estradas para gardar a lista de preposicións que aprendiches hai anos ou como, despois dun tempo sen utilizala, che volve á memoria nun segundo se digo: a, ante… Con todo, grazas a tódalas investigacións realizadas, pódense afirmar algúns puntos de maneira moi segura de como funciona o cerebro:

  • Apréndese máis rápido facendo que vendo. As neuronas espello forman parte do cerebro e permítennos aprender sen darnos conta mentres vemos ao outro como o fai. Estas son de grande utilidade, pero é ben sabido que cando un pode experimentar en por si aprende moito máis rápido. Isto débese a que cada estímulo que chega fortalece, en certa maneira, a estrada do coñecemento. No primeiro caso, só existe o estímulo visual, mentres que no segundo os estímulos son moito máis abundantes e diversos.

neurociencia educacion aprender haciendo

  • O descoñecido excita o cerebro. O cerebro recibe constantemente tal cantidade de estímulos que ten que ir seleccionando de forma continua os máis importantes para non saturarse. E cales elixe? Os que lle chaman a atención, os novos, os que informan de cambios na contorna. Esta é unha resposta biolóxica moi útil xa que nos alerta dos perigos que poidan aparecer ao redor pero tamén nos esperta a curiosidade cara á novidade. Esta selección provoca que o cerebro busque relacións entre o que xa coñece e cre novas conexións entre as súas neuronas, favorecendo así a aprendizaxe.
  • Os contidos novos asimílanse máis rápido se se poden relacionar con coñecementos previos. O cerebro está continuamente comparando a nova información co que xa coñece. Ao recibir un estímulo o cerebro activa tódalas redes nerviosas que gardan unha relación con el e engade a continuación o novo. Así, se se axuda ao alumnado a relacionar os novos contidos co que xa sabe, asimilará mellor a nova información.
  • As emocións son clave para que poida haber aprendizaxe. As emocións son fundamentais na formación da memoria. Hai unha zona do cerebro, o sistema  límbico, que recibe os estados emocionais, mesmo antes de que sexamos conscientes, e decide sobre cales imos actuar. A continuación, a cortiza compara estas emocións e experiencias con situacións anteriores para entender que está a pasar. Os sentimentos intensifican esta procura xa que reforzan as conexións ao transitar as estradas moitas máis veces.

neurociencia educacion experimentacion

En resumo, aprender significa crear novas conexións que permitan ampliar as estradas neuronais que xa temos e a neurociencia, aínda non tendo a resposta a como debe ser a educación, axuda a entender como funciona o cerebro para que se poidan expor mellores e máis efectivos proxectos educativos. En VermisLAB aplicamos os coñecementos que nos achega a neurociencia á hora de programar as nosas clases, facilitando un ambiente onde a curiosidade, a diversión e a motivación estean presentes cada día.

Bibliografía:
Friedrich G. y  Preiss G. (2018). Neurodidáctica. Cuadernos Mente & Cerebro, (20), 12-19