Nestas últimas semanas estamos a vivir unha situación excepcional debido á pandemia causada polo Coronavirus COVID-19 que está a afectar a todas e todos. Este é un grave problema que está a cambiar o noso modo de vida e provocando problemas de saúde, económicos, medos e incerteza.Fronte a esta situación escoitouse máis que nunca a palabra maker, todos os medios e internet son testemuñas de que existen unhas persoas chamadas makers, que fronte ó problema se puxeron a traballar para axudar a mellorar a situación.
Vimos como grupos de makers e outros colectivos, lonxe de quedar coas mans cruzadas, uníronse para crear plataformas de colaboración co obxectivo de desenvolver solucións e axudar ao sistema público de saúde. Isto é posible grazas á filosofía colaborativa e de código aberto (open source) que seguen os makers, que permite unha innovación rápida ao realizarse centos de iteracións diarias na mellora dos proxectos. Pero se queredes saber máis aquí deixámosvos algunhas das iniciativas destacadas:
O foro A.I.R.E, creado por David Cuartielles, co-fundador de Arduino, e César García, de Maker Space Madrid, no que existen diferentes grupos traballando en todo tipo de máquinas, apps e equipamento en xeral.
Grupos de makers de toda España, Europa, como Joshep Prusa, e de todo o mundo crearon desde protectores, máscaras, respiradores, sistemas de telemetría de osíxeno en sangue, calefactores ou válvulas entre outros. Son tantos que non podemos mencionalos/as a todos/as, pero por se vos entra curiosidade algúns deles/as son: Coronavirus makers, Covid Euskadi, Resistencia Team, Makers Asturias, Lupeón ou Makergal 3D.
E, por suposto, aquí tedes algúns dos moitos proxectos que saíron destes/ as makers 😀
Fonte: Makers de Madrid contra el coronavirus
Fonte: Hipertextual
Fonte: TeleMadrid
Fonte: Innovadores, La Razón
Ademais creáronse plataformas para facilitar o proceso de intercambio entre “creadores” e as persoas/empresas/institucións que necesitan ese material. Nós achegamos o noso gran de area desenvolvendo, xunto a outras empresas galegas, Cooperavirus.
Unha das cousas máis importantes foi a rapidez de actuación, o que acelerou a velocidade coa que as empresas se uniron ao movemento, conseguindo pasar a produción industrial moitas das ideas desenvolvidas polos makers.
Con todo iso agora mesmo xerouse unha cadea solidaria na que se involucraron un gran número de empresas, asociacións, centros escolares e particulares. Todo isto demostra uns valores asociados ao Movemento Maker que transcenden a técnica e chegan á parte humana, a mentalidade colaborativa e de resolución de problemas ou a cooperación, entre outras.
É por todo iso e moito máis que en VermisLAB non nos limitamos a ensinar robótica aos nenos e nenas que veñen ás nosas actividades. Realmente cremos que é moi importante darlles un enfoque que achegue valor ao que fan e que vexan a súa utilidade. Gústanos ensinarlles a cultura do Movemento Maker e ensinarlles unha maneira diferente de pensar, de como enfrontarse aos problemas, traballar en equipo, compartir coñecemento e desenvolver proxectos que melloran o mundo. Continuaremos facéndoo pois sabemos que moitos deles farán proxectos no futuro que mellorarán este marabilloso planeta no que vivimos.
Xa, por último, queremos dar un enorme aplauso a toda a comunidade maker polo traballo realizado e que se continúa facendo. Salváronse moitas vidas grazas a vós. Parabéns! 🙂