Que nos fai pensar que unha persoa é intelixente? Son as súas habilidades lóxico-matemáticas, son as estratexias que presenta á hora de resolver problemas ou realmente existen distintos tipos de intelixencia?A Real Academia Española define a intelixencia como a capacidade de entender e/ou comprender e de resolver problemas. Fala de coñecemento, de habilidade, de destreza e de experiencia, e a verdade non me parece que esta definición se atope moi desencamiñada.

A intelixencia mídese a través do Coeficiente Intelectual e para iso utilízanse unha serie de tests. Entre os máis comúns atópanse o WPPSI para os/as máis pequenos/as (a partir de 2 anos), o WISC para os/as nenos/as a partir de 6 anos e o WAIS para os adultos (a partir de 16 anos). Este tipo de probas mide a velocidade de procesamento, a memoria de traballo, o razoamento perceptivo e a comprensión verbal, e no caso dos adultos tamén o desenvolvemento lóxico-matemático.

Para algúns/as este tipo de tests non reflicten na súa totalidade a intelixencia das persoas e en moitos casos córrese o risco de facer sentir aos nenos/as que o feito de non acadar un resultado ideal implica que non son intelixentes ou que teñen limitadas capacidades e/ou habilidades. Aínda que é certo que existen moitas habilidades que os nenos ou nenas poden ter e que non se recollen neste tipo de tests.

inteligencias multiples curiosidad

Este debate deu lugar á aparición da Teoría das Intelixencias Múltiples de Howard Gardner que, a pesar de non ter unha base científica, pode facernos abrir a mente para valorar diferentes habilidades das persoas que a día de hoxe pasan totalmente desapercibidas e que tamén son merecedoras de valoración social. Para Howard existen 7 tipos de intelixencia e todas elas están presentes en cada individuo, a pesar de que uns desenvolven máis unhas que outras en función da súa educación e a súa contorna.

Intelixencia cinético-corporal

Esta intelixencia fai referencia ao control do movemento corporal e ao uso do corpo na resolución de problemas. Esta intelixencia está moi presente en artesáns, bailaríns e deportistas. Poderiamos poñer como exemplo a Messi, é indiferente se es do Madrid ou do Barcelona, o seu dominio da pelota é algo que ninguén pode negar.

Intelixencia lóxico-matemática

A capacidade de facer deducións e observacións, de manexar simultaneamente moitas variables e de crear diferentes hipóteses. Estas accións definen a intelixencia lóxico-matemática, moitas veces entendida como pensamento científico. Desde Einstein ou  Marie Curie ata Margarita Salgas ou Stephen Hawking, grandes mentes que levaron a cabo descubrimentos determinantes para a nosa sociedade.

inteligencias multiples escritura

Intelixencia lingüística

Quen non se emocionou lendo un libro? Creo que é unha das mellores formas de introducirse nunha historia 😀 Característica dos/as poetas, escritores/as e, en definitiva, de comunicadores/as, a intelixencia lingüística non só ten que ver coa capacidade de expresarse a través da linguaxe oral ou escrita, senón tamén de aprender diferentes idiomas. Harold Williams, xornalista e editor de The Times, do cal se dicía que era coñecedor de máis de 60 idiomas. Impresionante, non?

Intelixencia espacial

Característica dos/as enxeñeiros/as, arquitectos/as, escultores/as, pilotos, entre outros/as. Este tipo de intelixencia fai referencia ao uso que un fai do espazo e á capacidade de pensar en tres dimensións. Desde a facilidade para aparcar o coche ata montar un cubo de  rubik, pasando pola capacidade de orientarse no espazo. Desde as cousas máis habituais ata as máis incribles, como Gaudí e a Sagrada Familia, que marabilla! 😀

Intelixencia interpersoal

Esta intelixencia é a que nos permite comprender e traballar cos demais, ten que ver coa habilidade de ler as intencións e desexos nos outros, aínda que estes tratan de ocultalos. Para Howard é unha intelixencia moi presente en profesores/as, políticos/as e pais. Que importante é ser capaz de detectar os diferentes estados de ánimo nos outros, as súas motivacións… non só no traballo ou no colexio, senón na vida en xeral.

inteligencias multiples interpersonal

Intelixencia  intrapersonal

Pola súa banda, a intelixencia intrapersonal é a que nos permite comprendernos e traballar cun mesmo, saber como pensamos, sentimos e actuamos. A miúdo pódese confundir coa intelixencia emocional, pero este termo é moito máis amplo e abrangue moitos máis aspectos que a intelixencia intrapersonal. Igualmente, que importante é coñecerse a un mesmo para a vida en sociedade, pois toda interacción parte dun/a mesmo/a.

Intelixencia musical

Non vos parece fascinantes as persoas que con só escoitar unha canción son capaces de replicala con algún instrumento? Ou se nos imos un pouco máis lonxe, que dicir de Mozart, que con tan só seis anos xa empezaba a compoñer e era un virtuoso co piano e o violín.

Howard Gardner no seu libro Intelixencias Múltiples tamén fai mención a nenos/as que, tendo un trastorno do espectro autista e non sendo capaces de falar, tocan marabillosamente un instrumento musical.

Existen moitas controversias con respecto ás intelixencias múltiples e desde a miña humilde opinión creo que o debate non debería estar tanto no termo que utilizamos para catalogalas, se son intelixencias ou habilidades. O que debemos ter claro é que cada neno/a é diferente, nin mellor nin peor, e que para sacar o mellor de cada un/unha deles/as debemos levar a cabo unha educación máis personalizada e non tan estandarizada. Conseguirémolo algún día? Ti que opinas 😀

 

 

Bibliografía
  • Gardner, H. (2006). Inteligencias Múltiples. New York: BasicBooks.