É posible que moitos/as escoitásemos falar da intelixencia emocional e do enorme potencial que ten pero…
Que é a intelixencia emocional?
A intelixencia emocional, tal e como o seu nome indica, refírese á capacidade ou habilidade para identificar, comprender e xestionar as emocións de maneira “adecuada”. Se o traemos a algo máis próximo, poderiamos equiparalo ao dominio dun idioma; coñecer un idioma permite identificar as palabras que compoñen as frases, entender o seu significado e, o que require un maior grao de experiencia, manexar o idioma ou o que é o mesmo, falalo.
Co tempo e un pouco de observación somos capaces de coñecernos a nós mesmos/as e podemos saber que, ás veces, dóenos a cabeza cando nos enfadamos, ou movemos unha perna de maneira compulsiva cando unha situación nos xera ansiedade. Isto axuda a detectar, primeiro, que iso que estamos a sentir é unha manifestación física dun estado emocional e segundo, que se produce por un motivo aínda que ás veces non é tan sinxelo de atopar. Unha vez que sabemos que nos pasa algo, chega a quenda de saber que exactamente. Da mesma maneira que a pementa, o aneto ou o coandro son todas especias con diferentes sabores e resultados no prato, non é o mesmo estar triste que enfadado/a, aínda que moitas veces o primeiro se pode manifestar como o segundo. Isto chámase autoconciencia emocional… vaia palabriña… 🙂
A autoconciencia emocional e a importancia de entender o que sentimos
Neste punto avogo polas emocións “negativas”, relativamente mal vistas neste momento no que case por obrigación debemos estar contentos/as ou alegres. Ás veces, enfadámonos polas cousas que suceden na nosa contorna e debemos entender o motivo para mellorar a situación que provoca o noso enfado. A intelixencia emocional non é un mundo de “yupi”, onde só existe a alegría, senón que existe un abano de emocións que, cando profundamos nelas, nos sinalan cales son os aspectos dunha situación que non nos gustan para poder actuar en consecuencia, ás veces cambiándoos, outras eliminando a situación.
Ambas poden valer para automotivarnos, para conseguir obxectivos ou metas por medio das emocións. De feito, moitas veces o enfado é un elemento motivador para cambiar as situacións, aínda que iso require centrar a atención nos obxectivos e non nos obstáculos, habilidade que tamén se pode traballar.
E cando coñecemos as nosas emocións chega a quenda do autocontrol emocional
E en que pode axudarnos o autocontrol emocional? Pois a saber que fai falta para mellorar o estado emocional. Hai persoas que cando se senten tristes ou enfadados/as pintan, falan con outras persoas, escriben ou o deixan nun recuncho ata que o retoman para volver pensar niso. Isto válelles para reflexionar e ir dominando a emoción, para non deixarse levar por iso. Son estratexias coas que xestionalas e a cada un funciónanlle mellor as súas ou as que máis encaixan con eles/as. Igual que as receitas de cociña, a uns/unhas pódenlles gustar cun pouco máis de azucre e a outros cun pouco máis de sal.
Coñécete a ti mesmo para coñecer aos demais
Igual de importante é coñecer o estado emocional dun mesmo/a como o dos demais, así como comunicalo a outras persoas. Este aspecto, a expresión emocional, é clave e moitas veces recibimos unha pequena axuda das demais persoas que nos coñecen ben ou ao revés. Ás veces, a persoa que máis nos coñece sabe que cando respondemos de maneira máis seca do habitual pode ser unha maneira inconsciente de expresar que aínda seguimos pensando no traballo. Mesmo no caso dos nenos/as, cando ás veces “pórtanse mal” ou incordian a algún compañeiro/a é altamente probable que lle pasara algo máis pero que ou non é consciente ou non sabe como dicírnolo. Moitas veces mesmo comunícanse de maneira non verbal. Aínda que é importante darlles as estratexias para coñecerse e expresar o que lles sucede, podemos utilizar a nosa intelixencia emocional para recoñecelas e actuar en consecuencia, que nos axudará a mellorar os vínculos coas persoas das que nos rodeamos.
Finalmente, a habilidade para relacionarnos ou expresarnos cos demais, chegar a acordos e conectar con outras persoas é outro aspecto clave. Moitas veces, a interacción con outras persoas pode provocar reaccións emocionais en nós. Entender as causas dos comportamentos doutras persoas e como nos fan sentir daralle outro matiz á situación. As interaccións con outros/as non sempre son positivas e tan importante é buscar as que nos fan sentir ben, como xestionar ou superar as que nos fan sentir mal.
Se queres seguir profundando sobre intelixencia emocional segue lendo no noso seguinte post.