Continuamos a falar de intelixencia emocional nesta segunda parte do post. Hoxe centrarémonos en como podemos traballar a intelixencia emocional na casa, para iso podemos comezar cunhas estratexias sinxelas:

1. Observar, observar e observar

Estar  atentos/as ao que nos pasa e ó que lles sucede ás persoas da nosa contorna ante as diferentes situacións ás que nos expoñemos no día a día nos pode axudar a detectar algúns aspectos como unha pequena dor, movementos frenéticos, contestacións que non veñen ao caso, un pequeno peso interno ou unha enerxía enorme de súpeto. Hai ocasións nas que os/as nosos/as fillos/as ou alumno/a está moi inquieto/a, contesta mal ou se lle escapa unha portada. Eses pequenos detalles poden indicar que hai algunha emoción que sentiu ou está a sentir e non sabe xestionar.

2. Aceptar sen xulgar

Ás veces resistímonos a sentirnos tristes, con medo ou enfadados/as porque queremos estar alegres, porque estar doutra maneira “non está ben” ou “non tes motivos para estar así”. Mesmo podemos transmitir isto ós/ás nenos/as cando lles dicimos “non sei por que estás triste, se non che falta nada, non tes ningún motivo para poñerte así”. Os motivos poden ser pequenos e as emocións poden indicarnos o que non nos gusta para poder cambiar a situación, pero xulgar as emocións ou resistirse non adoita funcionar porque a emoción queda, por dicilo dalgunha maneira,  enquistada. No seu lugar, podemos preguntarlle se lle pasou algo e dicirlles que ás veces estamos tristes ou enfadados, que é normal e que ás veces pasa, pero que se nos conta o que sucedeu, será máis fácil axudarlle a resolvelo.

inteligencia emocional familia

3. Preguntarnos por que

Sacar ó/á  pequeno/a neno/a que temos dentro cando preguntan infinitamente polo porqué das cousas pódenos axudar a illar os motivos que provocan unha reacción emocional en nós, como se manifestan e en que situacións se producen. Se sei que me enfado polas mañás e que me dura ata metade do día e pregúntome por que pode axudarme a entender que se debe a que imos co tempo xusto, conducimos ata o noso traballo, pasamos media hora nun atasco ou non atopo aparcadoiro ao chegar. O mesmo sucede cos nosos/as fillos/as ou alumnos/as, se lles preguntamos varias veces “por que” e observamos o seu comportamento, poderemos entender un pouco máis a súa situación. Ao coñecer os motivos e aspectos que provocan a emoción, será máis sinxelo cambialos.

4. Expresar o que sentimos, tanto o positivo coma o negativo

Ollo, expresar ou comunicar a outras persoas o que sentimos non debe converterse en pasar a pataca quente. Para que sexa construtivo temos que comprender o que nos pasa, transmitilo de maneira acougada e expresar as razóns. Se por exemplo estou enfadado/a e cando me atopo con outra persoa lle digo “xa está ben, estou ata as orellas de que sempre chegues tarde”, é probable que eu me quede máis liberado/a pero a outra persoa se enfade en consecuencia. Se pola contra expresámolo doutra maneira, indicando que, por exemplo, esperar é unha das cousas que non aguantas, que te enfada moito e expresas a razón pola que te enfada, é máis fácil que se produza un diálogo cunha negociación que axude a resolver a situación. Isto mesmo podémosllo ensinar ós/ás nenos/as desde  pequeños/as, esta forma de mostrar os sentimentos. En lugar de rifar ós/ás nosos/as fillos/as ou alumno/a cando estamos cansados/as ou susceptibles, podemos dicirlles “Hoxe estou cansado/a porque tiven un día longo no traballo e estou algo molesta porque necesito descansar”.

Falar sobre as emocións con outras persoas, algo que moitas veces facemos de forma espontánea, axuda a entender e aprender outras formas de reaccionar das persoas coas que compartimos o día a día e mesmo axúdanos a coñecernos máis a  nós mesmos/as. Cando facemos isto mesmo cos/as nenos/as, mostrámoslles cun exemplo como facer para entenderse e xestionar mellor as emocións. E xa sabemos que non hai mellor ensino que o exemplo.

inteligencia emocional hablar emociones

5. Actuar en consecuencia

Despois de todo iso, cando saibamos que poderiamos ou quereriamos cambiar, podemos facer un pequeno “experimento” cotián, no que cada día cambiemos unha variable para comprobar o que mellor nos funciona a  nós. Por exemplo, se detectamos que os/as nosos/as fillos/as ou alumno/a están tristes, podemos buscar unha estratexia con eles/as para cambiar iso que lles fai estar tristes, por exemplo falar con algún compañero/a, entender que unha mala nota non é un fallo, senón que é unha forma moi común de indicar onde podemos mellorar, poñer música con  eles/as ou lerlles un conto con final aberto no que se fale de emocións e de como actuar en cada caso.

Cada un/unha temos as nosas propias estratexias e compartilas cos/as nosos/as fillos/as ou alumno/a pode axudarlles a entender que as emocións teñen unha función e que podemos xestionalas para mellorar a nosa situación.  A cuestión non é evitar, senón actuar. Á fin e ao cabo, o obxectivo da intelixencia emocional é a consecución de metas, o manexo de situacións estresantes ou a superación de dificultades.

Cales destas estratexias xa estás a utilizar? Cales incorporarías? Non dubides en comentalas 😉