Continuamos a falar de intelixencia emocional nesta segunda parte do post. Hoxe centrarémonos en como podemos traballar a intelixencia emocional na casa, para iso podemos comezar cunhas estratexias sinxelas:
1. Observar, observar e observar
Estar atentos/as ao que nos pasa e ó que lles sucede ás persoas da nosa contorna ante as diferentes situacións ás que nos expoñemos no día a día nos pode axudar a detectar algúns aspectos como unha pequena dor, movementos frenéticos, contestacións que non veñen ao caso, un pequeno peso interno ou unha enerxía enorme de súpeto. Hai ocasións nas que os/as nosos/as fillos/as ou alumno/a está moi inquieto/a, contesta mal ou se lle escapa unha portada. Eses pequenos detalles poden indicar que hai algunha emoción que sentiu ou está a sentir e non sabe xestionar.
2. Aceptar sen xulgar
Ás veces resistímonos a sentirnos tristes, con medo ou enfadados/as porque queremos estar alegres, porque estar doutra maneira “non está ben” ou “non tes motivos para estar así”. Mesmo podemos transmitir isto ós/ás nenos/as cando lles dicimos “non sei por que estás triste, se non che falta nada, non tes ningún motivo para poñerte así”. Os motivos poden ser pequenos e as emocións poden indicarnos o que non nos gusta para poder cambiar a situación, pero xulgar as emocións ou resistirse non adoita funcionar porque a emoción queda, por dicilo dalgunha maneira, enquistada. No seu lugar, podemos preguntarlle se lle pasou algo e dicirlles que ás veces estamos tristes ou enfadados, que é normal e que ás veces pasa, pero que se nos conta o que sucedeu, será máis fácil axudarlle a resolvelo.
3. Preguntarnos por que
Sacar ó/á pequeno/a neno/a que temos dentro cando preguntan infinitamente polo porqué das cousas pódenos axudar a illar os motivos que provocan unha reacción emocional en nós, como se manifestan e en que situacións se producen. Se sei que me enfado polas mañás e que me dura ata metade do día e pregúntome por que pode axudarme a entender que se debe a que imos co tempo xusto, conducimos ata o noso traballo, pasamos media hora nun atasco ou non atopo aparcadoiro ao chegar. O mesmo sucede cos nosos/as fillos/as ou alumnos/as, se lles preguntamos varias veces “por que” e observamos o seu comportamento, poderemos entender un pouco máis a súa situación. Ao coñecer os motivos e aspectos que provocan a emoción, será máis sinxelo cambialos.
4. Expresar o que sentimos, tanto o positivo coma o negativo
Ollo, expresar ou comunicar a outras persoas o que sentimos non debe converterse en pasar a pataca quente. Para que sexa construtivo temos que comprender o que nos pasa, transmitilo de maneira acougada e expresar as razóns. Se por exemplo estou enfadado/a e cando me atopo con outra persoa lle digo “xa está ben, estou ata as orellas de que sempre chegues tarde”, é probable que eu me quede máis liberado/a pero a outra persoa se enfade en consecuencia. Se pola contra expresámolo doutra maneira, indicando que, por exemplo, esperar é unha das cousas que non aguantas, que te enfada moito e expresas a razón pola que te enfada, é máis fácil que se produza un diálogo cunha negociación que axude a resolver a situación. Isto mesmo podémosllo ensinar ós/ás nenos/as desde pequeños/as, esta forma de mostrar os sentimentos. En lugar de rifar ós/ás nosos/as fillos/as ou alumno/a cando estamos cansados/as ou susceptibles, podemos dicirlles “Hoxe estou cansado/a porque tiven un día longo no traballo e estou algo molesta porque necesito descansar”.
Falar sobre as emocións con outras persoas, algo que moitas veces facemos de forma espontánea, axuda a entender e aprender outras formas de reaccionar das persoas coas que compartimos o día a día e mesmo axúdanos a coñecernos máis a nós mesmos/as. Cando facemos isto mesmo cos/as nenos/as, mostrámoslles cun exemplo como facer para entenderse e xestionar mellor as emocións. E xa sabemos que non hai mellor ensino que o exemplo.
5. Actuar en consecuencia
Despois de todo iso, cando saibamos que poderiamos ou quereriamos cambiar, podemos facer un pequeno “experimento” cotián, no que cada día cambiemos unha variable para comprobar o que mellor nos funciona a nós. Por exemplo, se detectamos que os/as nosos/as fillos/as ou alumno/a están tristes, podemos buscar unha estratexia con eles/as para cambiar iso que lles fai estar tristes, por exemplo falar con algún compañero/a, entender que unha mala nota non é un fallo, senón que é unha forma moi común de indicar onde podemos mellorar, poñer música con eles/as ou lerlles un conto con final aberto no que se fale de emocións e de como actuar en cada caso.
Cada un/unha temos as nosas propias estratexias e compartilas cos/as nosos/as fillos/as ou alumno/a pode axudarlles a entender que as emocións teñen unha función e que podemos xestionalas para mellorar a nosa situación. A cuestión non é evitar, senón actuar. Á fin e ao cabo, o obxectivo da intelixencia emocional é a consecución de metas, o manexo de situacións estresantes ou a superación de dificultades.
Cales destas estratexias xa estás a utilizar? Cales incorporarías? Non dubides en comentalas 😉