A formación a distancia existe dende moito antes do que podemos chegar a pensar. A finais do século XIX xa existía a ensinanza por correspondencia, pero o avance tecnolóxico levounos a desenvolver software de sistemas de xestión de aprendizaxe (LMS) que hoxe en día, e como consecuencia da pandemia, están máis de moda que nunca. 

Se falamos de LMS igual non nos resulta moi familiar, pero se falamos de Moodle a cousa cambia, sendo o exemplo máis coñecido entre as plataformas que existen para xestionar a aprendizaxe en liña ou blended (semipresencial). Ao tratarse de un software libre e gratuíto é un dos máis utilizados na gran maioría dos centros educativos, onde a formación non presencial está adquirindo moito máis protagonismo.

Non podemos obviar as posibilidades que a educación a distancia nos brinda, se queres ver un exemplo non te podes perder a nosa experiencia de formación en Bolivia.

Vantaxes de facer actividades con H5P

As posibilidades que nos brinda Moodle á hora de personalizar o seu entorno, xestionar o noso contido, organizar as nosas actividades e comunicarnos co noso alumnado son impresionantes. Pero a idea deste post non é falar de Moodle en xeral, senón dunha das actividades que podemos atopar dentro da plataforma e que nos permite crear contidos e actividades interactivas que sen dúbida motivarán ao noso alumnado.

imagen de un video interactivo h5p

Fonte: H5P.org

H5P permítenos crear unha gran variedade de actividades e diferentes formas de presentarlle ao noso alumnado o contido que queremos traballar, dende vídeos interactivos, xogos de memoria, imaxes con puntos de información e ata Realidade Aumentada. Pero antes de entrar en detalle a falar sobre o seu funcionamento, gustaríame comentarvos algunhas das vantaxes que ten a súa utilización:

  • É unha ferramenta moi intuitiva e fácil de usar, tanto para o alumnado (usuario) como para o/a docente á hora de crear e desenvolver actividades e/ou contidos.
  • Permite a creación de contidos e actividades graficamente rechamantes para o noso alumnado.
  • Facilita o uso da aprendizaxe baseada en xogos na aula, incrementando o interese do alumnado.
  • Permite a corrección automática de actividades, dando feedback personalizado ao alumnado en tempo real e gardando as cualificacións e os resultados para a posterior validación.

A primeira das vantaxes é nun primeiro momento a máis relevante á hora de utilizalas na aula, xa que crear contido en H5P é moi sinxelo e permite xerar actividades complexas dun xeito moi doado. Só temos que seguir estes pasos:

  1. Pensar que actividade se axusta máis ao contido que queremos traballar.
  2. Engadir no noso curso unha actividade do tipo contido interactivo (H5P)
  3. Dentro dos axustes da actividade, buscar e seleccionar a actividade que queremos.
  4. Seguir os pasos que se nos piden para completar a actividade. Só temos que ir lendo e completando os espazos co que se nos solicita. En cada apartado está perfectamente explicado que información temos que introducir e ademais, se fora necesario, a maioría de actividades trae un exemplo e un tutorial de como crealas. É verdade que está en inglés, pero se non o entendemos dámoslle click ao botón dereito do rato, pulsamos en traducir ao español, e listo.

Dentro de H5P atopamos unhas actividades máis simples e outras máis complexas, que o que fan realmente e incluír moitas das simples dentro do seu funcionamento. Vexámolo mellor cun exemplo: H5P conta con numerosas actividades de tipo cuestionario ou de  encher espazos en branco nun texto, as cales poden utilizarse individualmente ou introducíndoas en actividades máis complexas, coma vídeos nos que as integraremos para volvelos máis interactivos. 

É impresionante o sinxelo que resulta facer un vídeo no que durante a súa reprodución aparezan preguntas, aclaracións e outros elementos cos que o alumnado pode interactuar.

Recursos máis útiles en H5P

Por último, para que vos fagades unha idea do que nos podemos atopar, déixovos un listado das actividades que dende o meu punto de vista vos poden ser máis útiles:

  • Acordeón: permite organizar o contido e ir visibilizando a demanda, evitando o rexeitamento que pode xerar enfrontarse a moito contido escrito de golpe.
  • Xogo de memoria: permite a aprendizaxe de conceptos mentres xogan e estimulan a súa memoria.
  • Tarxetas de diálogo: moi útiles na aprendizaxe de idiomas, historia, fórmulas… para explorar conceptos.
  • Hotspots ou imaxes interactivas: permite facer diagramas visuais con puntos de interese e información detallada.
  • Cuestionarios de verdadeiro ou falso, resposta única, resposta múltiple ou selección de imaxe/s correctas: actividades pensadas principalmente para avaliar coñecementos.
  • Proba aritmética: consiste en cuestionarios rápidos de operacións matemáticas básicas e ecuacións lineais.
  • Arrastrar e soltar: permite realizar asociacións e conexións lóxicas de forma visual.
  • Arrastrar palabras, encher espazos ou marcar palabras: distintas modalidades para un mesmo fin, localizar a palabra axeitada nun texto.
  • Realidade Aumentada: permite crear realidade aumentada asociada a unha actividade e utilizala para facer unha clase interactiva, unha xincana, etc.
  • Columna: onde se permite integrar unha combinación das diferentes actividades que acabamos de comentar e moitas máis.
  • Presentación: permite crear presentacións que integren elementos multimedia e interactivos coma os que acabamos de mencionar.
  • Vídeo interactivo: permite incluír información e actividades en puntos concretos dun vídeo.

Todo isto e moito máis é o que nos poden ofrecer as actividades H5P para dinamizar e innovar nas nosas actividades dentro da aula virtual. Ao principio podemos pensar que é algo que nos vai a dar moito traballo, e seguramente sexa así, pero co paso do tempo decatarémosnos de que o efecto é totalmente o contrario. 

Xa estás pensando na actividade que vas a crear?