A problemática ambiental actual obríganos a tomar conciencia da repercusión dos nosos actos sobre o medio ambiente e a actuar en base a iso. Como adultos ademais, temos a responsabilidade de axudar aos máis novos na toma de conciencia dos problemas ambientais e a crear un modo de vida sustentable. A clave, como sempre, está na educación.

Que é a educación ambiental?

A educación ambiental defínese como o proceso permanente no cal os individuos toman conciencia do medio e aprenden os coñecementos, os valores e tamén a determinación que lles capacite para actuar na resolución dos problemas ambientais presentes e futuros.

A educación ambiental non é outra materia máis a impartir nos colexios tres horas á semana. Trátase dunha educación que se inicia na casa pero que continúa no colexio, no supermercado e na excursión ao campo da fin de semana. É unha educación que en moitos casos se da de maneira inconsciente debido á aprendizaxe por imitación por parte dos nenos. Por ese motivo, unha das claves será dar exemplo coas nosas accións día a día, para que eles adopten tamén uns hábitos ecoloxicamente sustentables.

Por outra banda, a educación ambiental pode ser unha educación planificada, onde os nenos participen activamente realizando actividades nas que aprendan divertíndose.

Como fomentar a educación ambiental en familia

-Realizar excursións ao aire libre e xogar a identificar as distintas especies que imos atopando e aprender máis sobre elas coa axuda de guías de campo infantís.

-Visitar museos de historia natural, fundacións ou exposicións para que poidan ver a gran diversidade da nosa contorna. Exemplos: Museo Historia Natural de Santiago de Compostela, Naturnova Afundación.

-Acordar entre todos de facer unha lista dos hábitos que queredes cambiar ou adquirir para ser máis ecoloxicamente sustentables. Por exemplo ir ao supermercado con bolsas reutilizables, non usar o coche se se pode ir andando ou en bicicleta, etc.

-Realizar concursos familiares de adquisición de hábitos para un día a día máis ecoloxicamente sustentable. Podedes facer unha táboa con todas as pautas que se vos ocorran; apagar a luz cando saias da habitación, reciclar, non malgastar auga, etc. Así, cando alguén sexa “cazado” incumprindo unha norma será “multado” tendo que facer tarefas extra, por exemplo. Organizar entre todos o recuncho de reciclaxe; facer os carteis dos distintos contedores con cartolinas e debuxar neles que cousas van en cada un. Así se sentirán parte diso e aprenderán de maneira fácil que vai en cada contedor.

-Realizar manualidades con material reutilizado. En páxinas como Pinterest podedes atopar infinidade de ideas para inspirarvos na vosa creación.

Fonte: Pinterest

-Apuntarse a iniciativas SOCIAIS para incentivar a reciclaxe. A Tropa Verde sería un exemplo.

-Acudir a cursos, xornadas ou talleres de temas ambientais para aprender xuntos. Por exemplo: Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) ou Alados.

Estas son só algunhas ideas para levar a cabo en familia pero hai moitas outras alternativas. O obxectivo principal é que os nenos coñezan máis a súa contorna para que así poidan aprender a respectalo, querelo e tomar consciencia da importancia da súa conservación. Só así, serán capaces de comprometerse a levar a cabo as súas actividades diarias respectando o máximo posible o medio ambiente.