Como xa comentamos noutros post do noso blog, que os rapaces e rapazas aprendan a programar é algo moi importante dado que desenvolven unha serie de capacidades que serán moi útiles de cara ao seu futuro e de cara á súa aprendizaxe en xeral. A lóxica computacional é algo que axuda aos rapaces e rapazas a pensar de xeito preditivo e a organizarse según condicións e accións.O caso é que moitas veces non sabemos por onde comezar ou que ferramentas usar para poder apender a programar. Por iso neste post imos ver algunhas que podemos atopar facilmente e cales son as súas características.

programacion robotica scratch

Programas para os máis pequenos

Comecemos polas ferramentas de programación de tipo bloques para os máis pequenos, a máis coñecida é sen dúbida Scratch, a cal ten versión online e versión offline para poder programar no teu ordenador sen precisar dunha conexión a internet. Na plataforma online podemos atopar unha serie de titoriais nos que che axudan a completar unha serie de obxectivos dependendo do que busques como, por exemplo, facer un nome animado, programar música ou facer un minixogo. Todo isto con bloques tipo puzzle de cores para crear asociacións e que aos rapaces e rapazas lles sexa máis fácil aprender a programar. Ademais conta coa aplicación Scratch junior para tablet ou móbil con bloques moito máis simplificados para os/as máis peques.

O seguinte nivel en programación é a aplicación KODU, coa cal os rapaces e rapazas poden programar o seu propio videoxogo en 3D a partir de ordes e condicions. Esta aplicación é un pouco máis complexa ao comezar que Scratch pero a contorna que ofrece daralles un plus de motivación aos nenos e nenas dado que as contornas gráficas dos xogos que programan son moito maiores que no Scratch.

aplicaciones programacion robotica niños

Fonte: LightBot

Algunhas apps de programación

No mundo das apps tamén temos algunhas ferramentas para que os nenos e nenas poidan desenvolver a sua lóxica computacional mediante xogos. Un deles é lightbot, onde terán que seleccionar a programacion que faga que o robot complete os diferentes retos que se propoñen. Outra aplicación un pouco máis complexa é Ciudad Algoritmo, na que o obxectivo é facer unha programación para  prever os obstáculos que teñen que superar e obter o maior número de moedas.

Creación de aplicacións

Na programación en bloques temos ferramentas máis difíciles en canto á comprensión da contorna, pero moi potentes en canto ao uso das aplicacións que con elas podemos crear. Neste caso podemos crear aplicacións para móvil con CODE ou AppInventor. CODE é unha aplicación de navegador na que os bloques móstrannos o código real que tería a aplicación, así podemos aprender a asociar os bloques que usamos con código real, é máis complexa que AppInvetnor pero ofrécenos máis posibilidades para distintos proxectos. En canto a AppInventor é unha forma sinxela de crear apps persoais para cousas en concreto como alarmas ou listaxes. É moi intuitiva, dado que primeiro deseñamos a interface gráfica da aplicación con botóns e todos os elementos que queiramos e logo pasamos á páxina de programación onde mediante bloques de cores facemos as relacións de programación oportunas, sempre con este tipo de bloques para identificar as funcións de cada un en función da cor. 

programacion web html5

Ferramentas avanzadas para pequenos e adultos

Cando os rapaces e rapazas xa teñen interiorizada a lóxica de programación poden comezar a aprender código escrito dado que o funcionamento é o mesmo que cos bloques pero tendo que escribir en vez de arrastrar. Con estas características temos apps descargables que nos axudan a programar con retos dende 0 en calquera linguaxe de programación. Unha delas é Solo learn, na cal podemos atopar cursos de programación dunha multitude de linguaxes. Usa minititoriais onde explica cada parte do código dende o inicio ata funcións avanzadas e conta con tests ao final de cada módulo para comprobar e afianzar o aprendido. Ten unha aplicación con cursos en xeral, e aplicacións específicas de linguaxes en concreto.

Tamén hai plataformas online que nos ofrecen contornas de programación controladas con titoriais e onde podemos compartir código coa comunidade ou con amigos para solucionar problemas en conxunto. Unha comunmente usada é Repl.it, onde podes elixir entre diferentes linguaxes e conta cun sistema de predición de código a medida que o escribes para axudarche a escribir as palabras clave. E como xa dixemos, varias persoas poden estar construíndo o mesmo código nesta plataforma dende lugares diferentes.

Como punto final, aconsellar que, aínda que existen moitas ferramentas que nos axudan a aprender a programar, a ferramenta máis importante é a vontade de querer aprender e de abrir a mente á lóxica sen perder nunca a paciencia, dado que aínda que o camiño non é fácil os resultados son moi satisfactorios e en moitos casos divertidos.