“Estar en contacto coa natureza é fundamental para potenciar ao máximo a nosa creatividade“
Idoia Custa licenciada en Bioloxía pola Universidade do País Vasco en 1992 e licenciada de grao en Zooloxía e Bioloxía animal pola Universidade de Santiago de Compostela en 1998.
A artesanía namorouna en 1998 e iniciou a súa actividade artesanal no ámbito da cestería e o téxtil. Desde entón formouse en diferentes especialidades xunto a profesionais de diferentes disciplinas: tinguiduras naturais, tear de baixo e alto lizo, feltro modelable, reciclaxe, técnicas de tecido de cestería tradicional galega, peninsular, irlandesa, finlandesa e danesa.
En cada un dos seus proxectos trata de inspirarse na tradición e a natureza para dar lugar a un novo concepto de artesanía, na que o importante é a personalización e autenticidade das creacións.
Comprometida pola súa formación en bioloxía coas posibilidades da vexetación autóctona, é autora da Guía das plantas cesteables de Galicia (Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, 2006). Trátase dun libro de referencia, non só para profesionais, que inclúe unha completa relación de árbores, arbustos, herbáceas e unha clasificación sobre a cestería tradicional.
O seu traballo viuse recoñecido coa Mención Especial do xurado na categoría “Innova”, edición 2011 dos Premios Nacionais de Artesanía (Fundesarte) ou o Premio Nacional de Artesanía na categoría de produto edición 2014 e as súas coleccións están presentes en Feiras internacionais como Maison&Object (Paris), Tendence (Frankfurt), Tent London e Formex (Estocolmo).
Desde o 2000 imparte workshops relacionados con algún dos aspectos da súa obra e participa en encontros e congresos tanto a nivel nacional como internacional.