“De pequena quería ser astronauta, o tempo convenceume de que prefería ver as estrelas?”
Con mente aberta, espírito inquiedo e sempre buscando novas cousas que aprender, Carmen Castro é licenciada en Física e especializada en Astrofísica pola Universidade da Lagoa.
Xa desde antes de finalizar os estudos, imparte cursos e charlas sobre astronomía e publica algún artigo de divulgación, actividades que continúa facendo ao longo da súa carreira. Traballa durante máis de 15 anos como profesora de ensinos medios nas áreas científico-tecnolóxica e matemática, procurando sempre, na medida do posible, escapar da aprendizaxe memorística e potenciar o traballo colaborativo dos alumnos, a experimentación e a creatividade.
Simultaneamente, completa e actualiza a súa formación en didáctica e nas novas tecnoloxías a través de xornadas, congresos e cursos de especialización. Tamén deseña e coordina grupos de traballo, actividades escolares de astronomía e de Tics e exposicións relacionadas coas ciencias.
Opina que o ensino regrado non satisfai a curiosidade dos nenos e novos, e que, se realmente queremos darlles unha formación integral, deben ter a oportunidade de desenvolver o seu talento e creatividade.