Moitas veces fixemos referencia neste blog á importancia de pasar tempo de calidade en familia. Facer excursións, visitas a museos, manualidades e, por que non, experimentos. Esta semana traémosvos varios experimentos de física e química que podedes levar a cabo cos vosos/as fillos/as a través dos cales poden aprender, sen darse conta, nocións básicas nestas materias.
Experimentos de física e química para facer cos/as nenos/as
Líquidos non newtonianos
Argallando con líquidos que funcionan como sólidos os/as nenos/as poden aprender sobre os distintos estados da materia, ao mesmo tempo que se manchan as mans e pasan un rato moi divertido. Se queres facelos na casa podes atopar a forma na seguinte ligazón.
Xemas de xeo
Seguindo cos estados da materia, coñecer os cambios pode ser moi divertido se experimentamos con auga e cores. Aquí explican como levar a cabo xemas de xeo que permitan aos máis pequenos/as entender como funcionan as solidificacións e as fusións. E mesmo podemos facer unha competición a ver quen consegue a fusión antes!!! E, o máis importante, como a consegue. 😀
Volcán de vinagre e bicarbonato
Que pode ser máis divertido para un/ha neno/a que provocar a erupción dun volcán. O primeiro é crear a nosa propia maqueta do volcán con barro, posteriormente desfrutaremos da química cunha gran explosión. Na seguinte ligazón podes atopar o paso a paso de como facelo.
Choiva caseira
Que neno ou nena non se preguntou algunha vez como se forman as nubes ou por que chove. A través deste divertido e colorido experimento podedes aproveitar para resolver todas as súas dúbidas, seguro que non o esquecerá. 😀
Estes experimentos son só algúns exemplos dos que nós levamos a cabo cos nosos/as MiniMakers e BioMakers nas actividades, pero se tes interese en coñecer máis experimentos de física e química recomendámosche que lle botes unha ollada a este libro de experimentos da Xunta de Anadalucía.
Chegados a este punto só nos queda destacar que existen moitas formas de aprender, pero dende VermisLAB somos partidarios da experimentación, de que os/as nenos e nenas aprendan facendo. A continuación comentámosvos algúns beneficios de facer aos nenos/as participes da súa propia aprendizaxe (aprendizaxe activa) a través da realización de experimentos:
Beneficios de aprender facendo experimentos
- Aliméntase a súa curiosidade. Atráeos o descoñecido e resolver problemas fai que se enfronten ós mesmos con máis entusiasmo.
- Foméntase o espírito crítico, que importante é preguntarse o porqué das cousas!.
- Promove a reflexión para a obtención de conclusións.
Comentar tamén, por que non, que os/as nenos/as desfrutan argallando, manchándose e deixándose levar en espazos de liberdade organizada nos que experimentar. Un/a neno/a contento/a e pasándoo ben ten máis posibilidades de aprender e engancharse á actividade, querer seguir aprendendo e cada día esixir máis para alimentar a súa curiosidade. A nosa labor proporcionaralle o que precisa 😀