Hoxe estamos con Javier Chouza, un dos alumnos veteranos de VermisLAB. Javier é divertido, moi imaxinativo, creativo, un pouco “traste” e tamén moi intelixente. Quizá sexa esta faceta pola que nos imos interesar hoxe, pero estamos seguros/as de que sairán moitas outras facetas de Javier nesta entrevista, así que imos lelo:
Cando soubeches que eras un neno de alta capacidade?
-Cando mo dixo miña nai, non lembro moi ben, supoño que con 11 ou 12 anos e tampouco sei moi ben como mo dixo. Eu non reaccionei ilusionado ou sorprendido porque non tiña moi claro que significaba daquela. Agora téñoo máis claro, suponse que ser de alta capacidade significa ter unha destreza nalgún tipo de intelixencia en concreto ou en varias.
Que pensaches nese momento?
-Non me acordo pero supoño que diría “que guai!”, é unha especie de vantaxe? sigo sen telo moi claro isto.
Como lembras as clases no cole e na ESO?
-Estiven en dous coles, nun fixéronme moito bullying, non o de que che rouban o bocadillo senón máis ben de burlarse, insultarme. Isto ofendíame bastante e daquela non llo contei a ninguén porque non é que me ameazasen con pegarme, foi que non coñecía esa especie de axuda que podes pedir a un profesor ou aos pais, aínda que algúns profes eran bastante ignorantes neste aspecto. O que máis me axudou foi unha nai que se decatou de que me estaban acosando todos os días, decatouse por unha amiga e esta nai avisou á miña e tomou medidas. Aí aprendín que se che ocorre isto debes contalo inmediatamente e non deixar que vaia a máis, porque xa estaba a empeorar a cousa. O meu consello aos nenos que sofren acoso é que o digan, que o esparexan, porque cantas máis persoas saiban disto máis persoas van apoiar, van axudar, entón chega un momento no que ese grupo que che apoia é máis grande que o grupo de matóns.
Isto foi tan grave que chegou a unha orde de afastamento a unha persoa e este mozo era moi pillo, porque non me podía tocar, entón pensou en dicirlle ao seu grupiño que me insultasen por el. Ao final a miña nai chegou ao momento de cambiarme de colexio e acabar co problema, esa decisión foi moi boa, foi estupenda.
No meu outro colexio a profesora era moi estrita e o primeiro día deille un abrazo de agarimo pero pensou que era unha cousa que fixeramos para burlarnos dela e chamou aos meus pais, ao final do curso deuse conta de que eu era un amor pero a primeira impresión que levou de min foi negativa, jajaja.
E que tal cos teus compañeiros/as de clase? Pensabas que eran nenos diferentes a ti?
-Si, todos eramos moi distintos. No físico era obvio, pero na mente pois eramos moi distintos, cada un coas súas ideas, chistes moi divertidos e había varios compañeiros que xa non volvín ver.
Que é para ti un neno guai?
-É un neno que é tremendamente simpático, con moito humor, que entende as bromas e rise delas, aínda que sempre hai un límite, e que tamén… o podería describir como me dixo un profesor “un neno que estuda matemáticas, é moi listo e estuda de todo”, si, unha persoa estudosa, que lle gusta aprender. E a xente que non lle gusta aprender tamén me parece guai, con tal de que se esforcen, é o que valoro, esforzarse por facer as cousas.
A sociedade ten ese concepto?
-Para nada. Segundo o que vexo para a sociedade é un neno malote, que vai de guai como dirían. O típico que vai co suadoiro ou chaqueta de coiro negro, co peiteado ao Elvis… E que ten esta moto Harley tope guapa… Na miña clase o guai é o neno estudoso e que vai de guai de malote, combina as dúas cousas, é unha mestura moi rara.
E na actualidade como é o teu grupo de amigos/as?
-Ben, jajaja, teño varios grupos. O grupo pequeno no que case sempre falamos de memes, bromas relacionadas coas ciencias, mates, etc. e tamén nos divertimos falando de series e animes que vemos. Logo está o outro grupo que é máis amplo e que tamén engloba a leste outro grupo máis pequeno, que estamos xuntos nos recreos falando de cousas… de mozos adolescentes… jajaja. Estamos coas hormonas ata arriba que lle imos facer!
Que vos gusta facer xuntos?
-Non temos nin a máis remota idea de que facer en cada recreo dos nosos días, nin idea! Por iso o único que facemos é falar e como se esgotan os temas pasámonos moi rápido dun a outro. Antes adoitabamos xogar ao xadrez pero co tema Covid non está a biblioteca ao 100%, entón este ano non hai xadrez e a biblioteca está moi limitada polo aforo.
Fóra do insti non quedamos para facer cousas, só falamos por Discord, porque somos un pouco antisociais, jajaja. As poucas veces que quedamos imos á piscina, vemos a tele, rimos de series antigas, etc.
E en Discord?
-Normalmente cada un xoga ao seu e se coincide facemos un Gartic Phone que é unha das poucas cousas que fixemos xuntos.
Que cousas che gusta facer no teu tempo libre?
-Xogar a xogos da Wii ou de Steam.
Crees que a alta capacidade potenciouche ou che favoreceu á hora de realizar algunha actividade?
-Sempre pensei que o da alta capacidade era unha especie de beneficio, pero logo pensei que dá un pouco igual porque serei boísimo en mates pero dáseme fatal redactar literatura. Isto é como as mensaxes que che dás, se te dis todo o tempo “non podo facelo” entón chegas á conclusión de que non podes, de que non o tentes xa porque non podes, por iso hai que tratar de darse mensaxes positivas. Por iso cando me dixeron o de alta capacidade me sentín contento porque tiña algo bo e iso axudoume no día a día a ter pensamentos máis positivos e non dicirme que non podo facer algo.
Pero odio presumir, non só disto, senón do que teño ou das notas que saco. De feito un compañeiro descubriu que era de alta capacidade e non quería que llo dixese á clase porque non quería presumir diso, pero díxollo a toda a clase. Hai unha compañeira que é moitísimo máis lista que eu, máis boa en todas as materias e non se que CI ten pero eu creo que moito e iso axúdalle, é certo, hai cousas que axudan. Pero o máis importante é a confianza en ti mesmo á hora de facer diversas actividades e o esforzo que pos para lograr as cousas, eu aos mozos diríalles que se esforzasen, iso é o que lles abrirá o camiño que queiran seguir.
A ti que che deu esa confianza, a alta capacidade ou outros aspectos?
-Iso e o apoio que recibín desde fóra, todo o que me rodea.
Crees que nalgún momento ter altas capacidades prexudicouche?
-Non, en verdade non. Refíreste a que son distinto dos demais e cáiolles peor? Todos somos distintos como che dixen ao principio, cos seus beneficios e prexuízos. Non sinto que me prexudicara en nada.
Como te ves no futuro?
-Véxome, por unha banda, traballando nas típicas oficinas dunha empresa que só son paredes, tecleando, programando, creando un videoxogo dunha empresa coñecida e ás veces soño con iso pero non se se iso está lonxe ou non. Doutra banda, véxome de profesor nunha universidade dando programación, porque a miña nai dime que son simpático e que me gusta ensinar entón que valería como profesor, eu nótome capacitado e con ganas de ser profesor.
O ano que vén vas á universidade…
-É verdade! Pensareino ao acabar o curso porque se cadra non o saco… cando chegue o momento pensareino. Teño ganas a verdade.
Así é Javier Chouza, un rapaz divertido, soñador, empático, responsable, un adolescente “hormonado ata as cellas”, un estudante preocupado polo seu futuro e un futuro programador de videoxogos.
Porque Javi é moito máis que unha etiqueta como pode ser a “alta capacidade”, e máis aló do que esta etiqueta poida supoñer Javi é un adolescente máis que vive a vida como os demais. Por iso queriamos facer esta entrevista, para visibilizar que as etiquetas poden ser útiles nalgúns ámbitos (por exemplo no académico para que os docentes poidan facer adaptacións curriculares se é necesario), pero fóra de aí, no día a día, a etiqueta desvanécese e, por sorte, déixanos ver o interior de cada un dos nenos e nenas que nos acompañan cada semana en VermisLAB 😀