Nos últimos anos estase escoitando moito falar de STEM, e actualmente de STEAM. Non obstante, hai moito descoñecemento en torno a estes conceptos e ó seu verdadeiro significado. STEM é o acrónimo de Science (ciencia), Technology (tecnoloxía), Engineering (enxeñería) e Mathematics (matemáticas), e o termo actual engade a estas disciplinas o Arte, STEAM. Son moitos os que pensaban que xa estaba implícita no termo inicial, pero sen dúbida o arte ten a suficiente importancia como para formar parte das siglas.

Falaremos un pouco da historia. A primeira vez que se acuñou o termo STEM foi na década dos 90 pola Fundación Nacional para a Ciencia en Estados Unidos. O concepto xorde da incuestionable necesidade de preparar ás novas xeracións para o mundo tecnolóxico que lles toca vivir, preparándoos non só para a vida laboral, senón tamén persoal. En contraposición ó avance tecnolóxico, os estudos indicaban que cada vez os estudantes estaban máis desmotivados no estudo destas disciplinas, o que sen dúbida foi considerado un risco para o futuro. Da necesidade de recuperar esa motivación xorde o concepto.

Foi no ano 2006 cando Georgette Yakman (pioneira en Educación STEAM) introduciu o termo STEAM para expor un novo paradigma educativo no que a ciencia e a tecnoloxía é interpretada a través das artes. A partir deste momento comezouse a falar de educación, corrente e competencias STEAM. O concepto non fai referencia unicamente á integración das cinco disciplinas, senón que se trata dunha forma de facer, onde o traballo colaborativo é a peza angular e a partir de aí comeza o desenvolvemento de proxectos.

Vivimos nun mundo tecnolóxico no que na maioría dos casos acceder ó contido é tan sinxelo como premer unha tecla. Chegados a este punto, é máis importante aprender a crear, no eido que sexa, que aprender a memorizar contido. De aí a importancia do arte, pois a creatividade e a innovación son pezas fundamentais neste novo concepto educativo. O protagonismo recae no alumnado e o rol do docente xa non será de transmisor de contido, senón de facilitador, de observador e de guía.

Se nos detemos un pouco a pensar no dito ata o de agora decatarémonos da relación que existe entre STEAM e Movemento Maker. Ámbolos dous conceptos comparten a filosofía learning by doing (aprender facendo), o traballo colaborativo e compartir coñecemento.

En VermisLAB tamén apostamos por unha educación baseada no STEAM onde o arte vai da man da ciencia, tecnoloxía e enxeñería para dar vida a novos proxectos. Algúns exemplos son os presentados polos nosos rapaces na Maker Faire Galicia. Podedes ler máis sobre isto no post anterior.

Outro exemplo é o proxecto KIKS (Kids Inspire Kids for STEAM) da Unión Europea no que formaron parte o STEM Team East de Cambridge, a Universidade de Cantrabria, University of Jyvaskla de Finlandia e a Metropolitan University of Budapest. Unha experiencia de dous anos na que o alumnado de distintos centros educativos elaboraban proxectos no eido das ciencias e os poñían en coñecemento dos seus compañeiros/as doutros países.

Tamén son moi interesantes os fablabs ou espazos makers, baseados na cultura do facer como fonte de innovación. Un exemplo concreto é o que se vive en Puerto Rico, onde a escola Mater Salvatoris creou un Makerspace infantil no que os/as nenos/as levan a cabo proxectos para solucionar distintos problemas, aprendendo a partir dos erros que cometen. Neste caso tratábase de facer un testo para plantar sementes, facilitábanselles distintos materiais para que experimentaran con eles ata chegar ó máis axustado para o produto final que buscaban.

En definitiva, o que persegue a educación STEAM é que o alumnado desenvolva proxectos innovadores integrando estas disciplinas, traballando de forma colaborativa e dando lugar a aprendizaxes prácticos. Pola súa parte, o Movemento Maker pode supoñer un modo de integrar esta corrente no noso sistema educativo. Isto xa non é futuro, isto é presente, está a pasar e está funcionando.

Se estades interesados en coñecer máis en profundidade as diferenzas entre a educación tradicional e a educación STEAM, no seguinte vídeo realízase unha comparación moi interesante.