Poucas cousas hai tan satisfactorias como cultivar os teus propios tomates para despois preparar unha rica ensalada con eles. Esta é unha das mellores partes de ter o noso propio horto, pero os beneficios van moito máis alá. Comecemos polo principio, sabemos que é realmente un ecohorto urbano?

Un ecohorto urbano ou horto urbano ecolóxico, como ben indica o seu nome, é un espazo pequeno con terra situado dentro da cidade onde se cultivan a pequena escala e de maneira sustentable hortalizas e plantas medicinais. A súa principal característica é que a produción dos alimentos é completamente natural, sen produtos químicos engadidos.

Por que cultivar o teu propio ecohorto?

Os motivos para comezar o noso propio ecohorto son moitísimos. Deixámosvos aquí 10, aínda que seguro que hai moitos máis, ocórreseche algún? 😀

1- O pracer e a satisfacción de comer algo que ti mesmo cultivaches.

2- Dispoñer de hortalizas frescas e sen pesticidas na túa propia casa.

3- Axudar ao medio ambiente plantando os teus propios alimentos de maneira sustentable reducindo así o impacto ambiental.

4- Tomar consciencia do ritmo da natureza ao ir seguindo o crecemento desde a semente ata que saen os froitos.

5- Aprender coas nosas propias mans as técnicas básicas de cultivo, cales son as verduras de tempada e os coidados que precisa cada unha.

ecohuerto urbano
Fonte: Food&Travel

6- Aproveitar os residuos orgánicos para facer compostaxe, que servirá como nutriente para as nosas plantas.

7- Gozar dun momento relaxante e divertido en contacto ca natureza só ou ca familia.

8- Un pequeno horto urbano ben coidado é moi bonito e queda moi ben na terraza ou no xardín da nosa casa.

9- Aforro na compra do supermercado e, ao ser un horto ecolóxico, tampouco gastamos en produtos químicos.

10- Poder preparar unha gran comida coas nosas hortalizas e invitar aos nosos amigos!

Como comezar o noso propio xardín ecolóxico

Ben, agora que xa temos motivos máis que suficientes para decidirnos a cultivar as nosas propias hortalizas, vexamos por onde debemos comezar.

  • O primeiro paso é saber onde o imos a ter. Unha opción sería nun espazo de uso público municipal habilitado para iso. Para poder conseguir unha parcela temos que presentar unha instancia dentro dos prazos no noso concello. Santiago de Compostela foi un dos municipios pioneiros na posta en marcha dos hortos urbanos e hoxe xa consta con máis de 250 parcelas nos distintos barrios. É certo que hai lista de espera, pero non é moi complicado facerse con unha concesión.

Outra opción é ter na nosa casa unha zona de cultivo. Se temos a sorte de ter unha terraza grande ou xardín xa é perfecto. Senón, podemos habilitar unha zona no balcón ou preto dunha gran fiestra no que lle dea polo menos 5 horas de sol ao día. Este por exemplo sería un lugar ideal para poñer o noso invernadoiro intelixente.

  • Despois debemos elixir que queremos cultivar e consultar un calendario de sementeira. Coñecer cando teñen que plantarse as distintas plantas e cal é o seu tempo de crecemento e maduración é imprescindible, así como as súas condicións máis favorables
  • Chegados a este punto debemos preparar o espazo e todo o material que imos necesitar. Debemos elixir os recipientes onde imos sementar; xardineiras, potes ou mesas de cultivo, dependendo do espazo dispoñible e do presuposto. Pode resultar difícil comezar de cero, por iso recomendamos páxinas como Pinterest onde podes atopar grandes ideas para inspirarte no deseño do teu horto.

ecohuerto urbano

Fonte: Cultura decó
  • Unha vez temos as sementes plantadas debemos coidar delas e regalas cando o necesiten. Non debemos esquecer que ter un xardín ecolóxico require tempo e dedicación constante.
  • Finalmente tócanos ter moita paciencia, observar como maduran os froitos e non collelos antes de tempo 😉

O horto como recurso didáctico

Son tantos os beneficios de coidar dun horto que moitas escolas xa o incorporan na súa programación escolar. O horto escolar é un gran recurso educativo para adquirir novos coñecementos transversalmente e traballar moitas das competencias básicas. Achegar aos nenos e nenas ao mundo da agricultura de maneira experimental permite que consoliden moitos conceptos aprendidos na clase sobre a flora, a formación do solo ou o clima, por exemplo. Pero o máis importante é que fomenta o traballo en equipo, a responsabilidade, o esforzo, a constancia e, por suposto, a sustentabilidade ecolóxica e o respecto pola natureza.

ecohuerto urbano

Ter un ecohorto, aínda que sexa nun recuncho da nosa propia casa, é unha destas cousas que teñen que facerse polo menos unha vez na vida. Como dixemos é unha actividade moi divertida con moitísimos beneficios. Agora só queda atopar o teu motivo e poñerte mans á obra, ou mellor, mans á horta! 🙂 

 

Bibliografía
  • Concello de Santiago. Normativa xeral. Ordenanza reguladora do uso de hortas municipais.  http://santiagodecompostela.gal/medi/tramites/Normativa_Municipal/1._Ordenanzas_Xerais/Contratacion/Ordenanza_reguladora_do_uso_de_hortas_municipais.pdf
  • Consejeria Agricultura, ganadería, pesa y desarrollo sostenible. Junta de Andalucía.  Ecohuerto. https://www.juntadeandalucia.es/medioambiente/site/portalweb/menuitem.220de8226575045b25f09a105510e1ca/?vgnextoid=1073d756d6359310VgnVCM1000001325e50aRCRD&vgnextchannel=dabed756d6359310VgnVCM1000001325e50aRCRD
  • Plantea. Cómo hacer un huerto urbano en casa. https://www.planteaenverde.es/blog/como-hacer-un-huerto-urbano-en-casa-3/