A dobre excepcionalidade fai referencia aos casos nos que nenos e nenas presentan dúas ou máis necesidades educativas especiais, sendo unha delas as altas capacidades, dificultando a súa identificación e intervención.
A psicopedagoga Mónica Fernández fai referencia a que entre un 14 e un 20% dos/as nenos/as con altas capacidades tamén presentan déficit de atención por hiperactividade, dificultades da aprendizaxe ou trastornos do espectro autista (Picart, 2019). Nestes casos unha boa diagnose resulta moito máis importante para levar a cabo unha boa intervención e unha adaptación curricular axeitada para evitar o fracaso escolar, aínda que cómpre destacar que se trata dunha diagnose moito máis complexa de levar a cabo.
Neste post imos falar en concreto da dobre excepcionalidade de altas capacidades e o trastorno do espectro autista, Asperger. E que mellor maneira de comezar que falando daqueles factores que caracterizan a cada un destes perfís.
Síndrome de Asperger
Comezando polo Síndrome de Asperger, o DSM (Manuel de criterios diagnósticos para o ámbito da saúde mental) clasifica os seguintes criterios para levar a cabo unha diagnose do mesmo:
- Deficiencias cualitativas na interacción social (polo menos dúas das seguintes):
- Uso deficiente de comportamentos non verbais para regular a interacción social: mirada aos ollos, expresión facial, posturas corporais e xestos para regular a interacción social.
- Incapacidade para desenvolver relacións con iguais adecuadas ao nivel evolutivo.
- Ausencia de condutas espontáneas encamiñadas a compartir praceres, intereses ou logros con outras persoas.
- Falta de reciprocidade social ou emocional.
- Patróns de conduta, interese ou actividade restritivos, repetidos e estereotipados (polo menos unha das seguintes):
- Preocupación excesiva por un foco de interese (ou varios) restrinxido e estereotipado, excesivo pola súa intensidade ou contido.
- Adhesión aparentemente inflexible a rutinas ou rituais específicos e non funcionais.
- Estereotipias motoras repetitivas: sacudir as mans, retorcer os dedos, movementos complexos de todo o corpo, etc.
- Preocupación persistente por partes de obxectos.
Altas Capacidades
Continuando coas Altas Capacidades, a comunidade científica considera que son aqueles nenos e nenas que presentan as seguintes características:
- Elevado cociente intelectual.
- Alta creatividade.
- Capacidade de aprendizaxe moi superor á media.
- Motivación na tarefa.
Dobre excepcionalidade
Pero, que teñen en común o Sindrome de Asperger e as Altas Capacidades? Pois en ambos casos son nenos/as cunha gran memoria, fluidez verbal, teñen hipersensibilidade sensorial e son monotemáticos/as con todo o que lles fascina.
Ademais, os nenos/as con esta dobre excepcionalidade poden presentar:
- Escasa flexibilidade.
- Dificultade para desenvolverse en situacións pouco estruturadas, aínda que sexa para diversión.
- Habilidades superiores á media.
- Rasgos psicolóxicos coma timidez, mostrarse retraídos/as, falta de obediencia e/ou hiperactividade/hipoactividade.
- O seu comportamento na aula é bo, pero na casa “explota emocionalmente”.
Claves para aplicar no proceso de ensinanza-aprendizaxe
Algúns trucos que nos poden ser de utilidade para levar a cabo con nenos/as que teñen este tipo de diagnose serían os seguintes:
- Utilizar estilos de aprendizaxe visuais, auditivos e kinestésicos (aprender facendo). Moito mellor se levamos a cabo combinacións entre eles para estimular diferentes partes do cerebro.
- Relacionar os contidos coas súas experiencias, buscar sempre exemplos que os leven a aprender a través de asociacións.
Pero non nos podemos deixar levar por datos, listas de características, claves… temos que pensar en cada neno/a como un ser único, especial e diferente e adaptarnos ás súas necesidades concretas, independentemente de se ten unha ou outra diagnose ou ningunha. A verdadeira clave está en, como profesor/a, pai ou nai, preguntar, falar, coñecer e como non, en acompañar e nunca etiquetar 😀