Que entendemos por educación ambiental? Realmente estamos concienciados co que facemos polo medio ambiente? O ser humano é capaz de vivir na natureza sen destruíla?
Hai millóns de preguntas que realmente son difíciles de contestar polo que está a acontecer no noso mundo. A destrución dos ecosistemas é algo que se nos dá moi ben e non somos realmente conscientes do dano que facemos. Estamos rodeados de lixo por todas partes e no canto de tentar concienciarnos de verdade e tomar medidas realmente facemos moi pouco.
Educación ambiental para mellorar o noso mundo
O ideal sería que o día mundial da educación ambiental non existise, porque supoñería que todos os humanos seriamos conscientes do fráxil planeta con ecosistemas no que vivimos, saíndo de nós mesmos os actos de coidalo, aínda que só fóra dun xeito egoísta.
Pero o certo é que actualmente isto non sucede, polo que días como este son importantes para dar un paso máis na concienciación, de pequenos/as e maiores, sobre a importancia de coidar este planeta, sendo responsables das nosas accións a nivel ambiental.
Lixo terreal e lixo espacial
Pois non contentos con manchar, destruír e encher de lixo o noso planeta resulta que xa temos lixo espacial, pero sabedes o que é?
Se buscamos na Wikipedia atoparemos que se lle chama lixo espacial ou chatarra espacial a todo tipo de obxectos artificiais que non teñen unha utilidade e que orbitan a Terra. Neste lixo podemos atopar desde restos de foguetes e satélites vellos, a restos de explosións ou restos de compoñentes de foguetes en formato po e mesmo pequenas partículas de pintura. Pero non só iso, tamén se atopa lixo espacial en asteroides e planetas nos que nin tan sequera aterramos. É tan grave o problema que xa hai países tentando poñer algunha solución.
A ONU (a Organización das Nacións Unidas), alerta de que hai miles de toneladas de chatarra que ameazan, entre outras cousas, as comunicacións. Doutra banda, a ESA (Axencia Espacial Europea) comenta que desde o comezo da carreira espacial (polo ano 1957) quedaron en órbita máis de 750.000 obxectos.
A NASA rexistrou caídas de pezas deste lixo espacial á terra, calcúlase que entre unhas 50 e 100 toneladas ao ano. Normalmente caen ao mar, pero poderían caer en calquera parte, co que temos unha ameaza constante da que realmente non somos conscientes.
A situación é alarmante e ademais non vai a menos. Todo ese lixo orbitando pon en perigo os satélites e hai moitas posibilidades de que se produzan avarías ou se destrúan, cunhas consecuencias nefastas para a nosa sociedade tan dependente desta tecnoloxía. Se o pensamos un pouco, quen podería vivir sen teléfono? quen podería vivir sen internet?
A isto haberá que sumarlle que as grandes compañías privadas de telecomunicacións tratarán de colocar megaconstelacións de satélites para abaratar custos e quedar co mercado das comunicacións, aumentando o lixo espacial e incrementando a contaminación lumínica, o que fará máis difícil o estudo do espazo.
Traballando polo medio ambiente
A comunidade internacional traballa para preservar o espazo como ben común da humanidade para as xeracións futuras, impulsando que os estados e as empresas adopten medidas voluntarias para mitigar a creación de residuos. Aínda que o certo é que isto resulta polo momento bastante utópico, invístese tempo e recursos pero non se atopa unha solución a longo prazo.
Estamos a perder realmente a visión do importante: o planeta pide axuda a berros e non nos molestamos en oílo. Terá que empezar a chovernos lixo diante das nosas casas para que lle prestemos atención? Debemos e estamos na obriga de educar e reeducar a todos os/as cidadáns para paliar a destrución do planeta, é o que temos, é onde vivimos e é o que deixaremos en herdanza. Por iso o día da educación ambiental é fundamental, pero máis importante é celebrar este día cada día con pequenas accións que reduzan o noso impacto no planeta. Empezas hoxe? 🙂