Pasamos practicamente toda a vida escolar estudando e memorizando o mesmo contido, pero de canto nos acordamos? De maneira xeral o alumnado aprende o que quere aprender e o resto memorízao para superar unha proba e esquecelo o antes posible. É isto realmente produtivo? Deberiamos deixar o contido un pouco de lado e estimular nos nenos e nenas outras habilidades? Unha desas habilidades podería ser a creatividade? Sería útil? A estas preguntas intentaremos dar resposta no seguinte post.
Cando se fala de creatividade o habitual é asociala unicamente ó mundo das artes e a un grupo reducido de persoas ás que consideramos que se lles outorgou ese “don”, pero isto dista moito da realidade. A creatividade podemos atopala en tódolos ámbitos da vida e é unha capacidade que posuímos tódalas persoas, aínda que algunhas a esquezan polo camiño.
Unha persoa pode ser creativa dobrando a roupa, cociñando, estudando, vestíndose… A creatividade non só se atopa en pintar cadros ou compoñer unha canción, tampouco ten que ser sempre útil, ás veces simplemente quédase en ideas máis ou menos tolas que, aínda que non aporten algo á sociedade, si aportan á mente capaz de telas e desenvolver a súa capacidade.
Á xente cústalle moito crer que é creativa, téñeno mitificado como unha habilidade duns poucos, non se dan conta de que é unha capacidade coa que naceron, pero que deixaron de estimular dende moi pequenos/as. Basta con observar a un neno/a xogar para ver a súa capacidade de imaxinar, crear, inventar… e xeralmente somos os adultos os que freamos esa capacidade. Cantas veces vivimos unha situación na que un neno/a está xogando “mal” a un xogo e os adultos intentan que xogue da forma correcta. En realidade non está xogando “mal” senón que está xogando á súa maneira, está sendo creativo/a.
Existen moitas definicións de creatividade. Que hai máis creativo que cada persoa defina a creatividade de maneira distinta. 🙂 Para min é a capacidade der ver algo onde non hai nada, de non deixarse levar por medos e prexuízos e explorar a fondo a capacidade que cada un/unha ten para pensar, crear, imaxinar… é xerar ideas, resolver problemas e divertirse. Moitas veces pénsase que a creatividade é unha habilidade que se desenvolve en soidade, pero a realidade é que en equipo é como mellor se traballa. Ver como pensa o resto, aportar sobre as ideas dos demais dando novos puntos de vista ás súas ideas. Sempre é enriquecedor e axuda a abrir a mente a novas perspectivas.
Ultimamente estase a falar moito de creatividade, parece que comeza a ter a importancia que se merece. Nun mundo en constante cambio, onde o avance tecnolóxico nos vai sorprendendo día a día e non sabemos que futuro nos ten preparado, é importante traballar e estimular a capacidade creativa do noso alumnado. Pero… por que? Estas poden ser algunhas das razóns.
Permite avanzar á sociedade e que non nos estanquemos
Detrás de cada cambio, de cada innovación, hai unha ou varias mentes creativas. Todo o avance que vivimos no pasado, que estamos a vivir actualmente e viviremos no futuro é froito da creatividade. Dende o que tivo a idea de poñerlle un pau a un trapo ata a idea de crear unha plataforma online na que podes ver as series cando e como queiras.
A creatividade adapta o mundo ás necesidades das persoas e constantemente é a solución ós nosos problemas.
Estimula a curiosidade
A creatividade e a curiosidade teñen unha relación bidireccional. Deixar que un neno/a experimente con liberdade aumenta a súa curiosidade e ganas de seguir aprendendo e investigando, ó mesmo tempo que estimula a súa creatividade.
Se como docentes logramos conseguir que os nenos/as sintan curiosidade xa temos medio camiño percorrido. En VermisLAB, por exemplo, un dos primeiros días de clase desmontamos cos nenos/as distintos aparellos e quedan alucinados/as, fan moitas preguntas, moitos/as nunca viran un por dentro e o único que queren é saber máis. Sérvenos para crear neles/as esa curiosidade por ver como funcionan as cousas, como son por dentro e a partir de aí crear novos usos.
Prepara ós/ás nenos/as para un futuro onde se adicarán a profesións que a día de hoxe non existen
A sociedade está avanzando como nunca antes sucedera. É bastante probable que os nenos/as nun futuro teñan traballos que a día de hoxe non podemos nin sequera imaxinar. Como os/as preparamos para iso? Como preparas a xeracións enteiras para algo que nin sequera coñeces? A tarefa non resulta doada.
Para iso a creatividade parece a clave, creatividade para resolver problemas e para facerlle fronte a tal encrucillada. En 2010 a empresa IBM, un referente a nivel mundial, levou a cabo un estudo onde participaron 1500 directores executivos de 60 países distintos que chegaron á conclusión de que para navegar con éxito nun mundo cada vez máis complexo será imprescindible a creatividade, considerándoa o factor crucial para o éxito no futuro.
O sistema educativo precisa adaptarse ó novo ritmo da sociedade. Non podemos saber os retos que nun futuro terá que afrontar o noso alumnado, pero si podemos preparalo para a resolución de problemas. Non podemos coñecer todo o que lles será útil saber para o seu futuro traballo, pero si estimular a súa capacidade para xerar ideas. Xa non se trata de memorizar, trátase de pensar, crear, imaxinar, trátase de crear a túa propia maneira de aprender… trátase de CREATIVIDADE.