Estamos en plena semana de volta ao traballo e ao colexio. As festas terminaron e toca volver á rutina e non sempre é un prato de bo gusto. En ocasións ós/ás peques cústalles volver ao cole, por moito que lles guste.
Despois de pasar uns cuantos días de festas, grandes celebracións familiares, días enteiros de xogos e diversión… é normal que os/s nenos/as manifesten certa irritación, enfado, tristeza ou mesmo ira. É normal e debemos deixar que se expresen, pero a clave está en mostrarlles todo o positivo que ten a volta ao cole e acompañar esta actitude positiva cunha serie de tips que podemos poñer en práctica para que se afagan rapidamente ás rutinas e horarios habituais:
Consellos para superar a volta ao cole tras o Nadal
- Agora xa estamos en plena volta ao cole, pero sería interesante que durante todas as vacacións de Nadal tratásemos de manter os horarios e rutinas habituais dos/as máis pequenos/as. Evidentemente en días como Noiteboa ou Fin de ano esta rutina rompe, pero cambiar os horarios dous días fronte a dez días de vacacións axudará a que os/as peques manteñan certa estabilidade.
- O día anterior á incorporación ao cole podemos falar cos/as peques e tratar de enumerar todas as cousas positivas que ten a volta ao cole: volver ver a amigos e profes, contarnos todo o que fixemos en vacacións, ensinarnos os xoguetes novos, volver xogar no recreo, etc.
- Ese mesmo día podemos facer máis énfase na rutina de soño e hixiene: un baño quente, un conto antes de durmir ou unha película relaxante, unha cea lixeira e evitar xogos nas horas próximas a deitarse. Todo iso facilitará que á hora de deitarse o/a peque concilie antes o soño e descanse ben para enfrontarse ao primeiro día de cole tras as vacacións.
- Ao volver do cole é importante que a primeira semana ou os primeiros quince días manteñamos unha proporción de tempo de xogo considerable. O xogo nos/as nenos/as é esencial e máis se veñen dun período no que tiñan todo o tempo do mundo para xogar. Estas semanas podemos aproveitar para seguir facendo actividades como ir ao cinema, pasar máis tempo no parque, ir xogar a casa dos/as amigos/as, preparar algunha comida ou cea con invitados en casa…
- Tampouco hai que preocuparse se os/as peques levan de novo o seu xoguete favorito a clase, a súa manta de durmir ou calquera outro obxecto de aprecio, iso fará que se sinta máis consolado/a e seguro/a.
- E por último debemos ser un bo exemplo para eles/as. Os/as peques aprenden en gran medida por imitación, se nos ven tristes, queixándonos constantemente por volver ao traballo e desgustados por ter que volver á rutina, eles/as actuarán do mesmo xeito.
A volta ao cole non ten por que ser un problema, simplemente debemos estar máis atentos/as ás necesidades dos/as peques e a non descontrolarse en exceso durante as vacacións. O apoio e o agarimo farán que a volta ao cole tras o Nadal sexa todo un éxito 😀