Os avances en ciencia e tecnoloxía están a cambiar o panorama mundial tanto a nivel social como educativo. De feito, según a Asociación Española para a Dixitalización, crearanse nos próximos catro anos máis de 1 millón de empregos en perfis STEM. Aínda que nós avogamos máis polo STEAM 😀
Hai quen di que algúns dos traballos do futuro aínda non existen e, a pesar de que isto nos pode chamar a atención, non é algo novo, só temos que pensar en Influencers, Youtubers, Community Manager ou pilotos de drons, traballos que xurdiron do cambio social do que estamos a falar.
Como non pode ser doutra forma, todo cambio social plantexa cambios a nivel educativo, por iso ámbitos como o da robótica cada vez teñen máis cabida na formación formal. Pero a sociedade comeza a cuestionarse e xorden diferentes preguntas: deberiamos ensinar robótica ós/ás nenos/as dende pequenos/as? Cal sería a mellor idade para inicialos/as?
Responder a estas preguntas é un tema controvertido e cargado de diversidade de opinións, pero o único realmente certo é que este é o mundo que entre todos/as creamos para eles/as e é importante que o coñezan, saiban como funciona e teñan coñecementos para enfrontarse a el. No caso da robótica, non significa que todos/as teñan que ser enxeñeiros/as en mecatrónica, pero coñecementos básicos neste campo lles serán útiles para o día a día nun mundo cada vez máis robotizado.
Por iso, se o/a teu/túa fillo/a ten entre 3 e 6 anos e queres inicialo/a no mundo da robótica a través do xogo, aquí tes varias posibilidades que poden ser moi interesantes. Aínda que nos gustaría que todas estas opcións fosen libres e de acceso gratuíto, non sempre é así 🙁
Programación
Cubetto trátase dun robot feito de madeira que conta con fichas de programación, un taboleiro de control e distintos mapas e contos nos que vivir incribles historias. A creatividade xogando con Cubetto é fundamental 😀
Como funciona? Dependendo do percorrido que queiramos que leve a cabo o noso robot temos que colocar as distintas fichas de programación que lle indican ir recto, xirar á dereita ou xirar á esquerda. Pero, que ten de especial? Cubetto tamén traballa con funcións, o que en programación se podería definir coma un conxunto de ordes. Isto permite ós/ás nenos/as experimentar máis alá das ordes básicas. Introducindo funcións no medio das súas programacións trabállase moito máis o pensamento computacional.
O problema que nos pode plantexar Cubetto é o prezo, pero existen robots deste estilo e máis económicos como pode ser o Escornabot, do que xa falamos noutras ocasións, ou o Code and Go Robot Mouse. Este último móvese a través dos distintos botóns que ten o propio robot, pero ademais conta con diferentes pezas coas que os/as nenos/as poden crear os seus labirintos e unha serie de retos para superar. A liberdade á hora de crear e xogar é fundamental!
Existen moitos outros robots que seguen máis ou menos esta dinámica de aprendizaxe coma Matatalab, Bee Bot, Doc o Robot, Robo Wunderkind de robótica modular con tablet ou mTiny, a última novidade de Mblock.
Electrónica
Robótica non só é programar, senón que a electrónica é unha parte tamén fundamental deste campo. Cos Electrónic Block Kits os/as nenos/as poden comezar a facer os seus propios circuítos a partir dos 5 anos e así se van familiarizando cos distintos compoñentes e de como funciona cada un deles. O mellor destes kits é que existen multitude deles para as diferentes idades, así os/as nenos/as poden ampliar coñecementos a medida que crecen. Ademais o sistema de conexión dos diferentes compoñentes é moi sinxelo e axeitado para nenos e nenas moi pequenos/as.
Neste sentido, tamén existen os kits de Brick’R’knowledge. Os/as nenos/as poden aprender as estruturas dos circuítos a través dun sistema de módulos que teñen unha conexión moi áxil. Ademais, tamén conta cun set relacionado coas enerxías renovables, o que pode resultar moi interesante 😀
Mecánica
Neste apartado seguramente non traemos nada novo, pois quen non coñece ou xogou algunha vez con Meccano. Este tipo de xogos permite ós/ás máis pequenos/as levar a cabo diferentes construcións coas que aprender, sen darse conta, sobre como funciona o movemento. A mecánica tamén é moi importante dentro do ámbito da robótica e se dende pequenos/as comezan a comprender como funcionan os engrenaxes, as poleas, por exemplo, todo lles resulta máis sinxelo 😀
Neste sentido tamén podemos contar cos distintos xogos que nos ofrece Lego, a través das distintas creacións que podemos levar a cabo cos seus bloques, introducindo a parte da programación nalgúns dos seus kits máis novidosos para os/as máis maiores.
A través destes recursos non só aprenden os/as máis pequenos/as, senón tamén os/as maiores que os/as acompañamos na súa aprendizaxe. E se resulta que xogando coa robótica descubres un ámbito interesante e queres continuar a investigar, que saibas que xa falamos sobre a robótica en educación, unha lectura que de seguro desfrutarás 🙂