A astronomía sempre chamou a atención da xente aínda que non o soubesen. Quen non mirou de neno/a un día desde a súa xanela o ceo nocturno e preguntouse “que é iso que vexo?”, ou “que haberá aí fóra que eu non alcanzo a ver?” Pois esas preguntas son as que fan que a astronomía xurda no noso interior, esa curiosidade que non sabemos resolver é o que fai que as persoas se convertan en astrónomas. A astronomía é a rama da ciencia que estuda todos os corpos celestes do universo, e non só os obxectos celestes en si, senón o seu movemento, os fenómenos que estes provocan e a mesma creación e formación do universo a través deste estudo.

Aínda que pareza unha rama da ciencia complicada, ou só apta para os estudosos do universo, a astronomía é considerada pola maior parte da xente como un hobby, algo que che fai sentir ben cando resolves por ti mesmo/a enigmas que escapan á comprensión de moitos/as e algo que che fai desenvolverte como persoa. O caso é que moitos/as de nós sentímonos amedrentados/as polo feito de que a astronomía é difícil, pero aquí traémosvos todo o que necesitades saber para iniciarvos na astronomía e poder compartir cos/as máis pequenos/as este marabilloso mundo.

aprender astronomia

Que necesitas para iniciarte na astronomía?

Aínda que non o pareza o ceo nocturno cambia constantemente, aínda que sempre nos pareza ver os mesmos puntos brillantes non están sempre no mesmo lugar. Por esa razón, o primeiro que necesitamos é saber que estamos a ver ou que temos encima de nós e podemos ver. Para iso necesitamos un mapa celeste

Un mapa celeste é un plano que nos mostra as estrelas que están no noso campo de visión. Estes mapas son específicos para unha data en concreto e para unha localización, dado que non son as mesmas estrelas as que se ven en xaneiro que as que se ven en xuño, e non son as mesmas no hemisferio norte que no hemisferio sur. Estes mapas celestes poden parecer difíciles de atopar, pero agora hai unha chea de aplicacións gratuítas que os conteñen, ou podemos atopalos nos planisferios. Estes planisferios son uns mapas móbiles nos que temos que marcar a data na que imos mirar o ceo e mostraranos o mapa celeste dese dia. Véndense en planetarios e museos, ou nas librerías, pero a mellor forma de obtelo e a máis divertida é facelo ti mesmo/a ou cos máis pequenos e pequenas da casa. Para iso pódense seguir algúns titoriais que podemos atopar na internet como este da Agrupación Astronómica Magallanes.

astronomia osa mayor

O uso do planisferio é moi sinxelo, viramos a esfera ata que a marca da peza central sinale a data da noite na que miraremos as estrelas e mostraranos o mapa das estrelas que poderemos ver sobre nós.

Onde debo ir para ver as estrelas?

Cando xa sabemos o que poderemos ver, tócanos decidir onde estaremos para velo. Esta cuestión faise máis difícil de responder a medida que a evolución humana avanza dado que o crecemento exponencial das cidades fai que aumente a contaminación lumínica de moitas zonas. Esta contaminación provoca que os/as astrónomos/as que viven nas cidades grandes se teñan que desprazar grandes distancias para poder gozar da súa paixón. 

Non hai unha resposta certeira sobre que lugar é mellor para ver as estrelas, por exemplo, no alto dunha montaña non terás interacción de nubes nin contaminación baixa, pero terás a interacción de contaminación  lumínica das cidades próximas. Nunha praia tes a vantaxe de que apuntando cara ao mar non hai cidades polo que a contaminación lumínica será menor pero terás máis capa de atmosfera que a luz debe atravesar e posiblemente polución que che obstaculice un pouco a visión. Por iso o mellor é que probes en distintos lugares preto da túa zona e comprobes cal é o que che ofrece mellores condicións de visibilidade.

astronomia luna satelite

Cales son as mellores condicións para observar as estrelas e a lúa?

As condicións que necesitamos son, en primeiro lugar, un ceo despexado na medida do posible, neste caso o maior condicionante que podemos ter é a lúa. Se queremos ver a lúa e os seus cracteres e cordilleiras, obviamente necesitamos que estea presente, e canto máis iluminada mellor. O caso é que non sempre o astro será a personaxe principal das nosas escapadas, polo que necesitaremos que nos contamine o menos posible. Por esa razón para ver as estrelas e demais astros necesitamos que a lúa non sexa visible ou que estea en cuarto crecente, dado que só aparecerá ao principio da noite e logo irase. Nesas condicións estaremos ante un ceo perfecto para ver o cosmos.

Como empezar a observar o cosmos?

A mellor maneira de comezar é a ollo, como sempre se fixo. Comeza por familiarizarte cos mapas celestes e a recoñecer constelacións e planetas que son observables a primeira ollada. Deste xeito podemos abarcar unha gran parte do que a astronomía ofrece. 

O seguinte paso é usar uns prismáticos, cuns simples duns 7 ou 10 aumentos poderemos ver perfectamente os cracteres e cordilleiras da Lúa, os planetas e lúas de Xúpiter e algunha galaxia de grandes dimensións. Cuns bos prismáticos teremos astronomía para algúns anos dado que hai moito que ver no ceo. 

O momento crítico de todo fan da astronomía é a compra dun telescopio. Este dispositivo permítenos ir máis aló da visión que temos do cosmos e contemplar claramente planetas e galaxias máis afastadas do que podemos imaxinar. O caso é que estes dispositivos son caros, e difíciles de manexar e transportar, por iso a elección do telescopio para comprar é a máis dura do mundo da astronomía. 

astronomia telescopio niños

Por iso, antes de comprar ningún telescopio recomendámosche que entres nalgunha asociación de afeccionados á astronomía que se atopan por todo o mundo. Estas asociacións adoitan celebrar eventos de observación e xuntan a profesionais con afeccionados de modo que alí poderás probar diferentes telescopios e falar coa xente de cal é o apropiado para os teus coñecementos e para o que ti queres observar. 

De tódolos xeitos podes investir nun telescopio pequeno, antes de pasar a un super profesional que é máis caro e difícil de manexar, deste xeito cando non teñas moito tempo e queiras facer unha escapada podes levar o pequeno e non investir un gran tempo en montar e calibrar o grande.

Consellos para iniciarse na astronomía

O mellor consello que se pode dar é abrigarse, dado que aínda que sexa no verán, ao estar quieto durante a noite no exterior nótase o frío. O outro consello é ir sempre acompañado, a compañía é o que fai divertida a astronomía dado que se observas algo impresionante sempre terás con quen compartir a experiencia. 

Algo a ter en conta é a paciencia, temos que entender que o universo é caótico, e que nada se vai a poñer ao dispor dos nosos desexos. Se saímos de casa cun ceo despexado e despois de gastar o tempo en montar o telescopio e calibrar, o ceo se nubla, non debemos desesperarnos dado que esta ciencia baséase na paciencia de esperar ao que queremos atopar.

astronomia cielo

Recursos para iniciarse na astronomía

Na internet poderemos atopar infinidade de recursos para astronomía. Os máis utilizados por principiantes son as apps de astronomía entre as que podemos atopar SkEye que é un planisferio con xiróscopo, iso quere dicir que se viramos o móbil mostraranos exactamente que astros temos sobre a nosa cabeza. 

Outra app deste estilo é SkyMap, que conta cunha chea de funcionalidades como órbitas de cometas e calendarios de choivas de meteoros. 

Coa app Fases de la Luna terás un calendario preciso de como se atopa a Lúa, por onde sairá e por onde se poñerá; ademais de eventos como lúas de sangue e outros eventos do noso satélite. 

Falando de satélites tamén temos a app SatTrack que nos indica por onde están a circular a maior parte dos satélites artificiais que viaxan pola nosa atmosfera, así como da estación espacial internacional, por se te cansas de ver astros naturais.

Esperamos que este post che servira para perder o medo a iniciarte na astronomía ou para gañar curiosidade. Vémonos nas noites estreladas! 😉