A intelixencia artificial é un termo que soa a ciencia ficción, pero en realidade e algo que xa se está a empregar nesta sociedade 4.0 en moitos ámbitos da vida. Hai varias definicións que se poden adaptar a Intelixencia Artificial, pero en xeral poderíase dicir que é unha rama das ciencias computacionais na que se estudan conxuntos de ordes capaces de realizar accións propias dos humanos tendo en conta dúas características, o razoamento e a conduta. Isto quere dicir que unha máquina pode utilizar información que recibe de acontecementos exteriores para decidir cal é a mellor acción para chegar ao obxectivo final satisfactoriamente. Do mesmo xeito poderían ter en conta os erros cometidos para cambiar a súa conduta en sucesos posteriores.
Dende os tempos dos antigos de Aristóteles vense falando da intelixencia artificial aínda que dende o ámbito da filosofía e a imaxinación. Porén a primeira definición de Intelixencia Artificial se acuñou en 1956 dado que ata ese momento non había un consenso claro. A partir de alí e grazas ao desenvolvemento da tecnoloxía e das linguaxes específicas evolucionou moito máis rápido. De feito, no ano 1997 o campión mundial de xadrez perdeu contra unha intelixencia artificial autónoma chamada Deep Blue, e a partir dese momento comezaron a aparecer distintas intelixencias artificiais que eran superiores aos humanos xogando a xogos de lóxica, con menos tempo de reacción e unha eficacia superior. Así chegamos ao ano 2017, cando por primeira vez se supera o test de Touring, no que un humano non foi capaz de recoñecer unha computadora nunha conversación a cegas.
Fonte: Giztab
Usos da IA na actualidade
- Nos videoxogos, para recrear o movemento dos xogadores non persoais, é dicir, dos membros do xogo que non son manipulados por unha persoa.
- Na industria, para a optimización de métodos de fabricación e loxística.
- Na medicina, onde se fan modelos de posibles expansións dunha enfermidade ou de efectos secundarios.
- Na minería de datos, unha rama da estadística na que se intentan descubrir patróns dentro dun gran volume de datos, cousa que manualmente levaría anos feito por un humano.
- Machine Learning ou aprendizaxe automática das máquinas, ofrécenos uns produtos ou outros e poden predicir que produtos podemos querer mercar ou que produtos queremos ou precisamos coñecer mediante as nosas pesquisas e lugares que visitamos, entre outros factores. É usado, por exemplo, por empresas como Google ou Amazon nos servizos de publicidade e marketing intelixente.
Fonte: Tyn magazine
Usos da IA na educación
O que a nós nos interesa é como podemos aplicar esta tecnoloxía na educación dos/as nenos/as. Neste ámbito esta tecnoloxía aínda non esta moi explotada pero podemos atopar varios exemplos de uso:
- Aprendizaxe dunha lingua. Consiste en utilizar a corrección de respostas para potenciar os erros nas seguintes preguntas de xeito que reforza máis as partes nas que o estudante falla. Deste xeito o usuario non só é avaliado polos seus acertos senón que aprende a partir dos seus propios erros.
- Bot de asistencia de información da universidade CEU Cardenal Herrera en Castellón. Consiste nunha intelixencia artificial para solucionar as dúbidas que os/as usuarios/as poidan ter no ámbito de horarios, documentación e inscricións.
- O Machine Learning tamén ten na actualidade cabida na educación en proxectos coma Eduband que desenvolve a Carnegie Mellon University en Pittsburg. Traballan con todas as variables que interveñen na educación dos/as estudantes para poder adaptar as ferramentas educacionais ás necesidades que teña o alumnado.
Vantaxes da IA na educación
Esta nova tecnoloxía pode aportarnos moitas vantaxes á hora de educar aos nosos/as cativos/as dado que podemos pasar dunha educación xenérica para todos os perfís aplicada de igual xeito a unha educación personalizada e á medida do/a estudante.
- Análise de datos referentes a un/unha neno/a nunha educación en concreto. Deste xeito é onde a Intelixencia Artificial aparece para analizar esa masa de datos de cada alumnado como individuos e como grupo para poder decidir que metodoloxías ou ferramentas se deben usar con cada grupo e en particular con cada alumno para que o proceso de aprendizaxe sexa o máis eficiente.
- Acabar coas tarefas repetitivas que o profesorado realiza e que supoñen unha carga temporal e enerxética que se podería empregar noutros procesos máis específicos ou individuais. Estes procesos que poden ser a correccións de tests ou traballos persoais pode ser levado a cabo por sistemas con máis rapidez e con máis precisión que o propio profesor/a, obtendo de forma transversal datos de cada alumno/a que poderían ser usados para o estudo da súa educación posterior.
- Fomentar a aprendizaxe colaborativa dado que se poderán facer grupos afíns para realizar tarefas en conxunto incrementando a efectividade da aprendizaxe. A Intelixencia Artificial poderá estudar as capacidades de cada alumno/a e crear grupos con carencias que poidan ser solucionadas ou complementadas polos coñecementos doutros membros afíns.
As ventaxes da aplicación da Intelixencia Artificial na educación son moitas. De feito son tantas que poderían marcar un antes e un despois na evolución do ensino. Non resulta difícil chegar á conclusión de que do mesmo xeito que a sociedade e a tecnoloxía avanzan, a educación ten que facelo ao mesmo ritmo.