“XA É PRIMAVERA EN VERMISLAB! E en todo o hemisferio norte…”

Como pasa o tempo! Fai pouco desfrutabamos da Navidad e do pracer dun chocolate quentiño ó chegar á casa e xa estamos a mediados da primavera… as flores, os paxariños, os días longos e luminosos, o olor a terra mollada cando chega unha treboada que limpa o aire de polen… son moitas as alegrías que nos aporta esta estación, que chega puntualmente todos os anos no mes de marzo, para os que vivimos no hemisferio Norte, ou en setembro para os do Sur.

Aínda que non todas as primaveras son iguais, ás veces máis calurosas, noutras neva, moitas choivas ou poucas… a súa chegada oficial ten un motivo astronómico e polo tanto ocorre sempre polas mesmas datas. Isto ocorre cando, no seu movemento aparente anual, o Sol cruza o ecuador celeste pasando do hemisferio celeste sur ó hemisferio celeste norte. Neste ano 2017 isto aconteceu o 20 de marzo cara as 11:30 da mañá (hora oficial española). Pero vexamos que significa isto…

astronomia estaciones hemisferios

Fonte: Blog de Bernardo Pombo

Todos sabemos que é o ecuador, esa liña imaxinaria que corta a Terra en dous hemisferios Norte e Sur. Ben, imaxinemos un plano que corta a Terra polo ecuador e prolongámolo cara o ceo, pois cortaremos a nosa esfera celeste tamén en dous mitades: o hemisferio celeste Norte e o hemisferio celeste Sur, separados pola liña chamada ecuador celeste. Isto quere dicir que teremos estrelas en constelacións no hemisferio Norte (celeste), por exemplo a constelación da Osa Maior, e outras no do Sur, coma a de Saxitario.

Recordemos tamén que a Terra xira ó redor do Sol no seu movemento anual. Pero, desde o noso punto de vista, é o Sol o que semella avanzar pouco a pouco por unha liña á que chamamos eclíptica.

Por iso, chega un día no que cruza o ecuador celeste pasando do Sur ó Norte dando lugar ó comezo da primavera. Cando dentro de seis meses lle toque voltar ó hemisferio Sur, daremos a benvida ó outono. Estes momentos son os coñecidos como Equinoccios, días nos que a noite e o día duran o mesmo. Curiosamente, se estivésemos xusto no polo norte, este día amencería, por fin, despois de non ver o Sol durante seis meses e nos esperaría un día longuísimo de nada máis e nada menos que outros seis meses.

astronomia estaciones equinoccios

Fonte: Wikipedia

A medida que avanza a primavera vemos como o día vai gañando horas á noite e como o Sol sube cada día máis no ceo, dándonos a luz e a calor propias destas estacións e que producen cada ano o despertar da natureza e unha explosión de vida.

Vale, de día flores e paxariños e… pola noite que?

De día non se ven as estrelas, claro, xa o sabemos, porque o Sol brilla tanto que non nos deixa velas (bueno, en realidade se non tivésemos atmósfera si que se verían, pero ese é outro tema, de momento imos ó fácil).

Polas noites, si que se ven pero son sempre as mesmas?

Pois non, durante o inverno, a constelación máis espectacular é sen dúbida a de Orión, pero, a medida que a primavera avanza, cada vez será máis difícil vela, xa que cada día o Sol sae máis cedo e ademais os días son máis longos. Aínda que sempre podemos contar con outras constelacións coma a Osa Maior ou Casiopea, teremos que esperar a que a noite avance para ver, as tamén espectaculares, Escorpio ou Saxitario que, porén, locen espléndidas nas noites de verán.

As constelacións, e as estrelas que as forman, sempre ocupan o mesmo lugar nas mesmas datas, pero non acontece o mesmo cos planetas. Precisamente o termo planeta deriva do grego e significa “errante”, é dicir que vai dun lado a outro. Se non nos crees, te retamos a que o comprobes ti mesmo, Mercurio, Venus, Saturno e Xúpiter que se coñecen desde a antigüidade pódense ver a simple vista, intenta atopalos e xa nos contarás 😛

Poderemos observar algún planeta durante a primavera?

Pois si. Despois de ter durante todo o inverno a Venus moi brillante ó atardecer, podemos velo agora en todo o seu esplendor pero no ceo matutino. Se eres dos que madruga, o poderás ver cara o Este antes de saír o Sol, cada día un chisco máis alto. Marte e Mercurio non se poderán ver porque se poñen ó atardecer, Saturno se verá estupendamente pero nas horas centrais da noite… (bufff que sono!), así que imos prestar atención a Xúpiter, que nunca defrauda.

Nesta época Xúpiter pódese ver case a calquer hora da noito. Cando oscurezca xa terá salido e se verá cara o Este e se porá polo Oeste xa de madrugada.

Xa falamos de Orión, Escorpio e outras constelacións, pero… que é unha constelación?

Pois é unha parte do ceo que contén un grupo de estrelas que tradicionalmente se relacionaron cunha figura, como un oso, unha ave ou unha coroa. Dividiuse o ceo en 88 constelacións, moitas delas teñen unha orixe moi antiga e conservan o seu nome tradicional, abunda as personaxes mitolóxicas como Orión, Andrómeda ou Cefeo.

En realidade, as estrelas dunha mesma constelación non teñen por que ter ningunha relación entre elas, só nos parecen próximas por efecto da perspectiva, do mesmo xeito que na foto dunha paisaxe podemos ter unha árbore ó lado dunha montaña estando na realidade a moita distancia. Pero coñecelas e saber identificalas é moi útil para orientarnos no ceo nocturno e saber situar as estrelas, nebulosas ou planetas, por uso case sempre é o primeiro que nos ensinan cando imos a unha observación astronómica.

astronomia estaciones contelaciones-jupiter-venus

Fonte: Stellarium

Todos os planetas do sistema solar, incluído o noso, xiran arredor do Sol máis o menos no mesmo plano. Polo tanto, desde o noso punto de vista, todos avanzan por unha liña “ancha” que non é outra cousa que a eclíptica. Por isto verémolos avanzar sobre o fondo das estrelas “fixas” polas constelacións do zodiaco, este avance verase moito máis lento canto máis lonxe esté o planeta.

Teremos a Xúpiter na constelación de Virgo durante meses. Se non sabemos como é esta constelación non pasa nada, pois aparte da Lúa e da estrela Sirio – que nestas datas só se pode ver un anaco ó anoitecer – é o obxecto máis brillante do ceo nocturno.

astronomia estaciones planetas

Fonte: Comicdiary

Búscao cara o Este cando xa sexa bastante noite, o verás brillar dun xeito especial, pois a luz dos plantenas non “treme” como si acontece coa das estrelas (ó non ser que aínda esté moi próximo ó horizonte). Tes dúbidas? Pois colle os prismáticos, escapa das farolas e luces todo o que poidas, pon os codos sobre algo firme, e apunta con eles. Se ves unha estrela “gordiña” e outras pequeniñas ó redor, e ao día seguinte están colocadas de diferente xeito, podes estar seguro, estás vendo ó planeta Xúpiter e ós seus satélites maiores (os chamados satélites Galileanos). Unha bonita visión tan só cuns prismáticos, aínda que se tes un telescopio pois moito mello. Desta forma, Xúpiter xa non vai semellar unha estrela, senón unha boliña branca e verás máis claramente os satélites.

astronomia estaciones jupiter

Fonte: wikimedia

Iso si, non esperes velo coma nas fotos das revistas, coas súas bandas de cores, a gran mancha vermella, os volcáns de Ío… iso é cousa de grandes telescopios e imaxes de misións espaciais! Aínda así… é tan bonito! 🙂

A primavera é unha boa estación para animarse a ver o ceo nocturno, xa non vai tanto frío (aínda que o abrigo segue sendo unha boa idea) e ademais non hai que esperar a moi tarde para que sexa noite. Así que xa sabes… busca un lugar escuro, desempolva os prismáticos e a cazar estrelas e planetas!
Autora: Carmen Castro